Mostrando entradas con la etiqueta MÚSICA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MÚSICA. Mostrar todas las entradas

1/6/12

SÉS

           SÉS trátase dun proxecto que abarca un gran abano de xéneros con ritmos que van dende o blues e o rock pasando pola música latina. Nel, María Xosé Silvar, formada na música e no baile tradicional galego, está acompañada por dez músicos, entre eles David Paz, que, ademais de tocar o saxofón e o clarinete, é o produtor musical. Pódense oir e descargar algúns temas gratuitos no sitio da súa productora http://www.airapro.com/contido/media/ses.html.


                   Deixamos aquí dous vídeos. O primeiro é o videoclip do seu primeiro disco " Admirando a condición"o segundo é a interpretación do tema "  De catro a catro" en homenaxe a Manuel Antonio.



Entrevista e actuación acústica de Sés (María Xosé Silvar e Tito José Calviño) no programa da TVG2 Eirado. Tema: 'De catro a catro', incluído no disco 'Admirando a condición'

30/5/12

MARÍA SOLIÑA

 María Soliña foi unha muller que aparece reflectida en diversos textos literarios,como no seguinte poema de Celso Emilio Ferreiro, e tamén musicada como se pode comprobar na versión do grupo Luar na Lubre. Mais quen foi esta muller?




                      


Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Nos areales de Cangas,
Muros de noite se erguían:
Ai, que soliña quedache,
María Soliña.

As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de agua fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.        
         
En Longa noite de pedra    

Un tribunal Inquisitorial condenouna e converteuse no símbolo do sufrimento do pobo


 Desta muller, que aparece reflectida na literatura poética e tamén musicada en numerosas ocasións, temos poucos datos persoais para reconstruír a súa vida. A fonte máis fidedigna é o "Memorial al Rei" (enviado en 1617 por Jerónimo Núñez, procurador de Cangas).
Tanto nos arquivos notariais como no arquivo da Inquisición non se atopan documentos que permitan ter datos con respecto ao xuízo inquisitorial que a condenou nin das súas riquezas e propiedades, que se estenderían polas freguesías de Aldán e Moaña. Os datos históricos sinalan que entre os anos 1599 e 1639 os corsarios, que reciben este nome por teren licencia real, e os piratas, que normalmente traballan pola súa conta pero que poden repartir beneficios coa coroa, tanto de orixe holandesa coma francesa, atacan, asaltan, rouban as costas de Vigo e a península do Morrazo. No ano 1617 Vigo foi atacada por naves turcas berberiscas; a península do Morrazo sufrirá tamén estes ataques. As mulleres, igual que ocorrera na Coruña con María Pita, defenden as costas dos ataques piratas e moitas veces son violadas e torturadas, ademais de roubadas, nestes ataques. Posteriormente a estes feitos varias das mulleres que organizaron a resistencia nas costas do Morrazo foron acusadas de bruxería ante o Tribunal da Inquisición. Unha delas sería María Soliño, apelido seguramente moito máis real que Soliña, derivación daquel. A Inquisición confiscaba, previamente aos xuízos, os bens das persoas procesadas e partía sempre da base da culpabilidade, tendo que ser a acusada a que demostrase a súa inocencia. Ademais, a denuncia ante a Inquisición podía ser anónima.
María Soliña, xunto con outras compañeiras, foi encarcerada, torturada; os seus bens foron confiscados polo Santo Oficio e ela condenada por bruxería. Malia que é certo que non foi queimada viva, como moitas outras mulleres desa época, a loucura, a fame e a miseria foron as que remataron coa súa vida; pasou a converterse no símbolo do sufrimento do pobo, e moi especialmente das mulleres, perante o poder e o despotismo.
Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda

Vía :Album  de mulleres

15/5/12

Forza na nosa música

Rianxo, 7 de maio de 2012. En Rianxo a tradición musical, en calquera eido que se poida imaxinar, non ten parada. Agora están lanzando un novo grupo ao mercado: CARAPAUS (en breves sairá o cd), e estes días queren promocionar o videoclip que teñen gravado en Rianxo e que abre esta información.


9/2/12

Máis poemas de amor para a nosa exposición .

Dun poema de Rosalía de Castro, Roi Casal fixo esta versión incluída no seu disco Lendas Douradas

Meniña, ti a máis fermosa
que a luz do sol alumbrara;
ti a estrela da mañanciña 
que en puras tintas se baña;
ti a frol das froridas cumbres,
ti a ninfa das frescas augas,
ti como folla do lirio 
branca, pura e contristada
¿Quen eres, fada sin nome
de tan dormentes miradas,
de tan dorida sonrisa
de feituriña tan cándida?
¿Quisais de muller naceches
sendo tan limpia e tan casta?
¿Quisais das brisas da tarde,
quisais das brétemas vagas
das burbulliñas dun río,
quisais dunha nube branca?
¿Ou as espumas do mare
a un raio de sol xuntadas
pousáronte ó ser de aurora
nunha cunchiña de nacra?
Mais, de onde queira que sexas,
tristísima pasionaria,
por ti sinto un amor puro
que pouco a pouco me mata.
Por ti, de noite e de día,
cal vaga sombra encantada,
preto do teu vivir ximo,
ximo cos ventos que pasan
facendo vibrar sonoras
sentidas cordas dun harpa,
que con ecos tembradores
dos meus amores che falan.
Mais dime: ¿por que estás muda,
di por que estás solitaria,
di por que vives nos montes 
cos paxariños que cantan,
mentras ti choras e choras
ó pé dun olmo sentada,
toda de loito cuberta,
toda cuberta de lágrimas.


Rosalía de Castro . Cantares Gallegos .

27/1/12

Adeus ao mestre dos gaiteiros

O patriarca da familia Seivane, Xosé Manuel Seivane Rivas, faleceu hoxe aos 90 anos, segundo informaron os seus fillos. Nacido en Fonmiñá-A Pastoriza en 1921, foi o creador do selo Seivane e o iniciador dunha das sagas de artesáns e artistas máis recoñecidas dentro do mundo da gaita. A gaita é un instrumento fundamental da nosa música, e está presente en Festivais tan importantes coma no Festival Celta de Ortigueira ou no Festival de Lorient. E por isto querémoslle render unha homenaxe a don Xosé Manuel oíndo as súas palabras e escoitando a súa neta, Susana Seivane.

18/1/12

Fusión entre as artes

 A caza do ghazafello
Aí tedes un libro-audio ben interesante, no que as aventuras que nel ocorren non deixarán de sorprendervos. A maxia e a fantasía son elementos recurrentes: trasnos, Estadeas, e outros personaxes circulan por unha Fraga chea de maxia. 
Mais Lois, un neno, acompañado do seu can, Palleiro, serán quen de cazar un ghazafello? Lembrade que a música que acompaña ao libro é importantísima.

17/12/11

NADAL DE LUINTRA

Para írdesvos ambientando nas festas que xa logo comezan,podedes escoitar este fermoso tema de Berrogüeto titulado Nadal de Luintra .



Cara Belén camiña
unha nena ocupada
fermosa, en canto a ela,
San Xosé a acompaña.
Chegaron a Belén
e pediron pousada,
responderon de adentro
con voz alborotada:
-"Quen chama á miña porta,
quen á porta me chama?"
-Somos Xosé e María
que pedimos pousada.
-Se traen cartos que entren
e se non que se vaian.
-Cartos non traerei,
máis que un real de prata.
- Iso son poucos cartos,
pídano noutra parte.
San Xosé xa penaba,
María o consolaba.
- Non te apenes Xosé,
non te apenes por nada,
Que máis cartos ti queres
que isto que me acompaña?

No seguinte enlace podedes atopar moitos recursos para usar nestas festas: contos, cancións, obras de teatro, adeviñas,etc.

24/11/11

UN RAP CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Como parte das actividades realizadas no centro para conmemorar o día contra a violencia de xénero, o EDLG está proxectando varias curtametraxes nos recreos  ao longo desta semana . O alumnado de Bacharelato puido asistir á proxección da película Te doy mis ojos coa posterior participación nunha mesa redonda, na que compartimos necesarias reflexións sobre un mal tan serio na nosa sociedade.
Parabéns e grazas a todo o alumnado que dedicou parte do seu tempo de recreo á colaboración nestas actividades .
Está  previsto que o luns, varios compañeiros e compañeiras fagan unha pequena representación (performance) tamén sobre a violencia de xénero. Para isto previamente o alumnado de 4º de ESO compuxo o seguinte rap:

Hoxe el tamén o fixo,
el nunca pode parar,
bate nela sen prexuízo
e ela chora sen cesar.

Ela dille BAS   TA
el non pode PA   RAR

El nunca lle dá importancia,
sempre a ignora , que máis dá
bate nela , malla e malla
e ela chora sen cesar.

Ela dille BAS   TA,
El non pode PA   RAR.


Pero hoxe todo cambia
hoxe todo vai cambiar,
Imos todos axudala,
a súa vida  ha mellorar.

Ela dille BAS    TA
el non pode PA    RAR


Cando el volva buscala
Boa sorpresa vai levar,
Deixará a vida pasada,
Ela xa non vai estar.

Ela dixo BAS    TA!
Ela puxo FI     NAL.