9/3/12

Roteiro rosaliano

O pasado mércores , 7 de marzo, o alumnado de 3º de ESO e 1º Bacharelato fixo este roteiro ,un itinerario que segue parte da vida de Rosalía de Castro, aínda que de xeito desordenado, dende o seu nacemento en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837, ata o 15 de xullo de 1885 en que se produce a súa morte en Padrón. Unha sinxela ruta que percorre os camiños que ela percorreu, que fai meditar nos recantos nos que meditou. Un camiño que nos permite identificarnos intimamente con Rosalía e con Galicia, aínda que nos limitemos á cidade de Santiago de Compostela e á vila de Padrón. Aquí podedes ver algunha das fotos desta actividade.



PERCORRIDO

 1. SANTIAGO DE COMPOSTELA 
Iniciamos a andaina no antigo convento de San Domingos de Bonaval, situado nun outeiro extramuros da cidade histórica, ao pé do camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. A igrexa data da época da fundación. É de estilo gótico, e sufriu diversas reformas e adicións ata o século XVI. Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poeta Rosalía de Castro e outros persoeiros galegos. 


MUSEO DO POBO GALEGO O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela. No museo visitaremos as exposicións permanentes dedicadas ao mar, aos oficios, ao campo, ao traxe, á música, ao hábitat e a arquitectura, á sociedade, aos oficios urbanos e á prensa e a imprenta. Ttamén as seccións de arqueoloxía e de arte. 

PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES No antigo convento de Bonaval , fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán e reconstruído en estiso Barroco nos séculos XVII e XVIII. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple. A igrexa é de Estilo Gótico e sufriu diversas reformas ata o século XVI. Nela está situado o Panteón dos galegos ilustres no que repousan os restos de Rosalía de Castro e doutros ilustres. 
A CATEDRAL DE SANTIAGO Concibida como unha pequena cidade de pedra en torno a unhas reliquias e dotada de vida propia, evolucionou con vitalidade ao longo dos anos, amosándose hoxe como un conxunto heteroxéneo de estilos e tendencias de diferente signo e cronoloxía que se foron superpoñendo sucesivamente. A Catedral románica, trazada seguindo o modelo francés das igrexas da peregrinación, ergueuse (1075-1211) sobre os restos das primitivas igrexas construídas no lugar onde apareceran as cinzas do Apóstolo, a última destruída por Almanzor no verán do ano 997. A auxe das peregrinacións e as riquezas dun dos señoríos feudais máis grandes da Península Ibérica permitiron o inicio da construción da Catedral baixo o episcopado de Diego Peláez. Organízase o espazo sobre a tradicional planta de cruz latina e tres naves. 

MONUMENTO A ROSALÍA No paseo da Ferradura atopámonos con este monumento homenaxe a Rosalía de Castro onde varios alumnos recitaron poemas da autora logo de observar as inscricións e características desta obra. 

2. PADRÓN

MONUMENTO A ROSALÍA 
 Realizaremos un paseo pola fermosa vila, para visitar os sitios de interese: o convento dos Dominicos, a Igrexa parroquial co Pedrón, o Xardín Botánico e pasear paseniñamente polo Esporón até chegar ao monumento a Rosalía no Esporón.. 

CASA MUSEO DE ROSALÍA DE CASTRO situada na aldea de A Matanza. Dende 1971 sede da Fundación Rosalía de Castro. 

COLEXIATA DE IRIA FLAVIA E CEMITERIO DE ADINA Desde a Casa Museo da Matanza iremos a Iria Flavia.A Colexiata, que segundo a tradición foi a primeira catedral de España, está rodeada por un fermoso adro. É o cemiterio de Adina que canta Rosalía e onde estivo soterrada de 1885 a 1891. A tumba está sinalizada. Fronte á colexiata está a Fundación Camilo José Cela. 
TEMPLO DE BASTAVALES Na aldea de Soigrexa tivo residencia esporádica Rosalía. O templo parroquial de Bastavales posúe unhas das campás máis fermosas de toda Galicia, instaladas en 1828. Rosalía podía escoitalas desde a casa do Castro de Ortoño.

6 comentarios:

  1. Que saída tan completa! Da gusto ver a participación dos nenos, nótase que levaban a visita preparada.
    Boto de menos que non puxeras unha foto do bus, tan ben como o pasaron nel...

    ResponderEliminar
  2. Pois resulta que a tiña e que a borrei por erro!

    ResponderEliminar
  3. Pocahontas11/3/12, 13:43

    Foi unha visita xenial, hai que facer máis.

    ResponderEliminar
  4. Precioso roteiro, didáctico e moi aproveitado. Coido que os alumnos amaron, coma nós, a grandísima Rosalía.

    ResponderEliminar
  5. Moi bonito vídeo. Sería bo ter un vídeo dos alumnos recitando, unha conexión entre o pasado e o presente. Ela segue viva para moitos de nós.

    ResponderEliminar
  6. Moi bo roteiro teño grandes recordos de facelo o ano pasado é toda unha aventura

    ResponderEliminar