29/1/12

UN TEXTO POLA PAZ.

Botamos man dun texto de Celso Emilio Ferreiro, para commemorar desde este blog pacifista, o día en contra da violencia e a favor da paz.

UNHA VEZ

Unha vez houbo un home
que nunca dixo, meu.
Petou nas portas do mundo,
chamou no meu corazón.
Falaba con palabras
que semellaban pombas.
As cousas á súa beira
púñanse brancas.
Nascíalle nos ollos un abrente
coma un río de luz,
ou coma un mar lonxano de gueivotas.
Un bálsamo de amor
tiña aquil home
pra ista miña dor
sin nome.

27/1/12

Adeus ao mestre dos gaiteiros

O patriarca da familia Seivane, Xosé Manuel Seivane Rivas, faleceu hoxe aos 90 anos, segundo informaron os seus fillos. Nacido en Fonmiñá-A Pastoriza en 1921, foi o creador do selo Seivane e o iniciador dunha das sagas de artesáns e artistas máis recoñecidas dentro do mundo da gaita. A gaita é un instrumento fundamental da nosa música, e está presente en Festivais tan importantes coma no Festival Celta de Ortigueira ou no Festival de Lorient. E por isto querémoslle render unha homenaxe a don Xosé Manuel oíndo as súas palabras e escoitando a súa neta, Susana Seivane.

26/1/12

Un exemplo lingüístico , ou non?

Dá gusto oír e ver esta rapariga . Mesmo parece que é comestible de rica que é.

Ata que o saibas

Alumnos de 3º de ESO(PDC) manifestaron moitas opinións sobre o libro que leron e que tivo tan boa aceptación entre eles.Decidiron publicar as que aquí figuran. P1050266

22/1/12

A FILLA DA RÍA DE PRATA

Temos a satisfacción de vos presentar a montaxe audiovisual A Filla da Ría de Prata , un proxecto dos alumnos e alumnas de 4º de PDC do noso instituto que nos ofrece un percorrido por Sada dende 1900 aos nosos días.
É unha pequena mostra do proxecto máis amplo que están a realizar e que inclúe unha guía do concello de Sada, folletos turísticos e un documental. O proxecto completo presentarase publicamente no mes de maio. Manterémosvos informados.
Queremos agradecer unha vez máis o traballo de todas aquelas persoas que ao compartir as súas fotografías e informacións sobre Sada fixeron posible esta montaxe.
Dedicámoslle con toda humildade o noso proxecto á figura inmensa de Isaac Díaz Pardo. Sempre connosco!

http://www.youtube.com/watch?v=4hrrtMmLFYc&feature=youtu.be

19/1/12

CONCURSO DE MICRORRELATOS. AMOR ! AMOR ?... EN CEN PALABRAS



 ATENCIÓN RAPAZAS E RAPACES:
Esta rapaza gañou o primeiro premio no concurso lingua de amor  porque...


...EN GALEGO LÍGASE MÁIS .Está demostrado. Frases míticas para facer as beiras  como: "ti es de aquí ou vés á festa?"  só con usalas conseguen efectos demoledores coa vítima escollida ( probade, probade...)
Por iso para facerlle os honores a San Valentín, que en febreiro sempre anda moi atarefado, convocamos a cuarta edición do concurso de microrrelatos que demos en chamar AMOR? AMOR!... EN 100 PALABRAS. 

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR, A VER QUEN CONSEGUE SER MÁIS ROMPEDOR NISTO DAS DECLARACIÓNS DE AMOR.


BASES DO CERTAME                                                                                           Amor? Amor!... en cen palabras

Primeira. Os participantes presentarán creacións literarias orixinais e inéditas ‑e non premiadas noutros certames‑ no xénero literario que desexen, ben en prosa, en verso ou en ambas as modalidades. A temática será o amor, en calquera das súas manifestacións: amor, desamor…

Segunda. As obras deberán ter unha extensión máxima de 100 palabras e levarán título. Estarán redactadas en lingua galega e poden estar escritas á man ou a ordenador.

Terceira. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES O Mosteirón (Sada). O prazo de presentación abrirase o día 1 de febreiro de 2010 no primeiro recreo e remata o 15 de febreiro no segundo recreo.

Cuarta. Os microrrelatos entregaranse na biblioteca durante os recreos; recolleraos o persoal docente con garda de biblioteca.
Os participantes deben presentar as obras dentro dun sobre, co título e cun pseudónimo ou nome falso por fóra. Dentro deste sobre, incluirase outro sobre máis pequeno –tamén co título do microrrelato e o pseudónimo por fóra‑ no que se indique o nome completo e a clase do autor ou autora do texto dentro.

Quinta. Os traballos serán expostos, segundo se vaian presentando, en lugares visibles e accesibles do centro.

Sexta. As obras serán avaliadas por unha comisión designada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais polo equipo da Biblioteca A Esperela do IES O Mosteirón. Esta proclamará dous textos gañadores. Un para o primeiro ciclo e outro para 2º ciclo e Bacharelato.

Sétima. O anuncio da obra gañadora do certame farase o día 24 de febreiro. Terá lugar no ESPAZO CINEMA, no primeiro recreo.

Oitava. Os gañadores recibirán un premio sorpresa e un diploma acreditativo.

Novena. A participación no certame implica a aceptación destas bases.


18/1/12

Fusión entre as artes

 A caza do ghazafello
Aí tedes un libro-audio ben interesante, no que as aventuras que nel ocorren non deixarán de sorprendervos. A maxia e a fantasía son elementos recurrentes: trasnos, Estadeas, e outros personaxes circulan por unha Fraga chea de maxia. 
Mais Lois, un neno, acompañado do seu can, Palleiro, serán quen de cazar un ghazafello? Lembrade que a música que acompaña ao libro é importantísima.

As oracións comparativas

Hai poucos días unha compañeira moi querida pediunos que incluísemos no blog a aclaración sobre o uso das conxuncións comparativas. Aí queda :
Os adxectivos, ademais do grao positivo (a casa é pequena), posúen un grao comparativo que serve para comparar a calidade atribuída a un substantivo en relación con outros aos que tamén se lles atribúe a mesma calidade. A comparación pode ser de igualdade, inferioridade ou superioridade.
Comparación de igualdade:
 Constrúese coa partícula tan precedendo ó adxectivo e como ou coma introducindo o segundo elemento da comparación:
[tan + adxectivo + como/coma + segundo elemento].
- como: obrigatorio diante de verbo conxugado.
- coma: obrigatorio diante de pronome persoal tónico.
- Nos demais casos podemos elixir un ou outro.
Deixouno tan ordenado como puido.
Aquel home é tan riseiro coma ti.
Ía tan rápido como/coma un tren.
Comparación de inferioridade:
 Constrúese co adverbio menos precedendo ó adxectivo e ca, que ou do que introducindo o segundo elemento da comparación:
[menos + adxectivo + ca/que/do que + segundo elemento].
- do que: obrigatorio diante de verbo conxugado.
- ca: obrigatorio diante de pronome persoal tónico.
- Nos demais casos podemos elixir entre ca e que.
Hoxe levamos menos atraso do que é habitual.
Teu irmán é menos alegre ca ti.
Antón é menos falangueiro ca/que Xurxo.
Comparación de superioridade:
 Constrúese do mesmo xeito que a de inferioridade. Só se cambiará o adverbio menos polo adverbio máis:
[máis + adxectivo + ca/que/do que + segundo elemento].
Con esas zapatillas corría máis rápido ca ti.
Atopei a teu pai máis recuperado do que esperaba.
Gústame bailar máis que/ca cantar.
REPARADE
 - A partícula ca contrae co artigo determinado, aínda que tamén se admite sen contraer.
ca + o: (O cine está máis vivo có/ ca o teatro).
ca + a: (A televisión é menos inmediata cá /ca a radio).
ca + os: cós (Estas lámpadas alumean menos cós/ ca os focos halóxenos).
ca + as: cás (Os telegramas chegan ó destino antes cás/ ca as cartas).
- É importante non confundir as contraccións da partícula ca coas contraccións da preposición con:
con + o: co (Atopeime co meu xefe no ascensor).
con + a: coa (Foi coa túa avoa ao supermercado).
con + os: cos (Estiven toda a tarde cos teus fillos no parque).
con + as: coas (Sempre está xogando coas cadelas da súa veciña).
- Debemos ter en conta que a conxunción ca non contrae coa preposición a:
Apreciouna máis a ela ca a ti.
Tampouco contrae cando xa hai unha contracción de preposición + artigo:
Vai de mellor gana ó museo ca ao centro cultural.
SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE : 



13/1/12

LIBROS LIBRES

Van aquí algunhas lecturas entretidas e interesantes. Escollede e desfrutade.


8/1/12

Uso de indefinidos nos enunciados negativos

O galego, a diferenza do que fan outras linguas coma o castelán,rexeita a utilización de indefinidos positivos nas frases negativas. Nestes casos, débense utilizar sempre indefinidos negativos.
Forma incorrecta:  O alumnado non terá responsabilidade algunha* nos asuntos de organización do centro.
Forma correcta:  O alumnado non terá responsabilidade ningunha nos asuntos de organización do centro.
Forma incorrecta: Non hai problema algún*.
Forma correctaNon hai problema ningún.

SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :





5/1/12

MORREU ISAAC DÍAZ PARDO

Hoxe morreu Isaac Díaz Pardo, aos 91 anos de idade . O pasamento deste persoeiro deixa un grande baleiro en Galicia e por suposto en Sada , onde   tanto fixo coa súa actividade industrial e cultural. Con el remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. É sen dúbida un día de loito.

Podedes ver  o trailer do documental titulado ISAAC, de Xosé Abad,  que conta o pensamento e os sentimento de Isaac Díaz Pardo e sobre boa parte dos acontecementos e da vida que lle tocou vivir.


TRAILER DE ISAAC, O DOCUMENTAL DE XOSÉ ABAD, SOBRE A FIGURA DO FINADO