Mostrando entradas con la etiqueta CINE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CINE. Mostrar todas las entradas

3/6/12

PRESENTACIÓN DE ÉDELINGUA



                         

A FILLA DA RÍA DE PRATA. MÁIS QUE UN DOCUMENTAL

       A Filla da Ría de Prata é o título dun documental producido por Édelingua, pero tamén é o título da guía básica do concello de Sada que editaron os alumnos e alumnas de 4º de PDC do noso instituto baixo a coordinación do profesor do ámbito lingüístico e social, Xosé Seoane.
Esta guía inclúe ademais o traballo de campo realizado para a exposición de hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada e tamén dípticos turísticos de Sada en galego, castelán e inglés. 


     O proxecto parte dunha selección cultural de datos realizada con criterios de relevancia pedagóxica. Esta relevancia vén dada, non pola cantidade de información ateigada, senón polo desenvolvemento da capacidade de analizar e comprender globalmente a realidade.  Por outra banda, esquecer quen somos e de onde vimos é perder a memoria histórica, é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva,do entorno máis inmediato, da humilde beleza do noso é outro dos obxectivos que se pretenden conseguir con este proxecto. Por iso este enfoque non pretende a memorización dos contidos, nin tampouco a súa reprodución. Pretende crear situacións e experiencias de aprendizaxe nas que, a través da análise da información, a discusión, a indagación e o punto de vista compartido, os alumnos e alumnas sexan quen de construír os seus propios coñecementos. Isto ademais contribuirá a crear as condicións necesarias para que sigan interesándose pola cultura social e sigan aprendendo no futuro. En definitiva, preténdese capacitalos para a súa realización persoal, para o exercicio da cidadanía activa, para a incorporación satisfactoria á vida adulta e para o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da súa vida.
    Esta guía é a suma dos traballos individuais elaborados polo alumnado baixo a coordinación do profesor. É o resultado final dun longo proceso. Este proceso de elaboración partiu da busca e selección da información máis relevante do concello de Sada, consultando as máis diversas fontes, e remata coa edición desta guía práctica e sinxela que recolle todos aqueles aspectos importantes que todos os sadenses deben saber do entorno no que viven. 
    Con este e outros proxectos de traballo similares,  os nosos alumnos e as nosas alumnas acadarán o obxectivo fundamental da educación: convertérense en cidadáns informados que sexan quen de interpretar a realidade social de xeito reflexivo e crítico, e que saiban comunicarse e relacionarse cos demais empregando correctamente os códigos da cultura social e así dese xeito poder levar a cabo o seu proxecto persoal de vida.


8/4/12

VILAMOR: CINE EN GALEGO E CONCURSO.



Esta última película de Ignacio Vilar está inspirada nunha comuna lucense dos anos setenta e amosa dúas formas de entender a vida, por unha banda, a duns mozos 'hippies' e, pola outra, a dunha sociedade que está a dar os seus primeiros pasos en democracia.
En “Vilamor” a acción transcorre en 1976 cando Breixo, un rapaz seminarista dunha vila das montañas de Lugo, se atopa cunha comuna na aldea de Vilamor. Seducido pola idea dun estilo de vida alternativo, decide axudar o grupo que acaba de chegar para recuperar a aldea, fronte a veciños que parecen non compartir este soño de liberdade.


O pasado 30 de marzo estreouse   Vilamor, película galega e en galego, que pasará polas salas de cinema de todo o país. A partir do 3 de maio estará na Coruña nos Filmax . 
Para aproveitar o talento, imaxinación e creatividade do alumnado e para potenciar a asistencia da xente ás salas de cine  e fomentar a educación audiovisual argallouse o concurso "Tes que vela". Le aquí as bases:
Bases
•         Creación dun vídeo co lema “Tes que vela” (que debe aparecer gráfica ou verbalmente)
•         Duración: máximo 30 segundos.
•         Participantes: máximo 13 persoas por vídeo.
•         Número máximo de vídeos por participante: 3
•         Premio: unha fin de semana nos Ancares
•         Xurado: o director e os actores principais de Vilamor
Como participar
•         Os participantes terán que colgar un vídeo en Youtube co título: “Vilamor, a película. Tés que vela + título da vosa creación”.
•         Entre os vídeos máis difundidos elixiranse 5 finalistas. O xurado reservarase a posibilidade de destacar algún outro vídeo que non teña tanta difusión pero que destaque pola súa calidade ou orixinalidade.
•         De entre eses vídeos finalistas o xurado elixirá o vídeo gañador.
Prazo para a presentación dos vídeos
Dende o 26 de marzo ata o 30 de maio. O vídeo gañador darase a coñecer durante o mes de xuño.
Premio
Os gañadores do mellor vídeo disfrutarán dunha fin de semana nos Ancares cos protagonistas e o director de Vilamor acompañados dun tutor legal, se son menores de idade. Todos os gastos serán pagos.

8/3/12

Cine de mulleres

Mufest consolídase como 1 dos 3 festivais de cine de muller no Estado.  
O MUFEST é un festival audiovisual que promove o crecemento cultural e artístico e o impulso das futuras directoras, produtoras e guionistas, onde teñen cabida curtametraxes de animación, de ficción e documentais. Apoia a creación de novas obras audiovisuais que amosen novas perspectivas, tanto sociais como culturais, fomentando a diversidade e a visibilidade. "En relación ó público do Mufest , nunca pensamos en que fose distinto a outro tipo de festivais. A única diferenza é que só exhibimos e premiamos filmes dirixidos, producidos e/ou guionizados por mulleres. O que se pretende é visibilizar , apoiar e promocionar o traballo das mulleres neste eido. Mais, sobra dicir que disto tamén lle poden sacar rendemento os homes. Un filme inscrito no Mufest pode estar dirixido por unha muller pero, por exemplo, producido por un home. Este produtor tamén se beneficia, pois dase a coñecer o seu traballo". Por Rosabel Candal.Vía Dioivo

25/2/12

AS MAZÁS CASAMENTEIRAS

O venres 24 de febreiro, no 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, estreamos en Espazo Cinema As mazás casamenteiras, última produción cinematográfica de Édelingua, a produtora de audiovisuais do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón de Sada.
A curtametraxe está baseada novamente nun texto de Séchu Sende. Está protagonizada por Alejandra e Miguel, de primeiro de ESO, e por Anna e Lucía, de 4º de ESO. Javier González Garrido (Genetic films), de 2º de Bacharelato, gravou, dirixiu e montou este filme no que a casualidade e o feito de valorar a esencia das cousas e non a súa aparencia provocan o encontro de dúas persoas moi especiais, un mozo e unha moza moi tenros, amantes da lectura e tamén das mazás do país, as máis saborosas, aínda que non teñan boa "pinta".

20/12/11

TRÁILER DUNHA CURTAMETRAXE DE PABLO DÍAZ

Achegámosvos o enlace do tráiler dunha curtametraxe realizada por Pablo Díaz, alumno que foi do IES O Mosteirón e un dos que participaron na marabillosa aventura da sétima arte no noso centro dende os seus inicios (Eu falo galego porque...). Actualmente cursa Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.
Sentímonos moi orgullosos dos éxitos dos nosos alumnos.
Velaí vai o enlace:
http://www.youtube.com/watch?v=xrqvLgjtypM
Manterémosvos informados.