26/3/12

Exposición de banda deseñada

Este mes o EDLG incorpora unha nova exposición  para dar a coñecer 
  algunhas das máis importantes publicacións  de banda deseñada en galego . 
Trátase de 66 láminas   nas que  se recollen mostras  de CÓMIC, TEBEO, HISTORIETA
VIÑETA, ILUSTRACIÓN, MANGA  , HUMOR GRÁFICO, FANZINE, TIRA DEBUXADA etc
Non deixedes de velas, paga a pena.

25/3/12

Un curso de galego ben divertido.


Isto é Galego, unha produción de Cuac FM, é o resultado dun traballo feito por voluntarios, con ilusión e creatividade. Procuraron facer un produto radiofónico entretido e dinámico. O curso completo ten 13 capítulos; pódese escoitar (ou descargar) o audio, ou hai alternativa de seguilo nunha serie de vídeos da emisora.En You Tube tamén podes atopar varios episodios. Aquí vos deixamos o audio do primeiro programa , no que se aclaran algúns "falsos amigos" como niño , vello ou polbo de xeito moi divertido. Escoitádeos.
Tampouco perdades a sección de tradución . Aprenderedes rindo.
 

21/3/12

Que é a toponimia?

Durante este mes estivo desenvolvéndose o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polo Instituto de Estudo Miñoranos en colaboración coa Universidade de Vigo e os concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra.

        Neste vídeo o especialista en toponimia Gonzalo Navaza salientou o perigo de perder esta riqueza de Galicia ao renomear espazos, rúas ou pontes esquecendo os topónimos que en moitos casos os identificaron durante milenios. Unha advertencia que sen descoñecer a vitalidade da lingua e o xeito dinámico das sucesivas poboacións que van ocupando os lugares, a situou nunha estratexia política que á vella usanza intenta "expandir a Civilización" sobre o que considera unha "terra incógnita", sen nomes propios. E o que é peor, sobre todo no eido urbanístico, en moitos casos eses cambios de topónimos están motivados nun prexuízo anti-galego, disfrazado de anti-rural. 
Via Carta Xeométrica.

18/3/12

O amor a Moraima (Día da Poesía 2012)





Neste ano Celso Emilio, lembrámonos del tamén para celebrar o 21 de marzo, Día da Poesía, e facémolo cunha das súas máis coñecidas composicións.
Non deixa de ser curioso, que sendo Celso Emilio Ferreiro o máximo representante do que foi a poesía social e reivindicativa do século XX en Galicia, un dos seus textos máis coñecidos sexa precisamente o poema de amor Moraima que lle dedicou á súa dona. Ollade que fermosura de versos:



Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.

Celso Emilio Ferreiro, Onde o mundo se chama Celanova, xaneiro 1972



Celso Emilio e Moraima paseando.
A raíz deste texto poético o nome de Moraima converteuse nunha icona do amor puro e eterno que foi musicado en numerosas ocasións. 
Para que vexades o que o texto deu de si no ámbito musical, tedes aquí o poema musicado de dúas formas diferentes, unha por Suso Bahamonde e a outra por Manuela e Miguel.
A continuación déixovos tamén un vídeo dunha versión realizada por Milladoiro coa colaboración da cantante Ana Belén. 
Comparade e xa diredes cal vos gusta máis.

As fotografías desta entrada proceden da páxina web da Fundación Celso Emilio Ferreiro onde podedes atopar moitísima información sobre o autor.

15/3/12

A banda deseñada chora a Moebius


Homenaxe a Moebius de Santy Gutiérrez

A REDE RECOLLE HOMENAXES DOS NOSOS CREADORES DE BANDA DESEÑADA AO XENIO RECENTEMENTE FALECIDO
Os debuxantes galegos lembran a Moebius
MOEBIUS
Moebius feito en Galicia
O falecemento de Jean Giroud Moebius figura indiscutible da banda deseñada a nivel mundial, está a ecoar, com non, entre os creadores galegos. Deste xeito, son xa varios os autores, como Santy Gutiérrez, José Domingo e Kike Benlloch ou Miguel Porto, que contribuíron cos seus particulares homenaxes na forma de debuxos a través do web Luggage for the long journey of Moebius. O espazo foi promovido polo muradán Akeno Omokoto, e recolle contribucións deste tipo de todo o mundo. Canda a eles, o web Zona Negativa recolle as lembranzas de como entraron en contacto co falecido autores como Emma Ríos, Tirso Cons, Roque Romero ou o propio Akeno, entre outros. Inside Moebius é a obra máis persoal do grande xenio francés. Nela, Moebius  ofrécenos a viaxe interior que realiza cando decide abandonar a marihuana. Ao través dos seus diferentes álter egos e os seus personaxes máis queridos, Blueberry, Arzak, el Mayor Fatal... Jean Giraud Moebius  libérase de calquera atadura que puido ter tido e convídanos a mergullarnos no seu rico e particular universo creativo
Para lle render unha homenaxe a Moebius, e a proposta dalgúns alumnos afeccionados á banda deseñada, faremos algunha actividade na aula que daremos a coñecer cando estea realizada.
Ilustración de Miguel Porto en homenaxe a Moebius. 


13/3/12

Noticias sobre Valentín Paz Andrade

Mirade que estupendo traballo sobre Valentín Paz Andrade fixeron no CPI dos Dices en Rois.Trátase dun telexornal que repasa a vida do autor ao que se lle dedica o día  das Letras galegas este ano.
Moitos parabéns para os autores!

9/3/12

Roteiro rosaliano

O pasado mércores , 7 de marzo, o alumnado de 3º de ESO e 1º Bacharelato fixo este roteiro ,un itinerario que segue parte da vida de Rosalía de Castro, aínda que de xeito desordenado, dende o seu nacemento en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837, ata o 15 de xullo de 1885 en que se produce a súa morte en Padrón. Unha sinxela ruta que percorre os camiños que ela percorreu, que fai meditar nos recantos nos que meditou. Un camiño que nos permite identificarnos intimamente con Rosalía e con Galicia, aínda que nos limitemos á cidade de Santiago de Compostela e á vila de Padrón. Aquí podedes ver algunha das fotos desta actividade.



PERCORRIDO

 1. SANTIAGO DE COMPOSTELA 
Iniciamos a andaina no antigo convento de San Domingos de Bonaval, situado nun outeiro extramuros da cidade histórica, ao pé do camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. A igrexa data da época da fundación. É de estilo gótico, e sufriu diversas reformas e adicións ata o século XVI. Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poeta Rosalía de Castro e outros persoeiros galegos. 


MUSEO DO POBO GALEGO O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela. No museo visitaremos as exposicións permanentes dedicadas ao mar, aos oficios, ao campo, ao traxe, á música, ao hábitat e a arquitectura, á sociedade, aos oficios urbanos e á prensa e a imprenta. Ttamén as seccións de arqueoloxía e de arte. 

PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES No antigo convento de Bonaval , fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán e reconstruído en estiso Barroco nos séculos XVII e XVIII. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple. A igrexa é de Estilo Gótico e sufriu diversas reformas ata o século XVI. Nela está situado o Panteón dos galegos ilustres no que repousan os restos de Rosalía de Castro e doutros ilustres. 
A CATEDRAL DE SANTIAGO Concibida como unha pequena cidade de pedra en torno a unhas reliquias e dotada de vida propia, evolucionou con vitalidade ao longo dos anos, amosándose hoxe como un conxunto heteroxéneo de estilos e tendencias de diferente signo e cronoloxía que se foron superpoñendo sucesivamente. A Catedral románica, trazada seguindo o modelo francés das igrexas da peregrinación, ergueuse (1075-1211) sobre os restos das primitivas igrexas construídas no lugar onde apareceran as cinzas do Apóstolo, a última destruída por Almanzor no verán do ano 997. A auxe das peregrinacións e as riquezas dun dos señoríos feudais máis grandes da Península Ibérica permitiron o inicio da construción da Catedral baixo o episcopado de Diego Peláez. Organízase o espazo sobre a tradicional planta de cruz latina e tres naves. 

MONUMENTO A ROSALÍA No paseo da Ferradura atopámonos con este monumento homenaxe a Rosalía de Castro onde varios alumnos recitaron poemas da autora logo de observar as inscricións e características desta obra. 

2. PADRÓN

MONUMENTO A ROSALÍA 
 Realizaremos un paseo pola fermosa vila, para visitar os sitios de interese: o convento dos Dominicos, a Igrexa parroquial co Pedrón, o Xardín Botánico e pasear paseniñamente polo Esporón até chegar ao monumento a Rosalía no Esporón.. 

CASA MUSEO DE ROSALÍA DE CASTRO situada na aldea de A Matanza. Dende 1971 sede da Fundación Rosalía de Castro. 

COLEXIATA DE IRIA FLAVIA E CEMITERIO DE ADINA Desde a Casa Museo da Matanza iremos a Iria Flavia.A Colexiata, que segundo a tradición foi a primeira catedral de España, está rodeada por un fermoso adro. É o cemiterio de Adina que canta Rosalía e onde estivo soterrada de 1885 a 1891. A tumba está sinalizada. Fronte á colexiata está a Fundación Camilo José Cela. 
TEMPLO DE BASTAVALES Na aldea de Soigrexa tivo residencia esporádica Rosalía. O templo parroquial de Bastavales posúe unhas das campás máis fermosas de toda Galicia, instaladas en 1828. Rosalía podía escoitalas desde a casa do Castro de Ortoño.

8/3/12

Cine de mulleres

Mufest consolídase como 1 dos 3 festivais de cine de muller no Estado.  
O MUFEST é un festival audiovisual que promove o crecemento cultural e artístico e o impulso das futuras directoras, produtoras e guionistas, onde teñen cabida curtametraxes de animación, de ficción e documentais. Apoia a creación de novas obras audiovisuais que amosen novas perspectivas, tanto sociais como culturais, fomentando a diversidade e a visibilidade. "En relación ó público do Mufest , nunca pensamos en que fose distinto a outro tipo de festivais. A única diferenza é que só exhibimos e premiamos filmes dirixidos, producidos e/ou guionizados por mulleres. O que se pretende é visibilizar , apoiar e promocionar o traballo das mulleres neste eido. Mais, sobra dicir que disto tamén lle poden sacar rendemento os homes. Un filme inscrito no Mufest pode estar dirixido por unha muller pero, por exemplo, producido por un home. Este produtor tamén se beneficia, pois dase a coñecer o seu traballo". Por Rosabel Candal.Vía Dioivo

4/3/12

Fotografía inédita de Rosalía de Castro

 Hai uns sesenta días máis ou menos, volvín a unhas fotocopias que tiña gardadas da época da investigación rosaliana porque quería facer un vídeo sobre os fillos de Rosalía para YouTube. Empecei a gravar co teléfono móbil a Gala, a Aura, a Alejandra, a Ovidio e, de súpeto, ó facer un dos primeiros planos que tanto me gustan, reparei na ptose ou caída de pálpebra no retrato que se supoñía que era de Gala. Co corazón a cen por hora, só no meu cuarto, sentín moi emocionado que ésta era Rosalía, a miña amada Rosalía.
Autor: Ramón Torrado
Vía certo.posterpous.com/

2/3/12

ROSALÍA SEMPRE

Como xa sabedes, aproxímase a data da realización do noso roteiro rosaliano.No centro xa hai varios murais sobre a escritora e está sendo obxecto de estudo nas aulas de 3º de ESO e 1º de Bacharelato. Como complemento do traballado e como anticipo do roteiro, queda este glog para que poidades ver información básica sobre Rosalía.

IMAXE GIF

Bloggif montaje