26/4/12

EXPOSICIÓN NO INSTITUTO SOBRE PAZ-ANDRADE

             O Instituto O Mosteirón de Sada  foi un dos escollidos para ubicar unha exposición itinerante que nas vindeiras semanas percorrerá distintos centros de toda Galicia. A mostra , que estará no centro desde o 4 ao 11 de maio, pretende achegar á mocidade a figura de Valentín Paz Andrade, escritor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
          Esta exposición componse de cinco paneis con pantallas integradas e unha videoproxección de gran formato que permiten un achegamento á súa produción literaria, ao seu compromiso político, á súa tarefa empresarial e á súa obra ensaística e xornalística.Asemade tamén contaremos con diversos materiais didácticos para que toda a comunidade educativa faga uso dos mesmos. 
Un propósito de Édelingua é propiciar que os centros da zona teñan a oportunidade de visitar esta exposición de grande aproveitamento didáctico, polo que todos serán convidados a asistir ao noso instituto. 

25/4/12

EXPOSICIÓN NA CASA DA CULTURA PINTOR LLORÉNS DE SADA

Do día 1 ao 20 de maio, na Casa da Cultura Pintor Lloréns, de Sada, permanecerá a exposición "Hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada" preparada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón, baixo a coordinación de Xosé Seoane e a documentación do alumnado de 4º de PDC.


HÓRREOS:
O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o que necesitan certas condicións específicas que podemos concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores.

Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país ou curva. Son os característicos de toda a zona das Mariñas.
A agricultura neste concello é fundamentalmente de autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia. A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra ou mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos ornamentais que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran. Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés, ou o da casa dos Barbeito, en Souto Vello, parroquia de Mosteirón.



CRUCEIROS:
Un dos elementos máis significativos da iconografía galega é o cruceiro, a cruz de pedra que marca as encrucilladas de camiños e os adros das igrexas. Son máis de 10.000 os catalogados en Galicia. Segundo algunhas tradicións, servían para bendicir os camiños; outras vincúlanos a rituais de curación para eliminar os males do corpo e/ou do espírito. Nalgunhas comarcas eran lugar de enterramento dos nenos non bautizados e os familiares deixaban pegadas, cruces ou iniciais gravadas no varal. Hai quen considera que a súa orixe se remonta á época prehistórica en lugares nos que existían pedras fitas (menhires), e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas e colocáronse tamén en lugares como os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. O cruceiro é polo tanto un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espazo tamén sagrado. O cruceiro é obxecto de devoción e respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou concellos.A súa tipoloxía é variada, dende a extrema sinxeleza dunha cruz ata un prodixio de escultura; con capeliña (nicho) ou representando un calvario coas tres cruces. Polo regular todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión, Cristo crucificado en soidade; mentres que no reverso aparece a figura da Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe, do sufrimento na cruz e da súa morte.


FONTES E LAVADOIROS:
As persoas temos necesidade de harmonizar os ambientes nos que vivimos para así conseguir unha vida máis feliz. A auga e con ela as fontes son, sen lugar a dúbidas, elementos imprescindibles nesta configuración harmónica da paisaxe urbana. A auga das fontes, a auga pura, cristalina, cantareira e milagreira convértese en parte integrante do noso vivir cotiá e convídanos ao descanso, ao sosego, á tranquilidade do corpo e do espírito.
As fontes incítannos a facer un alto no noso camiño. A súa auga fresca calma a nosa sede e o seu abeiro permítenos contemplar a fermosa paisaxe que encadra. Non somos quen de concibir unha aldea, vila ou cidade sen fontes. Ai daquel camiño que non conduza cando menos a unha fontela! Antes eran o punto central das aldeas, dos barrios. Eran lugar de encontro. Ao seu carón xurdían os lavadoiros, lugares onde non só se lavaban as roupas, senón tamén as conciencias. Con elas naceron mil e unha historias, de amor, de desamor, de traizón, de soidade e ausencias...
Os lugares coñécense tamén polas súas fontes. Sada, como calquera outra vila, está chea delas. Moitas pasan desapercibidas para os cidadáns. Soamente as máis grandes son recoñecidas. Pero hai moitas máis. Hai fontes moi humildes,  fontelas descoñecidas das que flúe unha auga pura e moitas veces milagreira que só os máis vellos coñecen.
Esquecer as fontes, os seus nomes, as historias que aconteceron ao seu redor e deixalas morrer é como perder a memoria histórica; é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva, da humilde beleza do noso é un dos obxectivos que pretendemos conseguir con esta exposición. 




23/4/12

Banda deseñada no Día do Libro


O Incal, de Moebius.
O Incal é o primeiro cómic no que aparece a figura do "metabarón", e está no mesmo universo que esa preciosa e mastodóntica obra mestra tamén escrita polo chileno e deseñada por Juan Jiménez: A casta dos Metabaróns. O Incal é un dos meus cómics favoritos e un dos mellores que teño lido. O Incal foi creado por Alejandro Jodorowsky no guión, e Moebius na parte artística. Saíu ao prelo no ano 1880, revolucionando o xénero de ciencia-ficción e converténdose no cómic europeo máis divulgado da historia da banda deseñada. Ambos autores teñen unha imaxinación desbordante que aproveitan para crear un dos cómics máis imaxinativos da historia e que marcou unha época na historia das novelas gráficas. No Incal créase un universo complexo no que se tratan varios temas: o ben e o mal, o poder, a rebelión, etc. O debuxo de Moebius é espectacular e con todo tipos de detalles. Ademais a obra ten unha boísima ambientación futurista. Con todo tipo de cidades, criaturas, vehículos, etc. Unha obra mestra que ninguén se debería perder xa que é un dos cómics máis importantes da historia, unha historia irrepetible que nunca se esquece.
Moebius
Outras recomendacións do mellor que teño lido son as seguintes: Watchmen: (Alan Moore e Dave Gibsons):                                                                      
Un dos mellores cómics que deu a historia e quizais o mellor que lin. Cunha narración fantástica e cuns personaxes complexos e inesquecibles
A casta dos metabaróns: (Alejandro Jodorosky e Juan Jiménez) Un historia épica e coa narración poética que caracteriza a Jodorosky.
A mansión dos murmurios: Este cómic galego, ao principio, non me chamou moito a atención. A verdade, ía pola páxina trinta do primeiro tomo (Sara) e notaba que lle faltaba algo, pero decidín seguir lendo e pouco a pouco pareceume que a trama melloraba. AÍnda que non é tampouco un cómic determinante, peréceme bastante bo; ademais algo que me gustou é o debuxo ainda que non sexa espectacular pareceume que está moi ben feito. Este é un cómic que, aínda que non vaia  ser o mellor que podedes leer, vos fará pasar un bo rato. 
Quotidiana delirante
Quotidiania delirante: Esta obra do autor galego Miguel Anxo Prado decidina ler para saír un pouco da rutina de ler sempre obras de cómics americanos de ciencia-ficcion, ou de autores complexos como son Moore ou Jodorowsky. Por iso decidín ler esta obra divertida e coa que un disfruta con todas as aventuras descabelladas que lle suceden aos protagonistas; ademais , alén diso, hai que engadirlle o debuxo magnífico de Miguenlanxo. Foi o arrinque para ler banda deseñada na lingua do país.

 Engado ao meu traballo dúas obras máis que lin nestas vacacións e que me parecen excelentes: 1. From Hell: Esta obra feita polo mellor escritor de banda deseñada da historia: Alan Moore, e o debuxante Eddie Campbell, é toda unha obra mestra, que necesita dedicación xa que é bastante complexa, pero aínda así se converte nunha das mellores obras que tiven a oportunidade de ler. 2. The crow: De James O'Barr . Unha obra que me sorprendeu e que me deixou estupefacto, xa que en absoluto esperaba que fose tan boa, ata quedar abraiado coa sua dureza na narración e no debuxo. 

From Hell

Planetary: (Warren Ellis e John Cassaday).  O mellor cómic da década na que se fai unha homenaxe a todas as historias Pulp do século XX  e cun argumento espectacular.


The crow

Akira:( Katsuhiro Otomo). A obra que fixo chegar o manga ao mercado internacional é unha obra clave no mundo do cómic.


Adolf (Osamu Tezuka). A  obra maestra de Osamu Tezuka é todo un clásico.
A aparición duns documentos sobre a orixe xudía de Hitler porán en perigo o réxime Nazi, estes documentos serán buscados por membros da gxestapo e a "Kempentai" (policía secreta xaponesa) para destruilos. No outro  bando atópanse os enimigos do partido Nazi que queren facelos públicos.
Neste manga amósanse os horrores da segunda guerra mundial en Europa co  exterminio dos xudeus e en Asia coas matanzas levadas polas forzas imperiaiss xaponesas. Trala guerra a acción  trasládase ao novo estado de Israel, con Kaufmann e Kamil en bandos enfrentados.

                  Por Isaac Ulloa, de 1º de Bacharelato










ROTEIRO OURENSÁN



O pasado 12 de abril o alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato realizou o que demos en chamar o "roteiro ourensán" percorrendo varios lugares con grande importancia literaria . O inicio do roteiro foi no mosteiro de Oseira de enorme interese artístico e histórico, a seguir estivemos no Pazo de Trasalba, casa familiar do grande mestre Otero Pedrayo e á tarde tocoulle a Ourense, unha cidade fortemente literaturizada. 


Na saída  o alumnado tivo que cumprimentar un caderno de traballo cuxo contido se achega para aqueles que queiran facer uso do mesmo.



 CADERNO DE TRABALLO .
( Cada caderno de traballo debe ir acompañado dun plano do casco vello de Ourense)




NO MOSTEIRO DE OSEIRA:

1. ¿Como se chama o primeiro claustro do mosteiro?
2. Nomea algúns personaxes famosos esculpidos nos medallóns do 2º claustro.
3. ¿Que estilos arquitectónicos atopamos na igrexa? Fixádevos nos arcos e nas bóvedas, ¿como son?
4. ¿Que tipo de decoración ten a igrexa? ¿A que época corresponden as pinturas e que temas representan?
5. ¿Cantas capelas ten o deambulatorio? ¿Con que material están feitos algúns dos seus altares?
6. Busca a imaxe da Virxe do Neno. ¿Onde está situada? ¿Que fai? ¿Como se lle chama?
7. A sala capitular. ¿Para que se usaba? ¿Como son as bóvedas e columnas? ¿A que estilo pertence?
8. O refectorio. ¿Para que se utilizaba? ¿Para que servía o balcón que hai na sala?

NO PAZO DE TRASALBA:

1. Citade tres ou catro obxectos persoais que aínda se conservan de don Ramón.
2. ¿En que parte da casa adoitaba escribir?
3. ¿En que dependencia da casa recibía habitualmente aos seus amigos?
4. ¿Que tiña a nai de Otero na súa habitación?
5. Cita dous persoeiros galegos que teñan cadros no pazo de Otero.
6. ¿Que era antigamente o que hoxe é a tenda?
7. ¿En cantos arcos descansa a solaina principal e que tipo de arcos son?
8. Cita tres ou catro características do pazo actual que estean presentes no pazo da Seara, ou pazo dos Doncos de Os camiños da vida. Escribe o nome do señor deste pazo e da súa muller. Para esta contestación debes consultar previamente a obra.
9. ¿Que tipo de bosque había ao lado da capela barroca do pazo? Explica se queda algo na actualidade dese bosque.
10. ¿Que outro pazo está preto deste e que podes ver hoxe do mesmo?
11.¿A que balcón de ferros traballados se refire o monxe que comeza a falar no capítulo I da obra antes mencionada e que ten que ver este personaxe co mosteiro de Oseira?

POR OURENSE:

Cidade de orixes romanas, nacida nun val ben protexido por pequenos outeiros, arredor dunhas augas termais e nun importante cruzamento estratéxico de vías de comunicación e correntes fluviais...
Os puntos de referencia do Ourense antigo: as Burgas, a Ponte Vella, a Catedral, Santa María Madre, os Pazos e Curral do Bispo (hoxe Museo Arqueolóxico), o convento e claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade, a igrexa barroca de Santa Eufemia, etc.
Ourense é unha cidade fortemente literaturizada. Moitos foron e son os autores que crearon ao redor da urbe das Burgas o seu espazo literario. Aquí tes algunhas referencias:
Afonso X O Sabio nunha cantiga fai referencia ao boo viño da cidade d'Ourens.
Curros Enríquez e Valentín Lamas Carvajal na época do rexurdimento.
Ramón Otero Pedrayo constrúe parte da triloxía Os camiños da vida ao redor da transformación da cidade no tránsito entre a vella sociedade tradicional e o mundo contemporáneo no que agroma ao tempo que dobra o século XX.
Vicente Risco dá voltas e reviravoltas pola cidade nas súas novelas. Florentino López Cuevillas, aínda que non escribiu novela, tamén constrúe ensaios sobre a cidade.
Carlos Casares, Méndez Ferrín, Manuel Guede, Francisco Fernández Naval..., son autores que contribúen a facer de Ourense a cidade con máis literatura urbana da Galicia actual.
Entre todos eles, destaca de xeito moi especial, Eduardo Blanco Amor. Este ourensán comprometido e polifacético fixo que a cidade tomase vida en cinco das súas obras:
            A esmorga
            Os biosbardos
            Xente ao lonxe
            La Catedral y el niño
            Los Miedos

Dende que iniciedes o percorrido por Auria non deixedes de prestar atención:

  1. ¿ Indicade tres ou catro rúas polas que pasedes que leven nomes de escritores galegos e citade unha obra, característica ou faceta na que destacasen?

A Esmorga é unha novela de aventuras na que os seus heroes son convictos da xustiza. A viaxe, o itinerario que fan por Auria (Ourense) é unha fuxida na que buscan o máximo pracer durante o que será o seu último día de liberdade. Os esmorgantes ao longo do seu itinerario frecuentan as súas rúas, as súas prazas, as fontes e as igrexas, as súas pontes...

  1. Se atopades algunha placa que faga referencia a Eduardo Blanco Amor, localizádea e sinalade a referencia.

Os cafés son os templos da modernidade onde se escribe a historia cotiá da cidade e das súas xentes. Nas vellas mesas de mármore de cafés como “La Unión”, o “Victoria”, o “Royalti”, o “Moderno”, a “Bilbaína” ou o “Miño” tramouse boa parte da nosa memoria política e da nosa vida económica e social. Alí naceron grandes aventuras políticas, pactos e conspiracións, arriscadas empresas económicas e ambiciosas iniciativas culturais. Especialmente no Ourense da xeración Nós, as “tertulias” dos cafés representaban o microcosmos da pequena cidade provinciana.

  1. Anotade os nomes dos “cafés” mencionados que atopedes no voso percorrido. Botádelle unha ollada ao seu interior e describide a impresión que vos causan.

16:00  Cemiterio de San Francisco
    O romántico cemiterio de San Francisco cativou a poetas e escritores pola súa localización sobre a cidade, pola luz permanente do amencer ao solpor e o arrecendo dos seus loureiros e alciprestes, pero tamén pola fermosura dos seus cruceiros. Propoñémosvos que localicedes:

  1. O panteón de Otero Pedrayo. Está moi preto do Anxo pensativo do escultor Victorio Macho, obra esculpida en mármore branco. Nada máis entrar collede o segundo paso á dereita. Na cuarta encrucillada, collede á esquerda. Fixádevos ben en quen están enterrados alí.

  1. Para atopardes a sepultura de Eduardo Blanco Amor teredes que seguir estas instrucións: 1º corredor á dereita nada máis entrar. Na 1ª encrucillada, á dereita. Atoparédela nese cadrado de sepulturas novas. ¿Ten algunha inscrición a lápida?

16:30  Praza do Correxidor
    Queda de camiño dende o cemiterio á catedral, máis ou menos. Localizádea no plano e respondede á seguinte pregunta:

  1. ¿Que hai nesta praza relacionado con Otero Pedrayo?

16:45  Catedral
  1. ¿Como é a planta da catedral? ¿Ten deambulatorio? ¿Cantas naves ten? ¿Como son os arcos e bóvedas?

  1. No Pórtico do Paraíso. ¿Aparece algún instrumento similar aos que utiliza “Luar na Lubre” nos seus concertos? ¿Quen está representado no arco central? ¿Recórdache a algún outro pórtico? ¿A que período corresponde?

  1. Busca a capela do Cristo. ¿Como é a decoración?

17:05  Rúa da Paz
Antiga rúa dos Zapateiros, estreita, longa, sempre fresca, pavimentada de gastadas lousas...

  1. ¿Que autores naceron ou viviron na antiga rúa dos Zapateiros, hoxe rúa da Paz e que teatro e librería se atopan na mesma?

17:15 Praza do Ferro

  11¿De onde procede a fonte que se atopa nesta praza? Descríbea sinxelamente.

  1. ¡Coidado con esta cuestión! Hai uns xardíns moi preto de aquí -menciónanse nas obras de Otero, Risco, Blanco Amor e outros e para chegardes a eles teredes que pasar por diante da igrexa de Santa Eufemia- nos que se atopa a fonte orixinaria dun dos claustros do mosteiro de Oseira; ¿de que xardíns estamos a falar? ¿Onde está situada concretamente esa fonte?

17:25 Praza Maior
É a praza na que vivía don Celidonio, o protagonista de O porco de pé, de Vicente Risco, o corazón da vida ourensá, asolagada de historia e tamén de paz e silencio debaixo dos seus soportais.

  1. ¿Que dous edificios institucionais se atopan nesta praza? ¿Que dependencias acollen? 

17:35 Igrexas de Santa Eufemia do Centro e de Santa María Madre.

  1. Localizade estas dúas igrexas -¡ollo que non están xuntas!- indicando a rúa na que se atopan. Sinalade algunhas diferenzas da súa fachada.

17:50  Igrexa da Trindade

  1. Facede un pequeno bocexo do cruceiro que se atopa no adro da igrexa da Trindade e explicade os seus elementos.

17:55 IES Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo ingresou no Centro Provincial de Instrucción do Posío en 1898. Alí coincidiu con Florentino López Cuevillas. Este centro foi creado no ano 1845 e estaba situado na rúa do Instituto (hoxe Lamas Carvajal); pasou a este edificio en 1897.

  1. ¿Hai algún rótulo que conserve a antiga denominación deste centro de ensinanza?

  1. ¿Cal pode ser a razón de que este centro de instrución recibira antigamente o nome de “Posío”?

18:00 Xardíns do Posío

  1. Paseade uns minutos por este xardín e anotade a sensación que vos produce. ¿Hai algún elemento en particular que vos chame a atención?


18:15 As Burgas
As Burgas constituíronse como o núcleo orixinario da cidade de Ourense, da Auria de Blanco Amor, Otero e os homes da xeración Nós.

  1. ¿ Cita dúas ou tres compoñentes das augas das Burgas?
 20. ¿Explica por que a auga sae quente?


Quedan aquí para o alumnado que participou este ano, dous vídeos nos que se recolle o contido da saída didáctica.
         




19/4/12

ENTREGA DE PREMIOS CORRELINGUA 2012


 A organización do Correlingua 2012 entregou o día 16 de abril os premios dos concursos escolares deste ano,convocados todos baixo o lema Galego, todo o que buscas. Como xa sabedes, o noso instituto levou o premio ao mellor vídeo que xa circula por moitos blogs do país. Estamos moi orgullosos de todos os que o fixeron posible e tamén moi agradecidos cos que decidiron premialo e cos que o difunden.
As felicitacións, por suposto, tamén se estenden aos outros centros premiados neste certame e que son os seguintes:

O CPI Pontecesures(4º ESO) levou o premio ao  mellor Manifesto que di ...


Buscamos, buscamos, buscamos cousas que nos traian a felicidade: coches, pisos, prazas de garaxe, negocios... enchen os anuncios por palabras dos xornais.Pero nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo. Buscamos que as fronteiras de Galiza as poña o galego. Preferimos unha persoa do Bierzo que fale o idioma a unha de aquí que non o fale. Non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela. Deixade de presumir de algo que nin vós respectades. Todos vós, os que subides fotos reivindicativas ao tuenti, nin vos decatastes cando pechou Galicia Hoxe. Ser galego non é ler La Voz de Galicia nin ver a TVG. Ser galego significa que buscaches e atopaches a túa identidade. Galiza non é representada por unha catedral, unha muralla ou torre. A Galiza represéntaa un idioma co que escribiron ensaios, poemas, artigos e ata incluso anuncios por palabras. Desexamos abrir un día o xornal e atopar anuncios coma estes:
SERVIZOS
A mellor vidente de tarot de Galiza. Máis de doce séculos de experiencia. Especialista en: fonética, morfoloxía e léxico. Visítanos en R/ Percebe, nº 24.
COMPARTO PISO
 Búscase universitari@ que se queira aloxar nun piso de galego-falantes. Aviso: somos de moitas partes de Galiza e falamos diariamente galego.
 FINANZAS
  Arréndase idioma. Prezo razoable e negociable, usable en todas as formas e ámbitos. Con garantía ilimitada.
 Precisas un idioma? Nós temos o que buscas. Está en boas condicións, sinxelo de adquirir e comprender en toda a nación. Resposta en 24 horas.
OCIO
 Divírtete  co galego provocador do manifesto “Máis Alá”. Mergúllate nun mar de gozo.
 SEGUNDA MAN
Véndese equipo de música Vacaloura, perfecto para escoitar Heredeiros da Crus, moi ben coidado. Prezo razoable dependendo do galego que saibas falar.
 DETECTIVES
 Perdinme. Búscame. Chámome galego. Encóntrame, fálame e gózame.
 POLO TANTO,
Entra en Jujel, vaite a PISOS VENDA, merca Galiza.
Vaite a PISOS ALUGUER, aluga Galiza.
Vaite a NEGOCIOS, negocia Galiza.
Vaite a MOTOR, compra un Galicoche.
Vaite a OCIO, goza Galiza.
Vaite a NÁUTICA, padexa Galiza.
Vaite a Galiza, adora galego
Adórate, adóranos.
Se feliz: GALEGO,  TODO O QUE BUSCAS
                                           OS MUXES RADIOACTIVOS
                   
Pola súa banda, o premio á mellor banda deseñada foi ex-aequo para o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín. Podedes ver aquí os traballos: 
http://www.correlingua.org/bandadesenada.aspx?ApartId=4

     MOITOS PARABÉNS PARA TODOS/AS