18/1/12

As oracións comparativas

Hai poucos días unha compañeira moi querida pediunos que incluísemos no blog a aclaración sobre o uso das conxuncións comparativas. Aí queda :
Os adxectivos, ademais do grao positivo (a casa é pequena), posúen un grao comparativo que serve para comparar a calidade atribuída a un substantivo en relación con outros aos que tamén se lles atribúe a mesma calidade. A comparación pode ser de igualdade, inferioridade ou superioridade.
Comparación de igualdade:
 Constrúese coa partícula tan precedendo ó adxectivo e como ou coma introducindo o segundo elemento da comparación:
[tan + adxectivo + como/coma + segundo elemento].
- como: obrigatorio diante de verbo conxugado.
- coma: obrigatorio diante de pronome persoal tónico.
- Nos demais casos podemos elixir un ou outro.
Deixouno tan ordenado como puido.
Aquel home é tan riseiro coma ti.
Ía tan rápido como/coma un tren.
Comparación de inferioridade:
 Constrúese co adverbio menos precedendo ó adxectivo e ca, que ou do que introducindo o segundo elemento da comparación:
[menos + adxectivo + ca/que/do que + segundo elemento].
- do que: obrigatorio diante de verbo conxugado.
- ca: obrigatorio diante de pronome persoal tónico.
- Nos demais casos podemos elixir entre ca e que.
Hoxe levamos menos atraso do que é habitual.
Teu irmán é menos alegre ca ti.
Antón é menos falangueiro ca/que Xurxo.
Comparación de superioridade:
 Constrúese do mesmo xeito que a de inferioridade. Só se cambiará o adverbio menos polo adverbio máis:
[máis + adxectivo + ca/que/do que + segundo elemento].
Con esas zapatillas corría máis rápido ca ti.
Atopei a teu pai máis recuperado do que esperaba.
Gústame bailar máis que/ca cantar.
REPARADE
 - A partícula ca contrae co artigo determinado, aínda que tamén se admite sen contraer.
ca + o: (O cine está máis vivo có/ ca o teatro).
ca + a: (A televisión é menos inmediata cá /ca a radio).
ca + os: cós (Estas lámpadas alumean menos cós/ ca os focos halóxenos).
ca + as: cás (Os telegramas chegan ó destino antes cás/ ca as cartas).
- É importante non confundir as contraccións da partícula ca coas contraccións da preposición con:
con + o: co (Atopeime co meu xefe no ascensor).
con + a: coa (Foi coa túa avoa ao supermercado).
con + os: cos (Estiven toda a tarde cos teus fillos no parque).
con + as: coas (Sempre está xogando coas cadelas da súa veciña).
- Debemos ter en conta que a conxunción ca non contrae coa preposición a:
Apreciouna máis a ela ca a ti.
Tampouco contrae cando xa hai unha contracción de preposición + artigo:
Vai de mellor gana ó museo ca ao centro cultural.
SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE : 



3 comentarios:

  1. Uf, que completa é esta información!
    Eu tiña dúbidas neses casos nos que podes elixir un ou outro... Agora xa me queda claro!
    Canto vale esta profesora!
    Grazas :)

    ResponderEliminar
  2. Grazas Belén, moi aclaradiño, agora espero empregalos millor

    ResponderEliminar
  3. Tamara Paredes19/1/12, 15:37

    Moi boa a explicación ! Estaría ben que houbese máis entradas explicando diversas dúbidas; penso que serven de gran axuda.

    ResponderEliminar