Mostrando entradas con la etiqueta ACTIVIDADES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ACTIVIDADES. Mostrar todas las entradas

14/6/12

A Filla da Ría de Prata (documental)

É un documental que nos ofrece unha visión moi persoal do concello de Sada. Forma parte do proxecto didáctico do ámbito lingüístico e social deseñado e desenvolvido por Xosé Anxo Seoane Cao co alumnado de 4º de PDC no IES O Mosteirón no curso 2011/2012. Complementa a guía do concello de Sada editada tamén dentro deste proxecto. Javier González Garrido encargouse da cámara e da montaxe; Katherine, Pamela, Adrián, Marcela, Anna, Héctor, Álex, Nerea, Lucía e Thiago da documentación. Foi producida por Édelingua.

13/6/12

A Filla da Ría de Prata ( Guía de Sada)

        A guía de Sada que mostramos a continuación, é o resultado dun proxecto de traballo dentro do programa  Galicia: para vivírmola deseñado e desenvolvido no noso centro para o alumnado de PDC ( Programa de diversificación curricular)   baixo a coordinación do profesor Xosé Seoane Cao . 
           Este documento , resultado da suma de traballos escolares  nun longo proceso, recolle  a información máis relevante do concello de Sada e compleméntase cun folleto turístico , unha presentación audiovisual , unha exposición de hórreos , cruceiros , fontes e lavadoiros e un documental ( que tamén publicaremos neste blog en breve). Dedícase o traballo a Isaac Díaz Pardo , galeguista histórico e exemplo a seguir, no ano do seu pasamento.




9/6/12

VISITA AO CENTRO DE ABRAHAM CARREIRO



O pasado xoves, 7 de maio, tivemos a sorte de contar no noso centro con Abraham Carreiro,autor de Xoeliki, aventuras dun ciberpirata . A actividade foi organizada polo departamento de Lingua galega e literatura , que incluíu na súa programación a lectura do seu libro neste trimestre, e que resultou ter un grande éxito entre o alumnado. Abraham presentou os seus piratas cibernéticos  mentres facía debuxos dos personaxes do libro. Os rapaces permaneceron  interesados e atentos  e formularon moitísimas preguntas ao final da súa charla. Incluso, Xosé Píriz de 1º de ESO, tivo tempo de facerlle unha caricatura coa que o agasallou  ao remate . Poñémola  aquí para que vexades o grande potencial deste rapaz que case lle fai a competencia a Abraham. Aos que desfrutastes con esta lectura, deixámosvos o enlace á páxina oficial do libro e anunciámosvos a aparición próxima da segunda parte (" Xoeliki 2, novas aventuras" )


3/6/12

PRESENTACIÓN DE ÉDELINGUA



                         

A FILLA DA RÍA DE PRATA. MÁIS QUE UN DOCUMENTAL

       A Filla da Ría de Prata é o título dun documental producido por Édelingua, pero tamén é o título da guía básica do concello de Sada que editaron os alumnos e alumnas de 4º de PDC do noso instituto baixo a coordinación do profesor do ámbito lingüístico e social, Xosé Seoane.
Esta guía inclúe ademais o traballo de campo realizado para a exposición de hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada e tamén dípticos turísticos de Sada en galego, castelán e inglés. 


     O proxecto parte dunha selección cultural de datos realizada con criterios de relevancia pedagóxica. Esta relevancia vén dada, non pola cantidade de información ateigada, senón polo desenvolvemento da capacidade de analizar e comprender globalmente a realidade.  Por outra banda, esquecer quen somos e de onde vimos é perder a memoria histórica, é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva,do entorno máis inmediato, da humilde beleza do noso é outro dos obxectivos que se pretenden conseguir con este proxecto. Por iso este enfoque non pretende a memorización dos contidos, nin tampouco a súa reprodución. Pretende crear situacións e experiencias de aprendizaxe nas que, a través da análise da información, a discusión, a indagación e o punto de vista compartido, os alumnos e alumnas sexan quen de construír os seus propios coñecementos. Isto ademais contribuirá a crear as condicións necesarias para que sigan interesándose pola cultura social e sigan aprendendo no futuro. En definitiva, preténdese capacitalos para a súa realización persoal, para o exercicio da cidadanía activa, para a incorporación satisfactoria á vida adulta e para o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da súa vida.
    Esta guía é a suma dos traballos individuais elaborados polo alumnado baixo a coordinación do profesor. É o resultado final dun longo proceso. Este proceso de elaboración partiu da busca e selección da información máis relevante do concello de Sada, consultando as máis diversas fontes, e remata coa edición desta guía práctica e sinxela que recolle todos aqueles aspectos importantes que todos os sadenses deben saber do entorno no que viven. 
    Con este e outros proxectos de traballo similares,  os nosos alumnos e as nosas alumnas acadarán o obxectivo fundamental da educación: convertérense en cidadáns informados que sexan quen de interpretar a realidade social de xeito reflexivo e crítico, e que saiban comunicarse e relacionarse cos demais empregando correctamente os códigos da cultura social e así dese xeito poder levar a cabo o seu proxecto persoal de vida.


24/5/12

TI ES DOS MEUS

Baixo o nome de AGASALLO SINCRONIZADO PARA O MUNDO o seguinte tema foi feito para compartir no día das Letras galegas. Existen numerosas versións que podedes escoitar, interpretadas por diferentes persoas . Esta é unha das que máis me gustaron a min ,pero hai outras tamén moi chulas . Aínda que o día das letras xa pasou, a mensaxe segue chea de forza.


Pódense ver moitas máis versións  AQUÍ

20/5/12

ÉDELINGUA NAS TERRAS DA ULLOA

     O sábado 19 de maio, alumnos e alumnas do instituto participaron na Eira da Xoana dunha xornada moi especial. Édelingua participou na "Festa da Diversidade Natural e Cultural" organizada por ADEGA (asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) coa proxección da curtametraxe coa que acadou o premio do certame "Correlingua 2012"  Galego, todo o que buscas.
     Foi un día inesquecible. Queremos darlle as grazas a Marcial, o noso anfitrión e guía, pola visita ao castelo de Pambre e a ruta da natureza polas terras da Ulloa. Grazas a todos os que participaron desta emotiva xornada polo seu trato e polos seus aplausos e parabéns logo de ver a nosa curtametraxe.
     ADEGA, dende hai case corenta anos da súa fundación, está a desenvolver unha chea de actividades encamiñadas á defensa do noso contorno natural e das nosas raíces culturais. A Eira da Xoana é un proxecto aberto que ten como obxectivo concienciar e poñer en práctica os principios ecoloxistas e socioculturais que defende esta asociación ecoloxista.
     Non deixedes de visitar o blog  eiradaxoana.blogaliza.org.







9/5/12

Novo recoñecemento para Édelingua

     Dúas curtametraxes producidas por Édelingua, Na oficina de obxectos perdidos e As mazás casamenteiras, foron seleccionadas para se proxectaren na I Mostra de Cine Xuvenil que se desenvolve ao abeiro do Festival Primavera do Cine en Vigo. O acto central da Mostra terá lugar o día 25 de maio no Auditorio do Centro Cívico de Teis, na cidade olívica.
      Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e en nome de toda a comunidade educativa do IES O Mosteirón queremos felicitar unha vez máis a todos os que fan posible que "Édelingua" siga adiante. Parabéns aos actores e actrices de ambas as dúas curtametraxes e moi especialmente ao seu director, Javier González Garrido.

3/5/12

Libro interactivo sobre Paz- Andrade

Deixamos hoxe este libro interactivo elaborado no CEIP  Conde Fenosa. É un traballo con moito aproveitamento alén de ser entretido xa que inclúe varias actividades lúdicas arredor da figura de Valentín Paz Andrade. Grazas aos creadores por compartir o seu traballo.


-

26/4/12

EXPOSICIÓN NO INSTITUTO SOBRE PAZ-ANDRADE

             O Instituto O Mosteirón de Sada  foi un dos escollidos para ubicar unha exposición itinerante que nas vindeiras semanas percorrerá distintos centros de toda Galicia. A mostra , que estará no centro desde o 4 ao 11 de maio, pretende achegar á mocidade a figura de Valentín Paz Andrade, escritor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
          Esta exposición componse de cinco paneis con pantallas integradas e unha videoproxección de gran formato que permiten un achegamento á súa produción literaria, ao seu compromiso político, á súa tarefa empresarial e á súa obra ensaística e xornalística.Asemade tamén contaremos con diversos materiais didácticos para que toda a comunidade educativa faga uso dos mesmos. 
Un propósito de Édelingua é propiciar que os centros da zona teñan a oportunidade de visitar esta exposición de grande aproveitamento didáctico, polo que todos serán convidados a asistir ao noso instituto. 

25/4/12

EXPOSICIÓN NA CASA DA CULTURA PINTOR LLORÉNS DE SADA

Do día 1 ao 20 de maio, na Casa da Cultura Pintor Lloréns, de Sada, permanecerá a exposición "Hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada" preparada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón, baixo a coordinación de Xosé Seoane e a documentación do alumnado de 4º de PDC.


HÓRREOS:
O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o que necesitan certas condicións específicas que podemos concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores.

Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país ou curva. Son os característicos de toda a zona das Mariñas.
A agricultura neste concello é fundamentalmente de autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia. A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra ou mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos ornamentais que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran. Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés, ou o da casa dos Barbeito, en Souto Vello, parroquia de Mosteirón.



CRUCEIROS:
Un dos elementos máis significativos da iconografía galega é o cruceiro, a cruz de pedra que marca as encrucilladas de camiños e os adros das igrexas. Son máis de 10.000 os catalogados en Galicia. Segundo algunhas tradicións, servían para bendicir os camiños; outras vincúlanos a rituais de curación para eliminar os males do corpo e/ou do espírito. Nalgunhas comarcas eran lugar de enterramento dos nenos non bautizados e os familiares deixaban pegadas, cruces ou iniciais gravadas no varal. Hai quen considera que a súa orixe se remonta á época prehistórica en lugares nos que existían pedras fitas (menhires), e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas e colocáronse tamén en lugares como os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. O cruceiro é polo tanto un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espazo tamén sagrado. O cruceiro é obxecto de devoción e respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou concellos.A súa tipoloxía é variada, dende a extrema sinxeleza dunha cruz ata un prodixio de escultura; con capeliña (nicho) ou representando un calvario coas tres cruces. Polo regular todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión, Cristo crucificado en soidade; mentres que no reverso aparece a figura da Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe, do sufrimento na cruz e da súa morte.


FONTES E LAVADOIROS:
As persoas temos necesidade de harmonizar os ambientes nos que vivimos para así conseguir unha vida máis feliz. A auga e con ela as fontes son, sen lugar a dúbidas, elementos imprescindibles nesta configuración harmónica da paisaxe urbana. A auga das fontes, a auga pura, cristalina, cantareira e milagreira convértese en parte integrante do noso vivir cotiá e convídanos ao descanso, ao sosego, á tranquilidade do corpo e do espírito.
As fontes incítannos a facer un alto no noso camiño. A súa auga fresca calma a nosa sede e o seu abeiro permítenos contemplar a fermosa paisaxe que encadra. Non somos quen de concibir unha aldea, vila ou cidade sen fontes. Ai daquel camiño que non conduza cando menos a unha fontela! Antes eran o punto central das aldeas, dos barrios. Eran lugar de encontro. Ao seu carón xurdían os lavadoiros, lugares onde non só se lavaban as roupas, senón tamén as conciencias. Con elas naceron mil e unha historias, de amor, de desamor, de traizón, de soidade e ausencias...
Os lugares coñécense tamén polas súas fontes. Sada, como calquera outra vila, está chea delas. Moitas pasan desapercibidas para os cidadáns. Soamente as máis grandes son recoñecidas. Pero hai moitas máis. Hai fontes moi humildes,  fontelas descoñecidas das que flúe unha auga pura e moitas veces milagreira que só os máis vellos coñecen.
Esquecer as fontes, os seus nomes, as historias que aconteceron ao seu redor e deixalas morrer é como perder a memoria histórica; é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva, da humilde beleza do noso é un dos obxectivos que pretendemos conseguir con esta exposición. 




23/4/12

ROTEIRO OURENSÁN



O pasado 12 de abril o alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato realizou o que demos en chamar o "roteiro ourensán" percorrendo varios lugares con grande importancia literaria . O inicio do roteiro foi no mosteiro de Oseira de enorme interese artístico e histórico, a seguir estivemos no Pazo de Trasalba, casa familiar do grande mestre Otero Pedrayo e á tarde tocoulle a Ourense, unha cidade fortemente literaturizada. 


Na saída  o alumnado tivo que cumprimentar un caderno de traballo cuxo contido se achega para aqueles que queiran facer uso do mesmo.



 CADERNO DE TRABALLO .
( Cada caderno de traballo debe ir acompañado dun plano do casco vello de Ourense)




NO MOSTEIRO DE OSEIRA:

1. ¿Como se chama o primeiro claustro do mosteiro?
2. Nomea algúns personaxes famosos esculpidos nos medallóns do 2º claustro.
3. ¿Que estilos arquitectónicos atopamos na igrexa? Fixádevos nos arcos e nas bóvedas, ¿como son?
4. ¿Que tipo de decoración ten a igrexa? ¿A que época corresponden as pinturas e que temas representan?
5. ¿Cantas capelas ten o deambulatorio? ¿Con que material están feitos algúns dos seus altares?
6. Busca a imaxe da Virxe do Neno. ¿Onde está situada? ¿Que fai? ¿Como se lle chama?
7. A sala capitular. ¿Para que se usaba? ¿Como son as bóvedas e columnas? ¿A que estilo pertence?
8. O refectorio. ¿Para que se utilizaba? ¿Para que servía o balcón que hai na sala?

NO PAZO DE TRASALBA:

1. Citade tres ou catro obxectos persoais que aínda se conservan de don Ramón.
2. ¿En que parte da casa adoitaba escribir?
3. ¿En que dependencia da casa recibía habitualmente aos seus amigos?
4. ¿Que tiña a nai de Otero na súa habitación?
5. Cita dous persoeiros galegos que teñan cadros no pazo de Otero.
6. ¿Que era antigamente o que hoxe é a tenda?
7. ¿En cantos arcos descansa a solaina principal e que tipo de arcos son?
8. Cita tres ou catro características do pazo actual que estean presentes no pazo da Seara, ou pazo dos Doncos de Os camiños da vida. Escribe o nome do señor deste pazo e da súa muller. Para esta contestación debes consultar previamente a obra.
9. ¿Que tipo de bosque había ao lado da capela barroca do pazo? Explica se queda algo na actualidade dese bosque.
10. ¿Que outro pazo está preto deste e que podes ver hoxe do mesmo?
11.¿A que balcón de ferros traballados se refire o monxe que comeza a falar no capítulo I da obra antes mencionada e que ten que ver este personaxe co mosteiro de Oseira?

POR OURENSE:

Cidade de orixes romanas, nacida nun val ben protexido por pequenos outeiros, arredor dunhas augas termais e nun importante cruzamento estratéxico de vías de comunicación e correntes fluviais...
Os puntos de referencia do Ourense antigo: as Burgas, a Ponte Vella, a Catedral, Santa María Madre, os Pazos e Curral do Bispo (hoxe Museo Arqueolóxico), o convento e claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade, a igrexa barroca de Santa Eufemia, etc.
Ourense é unha cidade fortemente literaturizada. Moitos foron e son os autores que crearon ao redor da urbe das Burgas o seu espazo literario. Aquí tes algunhas referencias:
Afonso X O Sabio nunha cantiga fai referencia ao boo viño da cidade d'Ourens.
Curros Enríquez e Valentín Lamas Carvajal na época do rexurdimento.
Ramón Otero Pedrayo constrúe parte da triloxía Os camiños da vida ao redor da transformación da cidade no tránsito entre a vella sociedade tradicional e o mundo contemporáneo no que agroma ao tempo que dobra o século XX.
Vicente Risco dá voltas e reviravoltas pola cidade nas súas novelas. Florentino López Cuevillas, aínda que non escribiu novela, tamén constrúe ensaios sobre a cidade.
Carlos Casares, Méndez Ferrín, Manuel Guede, Francisco Fernández Naval..., son autores que contribúen a facer de Ourense a cidade con máis literatura urbana da Galicia actual.
Entre todos eles, destaca de xeito moi especial, Eduardo Blanco Amor. Este ourensán comprometido e polifacético fixo que a cidade tomase vida en cinco das súas obras:
            A esmorga
            Os biosbardos
            Xente ao lonxe
            La Catedral y el niño
            Los Miedos

Dende que iniciedes o percorrido por Auria non deixedes de prestar atención:

  1. ¿ Indicade tres ou catro rúas polas que pasedes que leven nomes de escritores galegos e citade unha obra, característica ou faceta na que destacasen?

A Esmorga é unha novela de aventuras na que os seus heroes son convictos da xustiza. A viaxe, o itinerario que fan por Auria (Ourense) é unha fuxida na que buscan o máximo pracer durante o que será o seu último día de liberdade. Os esmorgantes ao longo do seu itinerario frecuentan as súas rúas, as súas prazas, as fontes e as igrexas, as súas pontes...

  1. Se atopades algunha placa que faga referencia a Eduardo Blanco Amor, localizádea e sinalade a referencia.

Os cafés son os templos da modernidade onde se escribe a historia cotiá da cidade e das súas xentes. Nas vellas mesas de mármore de cafés como “La Unión”, o “Victoria”, o “Royalti”, o “Moderno”, a “Bilbaína” ou o “Miño” tramouse boa parte da nosa memoria política e da nosa vida económica e social. Alí naceron grandes aventuras políticas, pactos e conspiracións, arriscadas empresas económicas e ambiciosas iniciativas culturais. Especialmente no Ourense da xeración Nós, as “tertulias” dos cafés representaban o microcosmos da pequena cidade provinciana.

  1. Anotade os nomes dos “cafés” mencionados que atopedes no voso percorrido. Botádelle unha ollada ao seu interior e describide a impresión que vos causan.

16:00  Cemiterio de San Francisco
    O romántico cemiterio de San Francisco cativou a poetas e escritores pola súa localización sobre a cidade, pola luz permanente do amencer ao solpor e o arrecendo dos seus loureiros e alciprestes, pero tamén pola fermosura dos seus cruceiros. Propoñémosvos que localicedes:

  1. O panteón de Otero Pedrayo. Está moi preto do Anxo pensativo do escultor Victorio Macho, obra esculpida en mármore branco. Nada máis entrar collede o segundo paso á dereita. Na cuarta encrucillada, collede á esquerda. Fixádevos ben en quen están enterrados alí.

  1. Para atopardes a sepultura de Eduardo Blanco Amor teredes que seguir estas instrucións: 1º corredor á dereita nada máis entrar. Na 1ª encrucillada, á dereita. Atoparédela nese cadrado de sepulturas novas. ¿Ten algunha inscrición a lápida?

16:30  Praza do Correxidor
    Queda de camiño dende o cemiterio á catedral, máis ou menos. Localizádea no plano e respondede á seguinte pregunta:

  1. ¿Que hai nesta praza relacionado con Otero Pedrayo?

16:45  Catedral
  1. ¿Como é a planta da catedral? ¿Ten deambulatorio? ¿Cantas naves ten? ¿Como son os arcos e bóvedas?

  1. No Pórtico do Paraíso. ¿Aparece algún instrumento similar aos que utiliza “Luar na Lubre” nos seus concertos? ¿Quen está representado no arco central? ¿Recórdache a algún outro pórtico? ¿A que período corresponde?

  1. Busca a capela do Cristo. ¿Como é a decoración?

17:05  Rúa da Paz
Antiga rúa dos Zapateiros, estreita, longa, sempre fresca, pavimentada de gastadas lousas...

  1. ¿Que autores naceron ou viviron na antiga rúa dos Zapateiros, hoxe rúa da Paz e que teatro e librería se atopan na mesma?

17:15 Praza do Ferro

  11¿De onde procede a fonte que se atopa nesta praza? Descríbea sinxelamente.

  1. ¡Coidado con esta cuestión! Hai uns xardíns moi preto de aquí -menciónanse nas obras de Otero, Risco, Blanco Amor e outros e para chegardes a eles teredes que pasar por diante da igrexa de Santa Eufemia- nos que se atopa a fonte orixinaria dun dos claustros do mosteiro de Oseira; ¿de que xardíns estamos a falar? ¿Onde está situada concretamente esa fonte?

17:25 Praza Maior
É a praza na que vivía don Celidonio, o protagonista de O porco de pé, de Vicente Risco, o corazón da vida ourensá, asolagada de historia e tamén de paz e silencio debaixo dos seus soportais.

  1. ¿Que dous edificios institucionais se atopan nesta praza? ¿Que dependencias acollen? 

17:35 Igrexas de Santa Eufemia do Centro e de Santa María Madre.

  1. Localizade estas dúas igrexas -¡ollo que non están xuntas!- indicando a rúa na que se atopan. Sinalade algunhas diferenzas da súa fachada.

17:50  Igrexa da Trindade

  1. Facede un pequeno bocexo do cruceiro que se atopa no adro da igrexa da Trindade e explicade os seus elementos.

17:55 IES Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo ingresou no Centro Provincial de Instrucción do Posío en 1898. Alí coincidiu con Florentino López Cuevillas. Este centro foi creado no ano 1845 e estaba situado na rúa do Instituto (hoxe Lamas Carvajal); pasou a este edificio en 1897.

  1. ¿Hai algún rótulo que conserve a antiga denominación deste centro de ensinanza?

  1. ¿Cal pode ser a razón de que este centro de instrución recibira antigamente o nome de “Posío”?

18:00 Xardíns do Posío

  1. Paseade uns minutos por este xardín e anotade a sensación que vos produce. ¿Hai algún elemento en particular que vos chame a atención?


18:15 As Burgas
As Burgas constituíronse como o núcleo orixinario da cidade de Ourense, da Auria de Blanco Amor, Otero e os homes da xeración Nós.

  1. ¿ Cita dúas ou tres compoñentes das augas das Burgas?
 20. ¿Explica por que a auga sae quente?


Quedan aquí para o alumnado que participou este ano, dous vídeos nos que se recolle o contido da saída didáctica.