18/3/12

O amor a Moraima (Día da Poesía 2012)





Neste ano Celso Emilio, lembrámonos del tamén para celebrar o 21 de marzo, Día da Poesía, e facémolo cunha das súas máis coñecidas composicións.
Non deixa de ser curioso, que sendo Celso Emilio Ferreiro o máximo representante do que foi a poesía social e reivindicativa do século XX en Galicia, un dos seus textos máis coñecidos sexa precisamente o poema de amor Moraima que lle dedicou á súa dona. Ollade que fermosura de versos:



Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.

Celso Emilio Ferreiro, Onde o mundo se chama Celanova, xaneiro 1972



Celso Emilio e Moraima paseando.
A raíz deste texto poético o nome de Moraima converteuse nunha icona do amor puro e eterno que foi musicado en numerosas ocasións. 
Para que vexades o que o texto deu de si no ámbito musical, tedes aquí o poema musicado de dúas formas diferentes, unha por Suso Bahamonde e a outra por Manuela e Miguel.
A continuación déixovos tamén un vídeo dunha versión realizada por Milladoiro coa colaboración da cantante Ana Belén. 
Comparade e xa diredes cal vos gusta máis.

As fotografías desta entrada proceden da páxina web da Fundación Celso Emilio Ferreiro onde podedes atopar moitísima información sobre o autor.

3 comentarios:

  1. A verdade é que esta versión con Ana Belén e Milladoiro é ben bonita!
    Tes razón Lestiña,que Celso Emilio fixo poemas sociais estupendos pero cando toca a esfera do íntimo case é mellor poeta. Polo menos iso opino eu.

    ResponderEliminar
  2. Concordo contigo, Belén. En concreto, este poema paréceme precioso e a versión de Ana Belén e Milladoiro, xenial.

    ResponderEliminar
  3. Lucas Edson19/4/12, 10:49

    O poema esta moi ben,gustoume moito.

    ResponderEliminar