1/8/11

Logotipo e obxectivos do EDLG


Velaquí tedes o logotipo deseñado no centro para o EDLG.

O noso equipo está formado por catro profesores/as: Xosé Seoane (coordinador), Natalia Veira, Ánxeles Lesta e Belén Iglesias, e unha chea de alumnos e alumnas.
Os nosos obxectivos son:
1. Potenciar o uso do galego en todas as actividades do centro, impulsando a súa presenza progresiva e coherente nas diferentes áreas curriculares e, en xeral, na vida do centro, para posibilitar que todos os seus membros, especialmente o alumnado acade a competencia efectiva en lingua galega.
2. Valorar positivamente o uso da lingua galega entre os membros da comunidade educativa reforzando o traballo entre todos os integrantes da comunidade escolar para a superación progresiva dos esquemas diglósicos e dos prexuízos asociados, así como da súa consecuencia máis inmediata, o rexeitamento do idioma propio.
3. Posibilitar e fomentar a ampliación do uso da nosa lingua por parte da comunidade educativa, tanto na oralidade como na escrita, e afianzar a confianza e dignidade no seu emprego como vehículo natural e propio de comunicación.
4. Fomentar a consideración da diversidade lingüística como un dereito e unha bagaxe cultural imprescindible para o desenvolvemento persoal dos cidadáns.
5. Promover o uso activo de ferramentas das tecnoloxías da información e comunicación en galego.
6. Colaborar na formación do profesorado procurando a adquisición de instrumentos de uso didáctico co galego como lingua vehicular.
7. Implicar activamente a toda a comunidade escolar, en especial o alumnado, nun labor dinamizador do uso da lingua galega e da súa valoración positiva, con repercusións máis alá dos límites do centro.

Máis polo miúdo, pretendemos:

Para mellorar a situación lingüística no centro:
 Potenciar o uso oral e escrito do galego en todas as actividades do centro, facéndoo visíbel en todas os espazos.
 Demostrar o valor do galego como manifestación cultural oral e escrita a través da organización de distintos actos, certames e representacións.
 Contribuír á eliminación de prexuízos ou trabas lingüísticas en calquera situación.
 Introducir a problemática sociolingüística como tema de reflexión para realizar unha análise profunda, rigorosa e actualizada da situación lingüística do centro.
 Prestixiar o galego como lingua vehicular, converténdoo en instrumento útil para a nosa mocidade e evitando a quebra lingüística xeracional.
 Mellorar as competencias lingüísticas activas e pasivas entre o alumnado, profesorado e persoal non docente, proporcionándolle asesoramento e material cando sexa posible.
 Contribuír a que cada vez se estenda máis o uso do galego nas novas tecnoloxías.

Para mellorar a situación lingüística do profesorado e do alumnado:
 Animar a formación do profesorado contribuíndo no proceso de adquisición de instrumentos de uso didáctico co galego como lingua vehicular.
 Concienciar ao profesorado e ao alumnado da necesidade de usar o idioma en todos os ámbitos e áreas, implicando a todos os axentes no proceso normalizador.
 Contribuír a que cada vez se estenda máis o uso do galego nas novas tecnoloxías.
 Mudar actitudes lingüísticas negativas cara ao galego existentes entre o alumnado por outras máis positivas.
 Detectar e neutralizar actitudes negativas cara ao galego existentes entre o profesorado.
 Editar materiais destinados a profesorado, alumnado, persoal non docente e pais para facer normal o uso do galego estándar escrito.
 Motivar a alumnado e profesorado a expresarse por escrito en lingua galega.

Para mellorar e dinamizar o contorno sociolingüístico do centro:
 Implicar a comunidade educativa nas actividades promovidas no centro procurando a súa participación activa.
 Fomentar as relación interxeracionais a través da edición de documentos e materiais en lingua galega.
 Procurar a participación de todos os membros da comunidade en saídas e roteiros polo contorno.
 Proporcionarlle aos membros da comunidade educativa información sobre as actividades do equipo a través de trípticos informativos e outros documentos.
 Intercambiar experiencias, coñecementos, manifestacións culturais e lingüísticas con outros centros e equipos de dinamización da lingua galega.
 Participar activamente nas actividades desenvolvidas dende o concello e outras institucións.

Para acadar estes obxectivos organizamos, coa colaboración de todos os membros da comunidade educativa do centro, unha chea de actividades ao longo do ano das que vos iremos informando.

En galego: entre todos e para todos.
EDLG