Mostrando entradas con la etiqueta ACLARANDO DÚBIDAS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ACLARANDO DÚBIDAS. Mostrar todas las entradas

30/6/12

A ÚLTIMA, QUE NON A DERRADEIRA

  Chegou a fin do curso e con ela a despedida, aproveito entón para facer unha aclaración lingüística que vén moito a conto, porque esta é a última entrada da temporada, pero non é a derradeira .
Moitas persoas por diferencialismo co castelán empregan a palabra "derradeiro" como sinónimo total de "último", mais non son totalmente equivalentes.
Vexamos o que di ao respecto o dicionario da RAG:
DERRADEIRO:  "Que remata definitivamente unha serie".
obs. Derradeiro pode equivaler a último, pero non todo o que é último é sempre o derradeiro.
Exemplo: Antes de morrer deixou escrita a súa derradeira vontade. sin. postremeiro, postremo(máis formais)
Outro  exemplo moi aclaratorio:
Gustoume moito o teu último libro, espero que non sexa o derradeiro.

Pois iso, que esta entrada é a última, pero non a derradeira .
Quedou claro?


FELIZ VERÁN A TODOS E TODAS

SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO PREME   NO SEGUINTE ENLACE :


6/5/12

Segredo ou secreto?


Con frecuencia prodúcese a confusión entre estes dous termos coa mesma orixe etimolóxica mais cun uso diferenciado. 
Secreto é un cultismo reservado para usarse como adxectivo, mentres que segredo , a palabra patrimonial,é sempre un substantivo.
Polo tanto é incorrecto:  Teño unha mensaxe segreda * e haberá que dicir  
“ Teño unha mensaxe secreta”  xa que nesta oración estamos diante dun adxectivo.
Por outra banda, tamén será incorrecto dicir  “Teño un secreto” * xa que o propio é usar a forma “segredo”   cando se trata dun substantivo. 

SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC  NO SEGUINTE ENLACE :


13/4/12

Fraseoloxía visual

Os seguintes vídeos de FRASEOLOXÍA VISUAL, feitos polo servizo de normalización da universidade de Santiago de Compostela, axudan sen dúbida a mellorar o coñecemento da nosa lingua.



7/4/12

Non estamos a mudar de normativa de cotío!

CAMBIOS NO NOVO TEXTO DAS NORMAS ORTOGRÁFICAS E MORFOLÓXICAS DO IDIOMA GALEGO, APROBADAS POLA REAL ACADEMIA GALEGA, EN SESIÓN PLENARIA DO DÍA 12 DE XULLO DE 2003, CON RESPECTO Ó TEXTO DA EDICIÓN DE 1995. Consultarwww.xunta.es › Inicio, para calquera dúbida que teñades. De seguido podedes ver este vídeo (Suceo inaudito na Estación do Vitrasa), de carácter irónico, no que amosa unha parodia do descoñecemento das normas. A conversa dáse entre dúas rapazas. Para alén disto, por fin temos o Dicionario da RAG na rede o que ven facilitar a procura de entradas de diferentes vocablos da nosa lingua. Unha boa ferramenta para todos, tamén para os alumnos que terán ao seu dispór un instrumento moito máis cómodo e rápido. Consultádeo neste blog.

SHOWBUS. A Nova Normativa. from Showbus on Vimeo.

25/3/12

Un curso de galego ben divertido.


Isto é Galego, unha produción de Cuac FM, é o resultado dun traballo feito por voluntarios, con ilusión e creatividade. Procuraron facer un produto radiofónico entretido e dinámico. O curso completo ten 13 capítulos; pódese escoitar (ou descargar) o audio, ou hai alternativa de seguilo nunha serie de vídeos da emisora.En You Tube tamén podes atopar varios episodios. Aquí vos deixamos o audio do primeiro programa , no que se aclaran algúns "falsos amigos" como niño , vello ou polbo de xeito moi divertido. Escoitádeos.
Tampouco perdades a sección de tradución . Aprenderedes rindo.
 

14/2/12

Alternativas ao castelanismo badén*


O *badén que non sabía se subía ou se baixaba
     Usar unha mesma palabra tanto para un obstáculo que sobe como para outro que baixa parece que se correspondería moi ben coa imaxe tópica do galego indeciso no medio dunha escaleira. Pero non, neste caso é o castelán o que define con esa ambigüidade "tan gallega" a palabra badén, pois o Diccionario de la Real Academia Española, explica que pode ser tanto unha 'depresión en la superficie de un camino o de una carretera', como un 'obstáculo artificial alomado que se pone de través en la calzada para limitar la velocidad de los vehículos'. 
     Para o primeiro deses dous conceptos, o Dicionario castelán-galego da RAG recomenda empregar focha, fochancaou foxo. Pero para o segundo deles non atopamos nesa obra unha referencia clara, pois na entrada badén, a única denominación galega que remite á idea de 'elevación' é rampla, pero non parece acaída para darlle nome ao obxecto de que estamos a falar, xa que unha rampla adoita unir puntos situados a diferentes niveis, o que non acontece neste caso.
Mellor alternativa parece o lombo que recomenda o Gran dicionario Xerais da lingua. Por unha parte, un dos seus significados ('pequena elevación do terreo') encaixa moi ben co concepto que se pretende nomear; e por outra é coherente coas formas elixidas noutras linguas, como portugués (lomba en Portugal e lombada no Brasil) e inglés (speed hump).


Evitemos, xa que logo, *badén para nomear a 'banda elevada máis ou menos ampla e de forma arredondada que se sitúa transversalmente nunha calzada, co fin de obrigar aos condutores a reducir a velocidade na zona en que se instala', e optemos no seu canto por lombo ou a súa variante lomba.


Vía : Servizo de normalización da USC



SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC 
NO SEGUINTE ENLACE :

18/1/12

As oracións comparativas

Hai poucos días unha compañeira moi querida pediunos que incluísemos no blog a aclaración sobre o uso das conxuncións comparativas. Aí queda :
Os adxectivos, ademais do grao positivo (a casa é pequena), posúen un grao comparativo que serve para comparar a calidade atribuída a un substantivo en relación con outros aos que tamén se lles atribúe a mesma calidade. A comparación pode ser de igualdade, inferioridade ou superioridade.
Comparación de igualdade:
 Constrúese coa partícula tan precedendo ó adxectivo e como ou coma introducindo o segundo elemento da comparación:
[tan + adxectivo + como/coma + segundo elemento].
- como: obrigatorio diante de verbo conxugado.
- coma: obrigatorio diante de pronome persoal tónico.
- Nos demais casos podemos elixir un ou outro.
Deixouno tan ordenado como puido.
Aquel home é tan riseiro coma ti.
Ía tan rápido como/coma un tren.
Comparación de inferioridade:
 Constrúese co adverbio menos precedendo ó adxectivo e ca, que ou do que introducindo o segundo elemento da comparación:
[menos + adxectivo + ca/que/do que + segundo elemento].
- do que: obrigatorio diante de verbo conxugado.
- ca: obrigatorio diante de pronome persoal tónico.
- Nos demais casos podemos elixir entre ca e que.
Hoxe levamos menos atraso do que é habitual.
Teu irmán é menos alegre ca ti.
Antón é menos falangueiro ca/que Xurxo.
Comparación de superioridade:
 Constrúese do mesmo xeito que a de inferioridade. Só se cambiará o adverbio menos polo adverbio máis:
[máis + adxectivo + ca/que/do que + segundo elemento].
Con esas zapatillas corría máis rápido ca ti.
Atopei a teu pai máis recuperado do que esperaba.
Gústame bailar máis que/ca cantar.
REPARADE
 - A partícula ca contrae co artigo determinado, aínda que tamén se admite sen contraer.
ca + o: (O cine está máis vivo có/ ca o teatro).
ca + a: (A televisión é menos inmediata cá /ca a radio).
ca + os: cós (Estas lámpadas alumean menos cós/ ca os focos halóxenos).
ca + as: cás (Os telegramas chegan ó destino antes cás/ ca as cartas).
- É importante non confundir as contraccións da partícula ca coas contraccións da preposición con:
con + o: co (Atopeime co meu xefe no ascensor).
con + a: coa (Foi coa túa avoa ao supermercado).
con + os: cos (Estiven toda a tarde cos teus fillos no parque).
con + as: coas (Sempre está xogando coas cadelas da súa veciña).
- Debemos ter en conta que a conxunción ca non contrae coa preposición a:
Apreciouna máis a ela ca a ti.
Tampouco contrae cando xa hai unha contracción de preposición + artigo:
Vai de mellor gana ó museo ca ao centro cultural.
SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE : 



8/1/12

Uso de indefinidos nos enunciados negativos

O galego, a diferenza do que fan outras linguas coma o castelán,rexeita a utilización de indefinidos positivos nas frases negativas. Nestes casos, débense utilizar sempre indefinidos negativos.
Forma incorrecta:  O alumnado non terá responsabilidade algunha* nos asuntos de organización do centro.
Forma correcta:  O alumnado non terá responsabilidade ningunha nos asuntos de organización do centro.
Forma incorrecta: Non hai problema algún*.
Forma correctaNon hai problema ningún.

SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :





11/12/11

Vocabulario de aula

*a diéresis – A DIÉRESE
*a leiteO LEITE
*amarilloAMARELO
*ascoNOXO
*asquerosaNOXENTA
*beca de estudiosBOLSA DE ESTUDOS
*becario/a BOLSEIRO/A
*bostezarBOCEXAR
*brúxulaCOMPÁS
*carreteiraESTRADA
*crisisCRISE
*cutis A CUTE
*dazaseisDEZASEIS
*desperezarse pola mañáDESPREGUIZARSE pola mañá
*duda / dudarDÚBIDA / DUBIDAR
*entrenar / entrenamientoADESTRAR / ADESTRAMENTO
*esoISO
*estirarseESTARRICARSE
*estornudoESBIRRO
*estucheESTOXO
*facía calorÍA CALOR
*fechaDATA
*fecharDATAR
*foiseMARCHOU
*gafasLENTES
*gorditoREPOLUDO
*grimaGRIMO
*haciaCARA A
*levantarse pola mañáERGUERSE pola mañá
*mañánMAÑÁ
*monstruoMONSTRO
*monstruo MONSTRO
*nadieNINGUÉN
*olvidarESQUECER
*palizaMALLEIRA
*pendientesPENDENTES ou BRINCOS
*retrasoATRASO
*sinSEN
*tonteríaPARVADA
*tonto/aPARVO/A
A FIN (a fin de semana) O FIN (o seu fin é conseguir a felicidade)
A PELAXE
ABATER
AO
ASEMADE: ao mesmo tempo.
BICAR
BICO = BEIXO
CA COA: Ca conxunción comparativa (Ela é máis rápida ca ti.). / – contracción de “ca” (conxunción comparativa) + ”a” (artigo, determinado, feminino singular) (Está máis lonxe da casa cá súa irmá.). / Coa: contracción de “con” (preposición) + “a” (artigo, determinado, feminino singular) (Sempre vén ao cine coa súa noiva.).
CADERNO
COMIDAS DO DÍA: o almorzo – almorzar / a parva – tomar a parva / o xantar – xantar / a merenda – merendar / a cea – cear.
DEI (P1 Preterito Ind. vbo. dar) DIN (P6 Presente Ind. vbo. dicir)
DEI ≠ DIN: Dei – P1 Pretérito do vbo. dar / Din – P6 Presente do vbo. dicir
ESTOXO
GRAN trompetista, GRANDE irmán
HAI + períodos de tempos indefinidos FAI + períodos de tempo concretos
HELIOCENTRISMO: hipótese astronómica que sitúa o Sol como centro do universo.
HETERODOXO/A: é aquel que está en contra da doutrina establecida no momento no que se vive.
HETEROXÉNEO/A: o que ten propiedades diferentes.
INSUA: illa pequena que se forma por sedimentación no medio dunha conca dun río.
IR + INFINITIVO: vou sair o domingo.
MALLEIRA: 1. Acción de golpear a alguén; locura, felpa, quenta. 2. Tunda moi grande.
NON DAR CRETO = non crer algo
O LAPIS, OS LAPIS
O NARIZ
O XIZ, OS XICES
PARELLA
RELOXO
RENDIBLE
SAIA (a saia) SAÍA (vbo. saír)
SOLETREAR: dicir ordenadamente as letras que compoñen unha palabra.
TODOS OS
TOLO ═ LOUCO
XERSEI
ZONA (área) ZOA (vbo. zoar, zoa o vento)

__________________

PARTES DO CORPO
A CABEZA: o curuto; a cara, face ou faciana; a fronte; a tempa, sen ou vidalla; a orella; o ollo; a cella; o cello; a pálpebra; a pestana; o iris; a pupila ou meniña do ollo; a fazula ou meixela; a bochecha ou o pómulo; o nariz; as ventas do nariz; a boca; o beizo ou labio; o dentame, a dentadura ou a dentición; o dente; o cairo; a moa (moa do xuízo ou moa do siso); a lingua; o padal ou ceo da boca; o veo do padal; a campaíña ou úvula; a gorxa; o queixo; a queixada (rexión da meixela que se corresponde coa mandíbula); a papada, o papo (papo da cara) ou a papeira; o colo ou o pescozo (non se pode utilizar pescozo para as prendas de roupa); a noz; a caluga ou noca.
O TRONCO: o ombreiro ou ombro; a axila ou sobrazo; as costas; a omoplata; o lombo (dende os ombreiros ata a cintura); o cadril (parte baixa a continuación do lombo, pl. os cadrís); o cu; a nádega ou cacha; a regaña do cu; o ano, o fecho ou o ollo do cu; o peito (xenérico); o peito, o seo, a teta ou a mama; a mamila ou o bico do peito; a aréola; o ventre ou abdome; o van ou a cintura; o embigo; a barriga; a cadeira; a pube; a vulva (coloq. a cona); o pene (coloq. o carallo): o testítulo (coloq. o collón ou o ovo).
O BRAZO: o cóbado; o antebrazo; o pulso; a man; o dorso da man; a palma da man; o coteno, cotelo ou cotobelo; a unlla; a xema do dedo; os dedos; o polgar, matapiollos ou cachapiollos; o índice, mostreiro ou furabolos; o corazón, maior ou pai de todos; o anular, mediano, medianiño ou dedo do aro; o maimiño ou pequeniño.
A PERNA: a ingua, éngoa ou virilla; a coxa; o nocello; a sofraxe; a canela; o papo da perna; o nocello, o noelo ou o tornecelo; o pé; a empeña; a deda; a planta do pé; o calcaño, o calcañar ou a calcañeira.

10/12/11

Cal é a sílaba tónica?

Hai palabras galegas que, aínda tendo moita similitude co castelán na súa forma, presentan unha tonicidade diferente. Cómpre fixarse ben.

É aguda a palabra popurrí
Son palabras graves:
Acne
Ástur
Atmosfera
Bérber
Diocese
Elite
Esexe
Heroe
Lígur
Medula
Mísil
omoplata
Paxaro
Parasito
Pelicano
Prénsil
Réptil
Xermolo

Son palabras esdrúxulas:
alvéolo
período
olimpíada
cardíaca
amálgama


SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :

9/12/11

Uso das construcións reflexivas.

En galego só existen, por regra xeral, construcións reflexivas puras ou directas, nas que o pronome reflexivo realiza a función de complemento directo do verbo. Por conseguinte, en galego non son correctas as construcións reflexivas indirectas, ou sexa, aquelas en que a acción non se exerce sobre a totalidade do suxeito, senón só sobre unha parte e, deste xeito, o reflexivo funciona como complemento indirecto do verbo.
Resumindo , non se pode usar a construción reflexiva se na oración hai xa un complemento directo diferente do suxeito. 

Formas incorrectas:  Laveime* as mans.     Compreime* un coche .

Formas correctas:     Lavei as mans.            Comprei un coche .


SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :

30/11/11

Uso da preposición a co Complemento Directo

Como norma xeral , o complemento directo non leva a preposición a , polo tanto:

Forma correcta:    Vexo o can desde a ventá    
Forma incorrecta: Vexo ao can desde a ventá*.

Só é obrigatorio o uso da preposición a co complemento directo (CD) de persoa nos seguintes casos:

Cos nomes de parentesco, se estes non van precedidos de artigo:
        Vin a teu pai
• Cos pronomes persoais tónicos:
Mirouna a ela e marchou. (Distinto de: Mirouna ela e marchou.)
• Na comparación : Quérolle como a unha nai. 
                           Criou tan ben os fillos coma ás fillas
• Na correlación un a(o) outro: Chámanse seguido uns a outros.
• Ante todos referido a persoas : Vinos a todos na cafetaría do campus.

En xeral, tamén se usa nos casos seguintes:

1. Cos identificadores alguén e ninguén, sobre todo cando non levan ningún especificador: Vin a alguén na festa.

2. Diante de nomes propios de persoa, se non van precedidos de artigo, ou ante outros nomes propios: Onte coñecín (a) Antón. O sismo que azoutou (a) Cataluña.

3. Noutros contextos para evitarmos ambigüidades: Sempre molestaban aos nenos.


SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :

28/11/11

Á PARTE e APARTE

8. Á PARTE   #    APARTE

Á parte:  é unha locución adverbial equivalente a  "agás" e "excepto"
Tamén pode facer referencia á situación apartada ou separada.

 As taxas esixidas aos alumnos,  á parte das taxas de matrícula fixadas con carácter xeral, poderán experimentar en cada curso académico un incremento.

Aparte: Substantivo que fai referencia ao que se fai á parte especialmente
na representación teatral.

O actor fixo un aparte para dirixirse ao público

O SUFIXO - MENTO


7. O SUFIXO - MENTO

É un sufixo que serve para formar substantivos a partir de verbos. Estes substantivos manteñen sempre a vogal temática do verbo de que proceden:
• Se proceden dun verbo da primeira conxugación: a vogal temática é a
trasvasar > trasvasamento regular > regulamento  pagar > pagamento
• Se proceden dun verbo da segunda conxugación: a vogal temática é e 
coñecer > coñecemento esquecer > esquecemento  crecer > crecemento
• Se proceden de verbos da terceira conxugación: a vogal temática  é i 
investir > investimento revestir > revestimento

Non son correctos, xa que logo, substantivos do tipo *movimento (movemento); *atrevimento (atrevemento) ou *padecimento (padecemento)


17/11/11

ESTOUPAR ≠ EXPLOTAR

5. Estoupar  ≠ Explotar

estoupar:  Romper [unha cousa] violentamente con ou sen ruído ó sufrir unha forte presión. Estoupou unha bombona de gas butano. As castañas comezaron a estoupar no lume. SIN. esbourar, estourar. CF. estalar.
explotar :Sacar proveito de [unha fonte de recursos naturais]. Explotar unha mina de ouro. 2. fig. Utilizar [unha cousa] ata sacar dela o máximo proveito.
OBS. É castelanismo que cómpre rexeitar, o uso de explotar por estalar, estoupar, estourar.

Desenvolver ≠ Desenrolar

4. Desenvolver Desenrolar

É frecuente que se confundan as seguintes acepcións destes verbos:

Desenrolar:
1. Estirar [algo que estaba dobrado ou encollido en forma de rolo].
Desenrolouse o fío do carrete. SIN. desenroscar(se), desenvolver(se).
O equivalente EN CASTELÁN É DESENROLLAR

Desenvolver:

1. Pasar [algo] dun estado a outro máis perfecto, ter maior actividade, adquirir
maior importancia.
As plantas nacen, desenvólvense e morren. As nacións pobres tardan en
desenvolverse.
O equivalente EN CASTELÁN É DESARROLLAR

OBS. Ten dous participios: desenvolvido e desenvolto

Non é correcto por tanto dicir  “ Vou desenrolar o seguinte tema”* ou “Países desenrolados”

TESTEMUÑA e TESTEMUÑO

3. Testemuña    Testemuño

A testemuña (  FEMININO)
1. Persoa que ten coñecemento dun feito por telo comprobado cos seus sentidos, e do que dá fe.
2. Persoa que viu ou sentiu algunha cousa

O testemuño (  MASCULINO)
1.Declaración de alguén para certificar unha cousa que viu ou sentiu, para
establecer ou probar un feito.
Ex. Co testemuño que ofreceu a testemuña o inculpado foi declarado
inocente

2. Obxecto que un corredor entrega para dar fe da remuda.

Polo tanto será Carreira de remudas ou carreira de revezamentos.



15/11/11

XOVE* non significa “mozo”


Xove* 
O adxectivo xove para referirse ás persoas de pouca idade é incorrecto. No seu lugar cómpre dicir “novo”, “mozo”  ou “ rapaz”  ; cando se quere empregar o colectivo as formas máis frecuentes son mocidade, xuventude , rapazada…
EXEMPLO:
Uso incorrecto                            Uso correcto
Cando o meu avó era xove…. * Cando o meu avó era novo
                                                Cando o meu avó era mozo
SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :

9/11/11

NOVA ENTREGA DE ACLARACIÓNS LINGÜÍSTICAS

Aportar    Achegar

Aportar: Chegar a porto
Achegar: (entre outros moitos significados). Proporcionar algo novo ou
distinto a unha determinada cousa.
NON É CORRECTO empregar a forma aportar en frases como:
Tiven que *aportar datos para demostrar a súa inocencia.
Fixo unha *aportación de 100€ para a excursión.
O CORRECTO é:
Tiven que achegar datos para demostrar a súa inocencia.
Fixo unha achega/ contribución  de 100€ para a excursión.