30/11/11

AGRA/ AGRELA/ AS AGRAS


No  Concello de Sada , son varios os lugares que levan este nome , Agra (Carnoedo), As Agras ( Meirás), Agra pequena ( Mondego), Agra das Arcas ( Osedo), A Grela ( Sada), Agra e As Agras ( Soñeiro) e Chan da Agra ( Veigue)
Se consultamos no dicionario da Real Academia Galega podemos atopar a seguinte definición:

Agra  s.f. Grande extensión de terra de cultivo, dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos.
Ex.”Todas as aldeas de Galicia teñen a súa agra”. CF. seara, senra.

Polo tanto, e como di o exemplo do dicionario, todas as aldeas teñen ou tiveron a súa agra, e de aí o nome que se mantén en moitas parroquias de Sada.
Máis curioso resulta o caso de A Grela , escrito con artigo .
Trátase dun topónimo cun falso artigo , é dicir da forma AGRA fíxose o diminutivo AGRELA, como en tantos outros substantivos  (de souto: soutelo, de porta: portela ) , posteriormente interpretouse o A inicial como un artigo  e empezouse a escribir A GRELA , separado, case como se tratase dunha grela femia.
Na actualidade temos en Galicia 26 Agrelas, 15 escritos separadamente e 11 escritos  xunto.
Unha lingua é sistemática , pero ten tamén as súas irregularidades, e cando esta anomalía se consolida na fala e na escrita, aparece un falso artigo e unha palabra transfórmase en dúas. Isto é o que aconteceu tamén noutros topónimos como  O GROVE ( > OGROVIU) , A BAÑA ( > AVANIA) ou O INCIO ( > ONITIU)
(Novas achegas sobre a toponimia de Sada , feitas polo alumnado de 3º ESO )

Uso da preposición a co Complemento Directo

Como norma xeral , o complemento directo non leva a preposición a , polo tanto:

Forma correcta:    Vexo o can desde a ventá    
Forma incorrecta: Vexo ao can desde a ventá*.

Só é obrigatorio o uso da preposición a co complemento directo (CD) de persoa nos seguintes casos:

Cos nomes de parentesco, se estes non van precedidos de artigo:
        Vin a teu pai
• Cos pronomes persoais tónicos:
Mirouna a ela e marchou. (Distinto de: Mirouna ela e marchou.)
• Na comparación : Quérolle como a unha nai. 
                           Criou tan ben os fillos coma ás fillas
• Na correlación un a(o) outro: Chámanse seguido uns a outros.
• Ante todos referido a persoas : Vinos a todos na cafetaría do campus.

En xeral, tamén se usa nos casos seguintes:

1. Cos identificadores alguén e ninguén, sobre todo cando non levan ningún especificador: Vin a alguén na festa.

2. Diante de nomes propios de persoa, se non van precedidos de artigo, ou ante outros nomes propios: Onte coñecín (a) Antón. O sismo que azoutou (a) Cataluña.

3. Noutros contextos para evitarmos ambigüidades: Sempre molestaban aos nenos.


SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :

29/11/11

ROTEIRO POLA CIDADE DE CRISTAL

Iniciamos o noso percorrido nos Xardíns de Méndez Núñez, chamados tamén Paseo do Recheo. Foron proxectados por Narciso García de la Torre en 1868. En 1871 recibiron o nome de xardíns de Méndez Núñez. Acollen numerosas esculturas e un orixinal palco da música. Destacan as distintas especies arbóreas e os nobres edificios que franquean o paseo propiamente dito do Recheo, con 59 palmeiras.

Estamos situados na Rosaleda, diante do monumento a Aureliano Linares Rivas, obra de Agustín Querol. Linares Rivas é o cidadán que máis recoñecementos ten na Coruña. Naceu en Santiago. Foi deputado, ministro conservador da Restauración e destacado valedor da cidade. Coroando o monumento, unha figura feminina suxeita nas mans un libro no que aparece a palabra “Patria”. Dende aquí podemos observar a Praza da Mina e o inicio da rúa Juana de Vega. Lembrámonos do Xeneral Espoz y Mina, da súa dona, Juana de Vega, dos primeiros xogos florais da Coruña no 1861, do Álbum de la caridad en 1862 e da raíña Isabel II.
Vemos a escultura dedicada a Castelao, obra de Manuel Ferreiro Badía. Castelao é o grande persoeiro de Galicia. Membro fundador do Partido Galeguista en 1931 e autor de Sempre en Galiza. Morreu no exilio bonaerense en 1950. O monumento foi inaugurado en 1986. Na parte posterior ten tallados un hórreo e un cruceiro.




O de Eduardo Pondal é de Fernando Cortés Bugía. Eduardo Pondal Abente, un dos grandes poetas do Rexurdimento galego do XIX. Autor do poema Os pinos, letra do Himno de Galicia. Morreu na cidade en 1917 e está enterrado no cemiterio de San Amaro. No Álbum de la Caridad, 1862, aparece o poema A Campana de Anllóns, de Pondal:
O busto de Murguía, de Fernando Cortés Bugía. Manuel Antonio Martínez Murguía, historiador e primeiro presidente da Real Academia Galega. Na placa do monólito observamos a cumprida homenaxe que os galegos da emigración lle dedicaron ao esposo de Rosalía de Castro.
“Queren que empecemos polo estudo do idioma que falamos hai máis de dez séculos. Fan ben: pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto”, pronunciou o 30 de setembro de 1906 o gran concienciador da historia nacional de Galicia, Manuel Murguía.
A carón do estanque dos peixes, o monumento dedicado a Concepción Arenal, de Rafael González del Vilar. Esta ferrolá de berce foi a primeira muller en acudir á universidade. A aguia representa a intelixencia, e vence á serpe que simboliza a incultura e o atraso. O monumento ergueuse en 1916 baixo a iniciativa do Círculo de Artesáns que recoñece o labor desta muller que en 1863 foi nomeada visitadora de prisións de mulleres.
Un pouquiño máis adiante vemos a réplica do monumento orixinal a Emilia Pardo Bazán, de L. Coullaut – Valera. A Condesa de Pardo Bazán foi unha das primeiras españolas en amosar interese no eido dos dereitos das mulleres. Cultivou a novela e o ensaio e de sempre estivo vinculada á súa cidade natal. A obra foi realizada en arenisca. Inaugurouse o monumento sendo alcalde D. Manuel Casás, o coñecido “alcalde xardineiro”. Naceu na Coruña en 1852; faleceu en Madrid en 1921. Trátase da autora de “Los pazos de Ulloa”. A cidade conta coa súa casa museo, sede tamén da Real Academia Galega.
Antes de pasar ao Paseo das Palmeiras (59), detémonos para observar una das árbores non autóctonas que máis abundan na cidade, o Metrosidero. Árbore orixinaria de Nova Zelandia. De madeira moi dura. As súas follas e pólas teñen grande cantidade de pelos. Nos exemplares adultos fórmanse raíces aéreas que penduran ao longo do tronco e pólas principais. O máis antigo da cidade atópase no actual cuartel da Policía Municipal.
Aínda que a nós o que nos conmove é a forza do Piñeiro Bravo, coñecido fóra do país como piñeiro galego. A súa orixe é mediterránea occidental.Ten casca avermellada, grosa e moi fendida. As follas son aciculares e agrúpanse de dúas en dúas. As pinas están suxeitas ás pólas por un curto pedúnculo e están formadas por escamas saíntes. O máis coñecido é o piñeiro marítimo, aínda que hai moitas variedades ao longo de Galicia.
Pasamos agora ao Paseo das Palmeiras. Lembrémonos da Palmeira Canaria, a palmeira datileira procedente das Illas Canarias. Ten o tronco coas cicatrices foliares a xeito de rombo e dispostas de maneira helicoidal. As follas poden chegar a medir ata sete metros. Os seus froitos son de cor alaranxada cando maduran. Na Illa da Gomera extraen o coñecido mel de palmeira.
Detémonos no busto de Suárez Ferrín, de Ramón Conde. Alfredo Suárez Ferrín, último alcalde republicano da cidade, foi fusilado o 31 de agosto de 1936. Tomou posesión por primeira vez no ano 1934. Ten dedicada unha rúa no barrio dos Rosais.



Nos xardíns podemos observar edificios singulares, como por exemplo A Terraza. Construción ecléctica e modernista erguida en 1922, obra do arquitecto Antonio de Mesa. Substituíu outra máis antiga de madeira que se trasladou ao concello veciño de Sada. Acolle as instalacións de Radio Nacional de España. Na parte superior das fachadas pódense observar bustos de persoeiros coruñeses e galegos como Murguía, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e outros. O Quiosco Alfonso é obra do arquitecto coruñés Rafael González Villar para substituír os antigos locais de refrescos. Proxectado en 1912 e inaugurado en 1913. Robusta edificación en cemento armado e cristal. Presenta unha orixinal ornamentación en ferro fundido da casa Wonemburger. En 1985 foi reformada para acoller a Sala Municipal de Exposicións.O Palco da música, o orixinal foi construído por José Sellier (que introduciu o cine na cidade en 1897) en 1884 e proxectado por Juan de Ciórraga. O actual é de 1985.Pero o que máis poderosamente chama a nosa atención é o monumento a Curros Enríquez, de Francisco Asorey, un dos monumentos máis importantes da cidade, o cal demostra a admiración que o poeta espertou na cidade máis liberal e progresista de Galicia. Curros, erguido, mira triunfante. Ten unha lira, símbolo do poeta que ten a misión de abrirlle os ollos ao pobo. Tras del está a imaxe núa de Galicia, e a cada lado, o pobo, as mulleres e os nenos nunha banda, e os homes coas ferramentas na outra. Tras deles, a Galicia megalítica. Na parte posterior, un altar para as ofrendas e as homenaxes. Curros mantivo un vínculo moi significativo coa nosa cidade. Os seus restos mortais foron trasladados á Coruña onde recibiron sepultura nun acto multitudinario.

Pasamos por diante do Obelisco, a zona 0 da Coruña, e adentrámonos pola rúa Real, historicamente o camiño real de acceso á cidade vella. Ten esa denominación por ser rúa principal. Hoxe é rúa peonil e centro dunha das principais áreas comerciais da cidade: Área Obelisco. Nesta rúa estaba situada a imprenta de Ánxel Casal, editor de libros galegos e da revista Nós; fundador tamén da primeira escola en galego para nenos pobres. Tamén está a casa na que o mozo Picasso presentou a súa primeira exposición en 1895.
Pero tamén pasaremos polo actual Café Vechio, lugar onde podemos observar un magnífico mural do pintor surrealista coruñés Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega. Urbano Lugrís tamén estivo vinculado ás misións pedagóxicas, ás que chegou da man de Rafael Dieste.
Na rúa Rego de Auga está o teatro Rosalía de Castro. Ocupa o lugar deixado polo Teatro Novo ou Principal do 1838, que ardera en 1867. Anteriormente ao teatro, neste solar estaba ubicada a igrexa de San Xurxo. O Teatro Rosalía de Castro foi edificado en 1868 cos cartos da póliza de seguros e unha suscrición popular. Foi adaptado para proxeccións cinematográficas en 1905. Hai uns anos que foi novamente reformado e restaurado. A denominación primitiva desta rúa foi a de Rego d’Augoa. Este nome obedeceu a que nun tempo esta rúa recollía todas as vertentes de todas as demais rúas por medio dun rego. Nunha das vellas casas xa derrubadas naceu dona Emilia Pardo Bazán.
Tamén nesta rúa, a noite do dezaseis ao dezasete de maio de 1916, os irmáns Villar Ponte e outros fundaron a primeira Irmandade de Amigos da Fala. Pretendían estudar e dar a coñecer a lingua e cultura galegas e no político, a autonomía de Galicia e o galego como lingua oficial.
Debemos facer referencia ás galerías, á primeira fábrica de vidro plano e, polo tanto, á cidade de cristal. Unha das notas que mellor definen a cidade é precisamente a orixinal e sorprendente solución arquitectónica para protexer do vento as solainas e balcóns característicos da arquitectura popular galega. A primeira fábrica de vidro plano de Galicia fundouse na cidade en 1804. Este feito influíu sen dúbida no espallamento das galerías e na denominación de cidade de cristal.
A Praza de María Pita é cuadrangular e aberta unicamente por un curruncho polo que se accede á igrexa de San Xurxo. O edificio máis singular é sen dúbida o Pazo de María Pita, construción de estilo modernista que acolle as dependencias municipais. Recibe o seu nome de María Fernández de la Cámara y Pita, heroína coruñesa que defendeu a cidade do ataque de Drake no 1589. A estatua central representa este feito histórico. A partir dos deseños de decembro de 1901 do arquitecto municipal Pedro Mariño comezaron as obras do actual concello en 1904 e duraron ata 1918, ano no que se trasladaron as oficinas procedentes do vello convento de San Agustín. Era alcalde da cidade Gerardo Abad Conde. O edificio municipal ten un claro carácter de pazo, a pesar de ser unha obra administrativa e burocrática, adaptando eclecticamente o estilo clásico do renacemento. A súa profusa decoración pretendía dar cumprida resposta ao cosmopolitismo que buscaba a municipalidade.
Dende María Pita vemos a igrexa de San Xurxo. Foi a antiga igrexa dos xesuítas, que tiñan o seu colexio nas dependencias anexas. O templo actual comezou a construírse en 1734. A fachada iniciouse cara ao 1750, obra do arquitecto compostelán Clemente Sarela. En 1836 o antigo convento dos xesuítas acolleu as casas consistoriais e, dous anos máis tarde, a súa igrexa converteuse en parroquia xa que a de San Xurxo demoleuse para construír o actual Teatro Rosalía.
Deixamos xa o antigo Barrio da Pescadería, o lugar de residencia dos mariñeiros, comerciantes, soldados e empregados. Este barrio que a partir do século XVIII creceu considerablemente. Estaba delimitado pola cidade vella e unha muralla que ía dende o Orzán ata a baía, na que destacaban os baluartes defensivos do Caramanchón e o de Malvecín no porto. Estirábase ao longo das dúas vías principais que a cruzaban, a estrada de Madrid e a Avenida de Fisterra. Dentro deste barrio as igrexas de San Nicolás e de San Xurxo constituíanse no verdadeiro centro.Entramos agora na antiga cidade da Coruña, a cidade vella. Coñecida polos romanos como Brigantium ou Brigancia, unha cidade cun porto que era o centro neurálxico do Portus Magnus Artabrorum. Estaba amurallada e tiña varias portas de acceso. Estaba defendida con varios torreóns, o máis importante era o situado no actual xardín de San Carlos. No seu interior atópanse os edificios máis antigos da cidade. Na actualidade un novo plan de urbanismo pretende lograr a súa axeitada rehabilitación.
Á dereita deixamos a Casa de Emilia Pardo Bazán. É unha construción do século XVIII. Presenta unha sinxela fachada na que destaca un pequeno balcón de moito voo que é soportado por dúas potentes ménsulas e que marca a entrada ao edificio. A casa museo atópase no segundo andar. En 1975 construíuse unha nova 3ª planta para albergar a sede da Real Academia Galega.
Antes de chegar á praza de Azcárraga, pasaremos pola Igrexa de Santiao, templo dunha soa nave (tres orixinariamente) e tres ábsidas. Ten planta rectangular e tres portadas: unha con arquivoltas semicirculares e tímpano esculpido co Agnus Dei; a principal é de arquivoltas apuntadas e tímpano coa figura do Apóstolo Santiago a cabalo. A referencia máis antiga que se conserva da súa construción é o 1217. En 1501 ardeu a súa teitume.

A praza do Xeneral Azárraga débelle o seu nome a este xeneral que sendo ministro da Guerra devolveulle en 1896 á Coruña a Capitanía Xeneral que se trasladara a León. A praza era coñecida como praza da Fariña. Antigamente a praza de Azcárraga comprendía todo o espazo entre Capitanía e a rúa Santiago. En 1936 fragmentouse en dúas: a de Azcárraga e a do xeneral Franco, hoxe da Constitución.Ten un fermoso xardín, con grandes árbores que enmarcan a fonte do Desexo. Na rúa que sae da praza da Constitución e que nos leva á igrexa de Santo Domingo atopamos dúas placas en senllas casas contiguas que nos lembran a estadía de Rosalía de Castro na cidade e a casa Da autora Francisca Herrera Garrido, primeira muller académica da Real Academia Galega.
Imos agora para o Xardín de San Carlos, lugar onde se atopa a tumba de Sir John Moore.A cidade vella formaba toda ela unha fortaleza, xa que estaba rodeada dunha muralla. A muralla integraba incluso o convento de San Francisco e outras construcións que foran derrubadas no asalto á cidade por parte das tropas inglesas ao mando de Drake en 1589 (defensa de María Pita da cidade). No lugar que hoxe ocupa o xardín de San Carlos estaba situada a fortaleza da cidade propiamente dita. Estaba defendida por seis torres. O seu polvorín estoupou o 3 de abril de 1658, provocando máis de 200 mortos e moitos desperfectos nas casas e edificios veciños. No ano 1834, o gobernador da Coruña, don Francisco Mazarredo promoveu o actual xardín de San Carlos, que se converteu no primeiro xardín público moderno da cidade. O nome de xardín de San Carlos provén de don Carlos F. de Croix, marqués de Croix, virrei de México (1699-1786) e Capitán Xeneral de Galicia, xa que foi o primeiro que artellou transformar a antiga Fortaleza Vella en xardín.
As obras proxectadas polo arquitecto José María Noya foron executadas grazas á subscrición pública dalgúns veciños. Naceu coa idea de proporcionar un lugar de paseo para os coruñeses e tamén coa vocación de acoller a Sir John Moore, o xeneral británico de 47 anos que morreu na batalla de Elviña, ou da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809. Ferido de morte en Elviña, foi trasladado á casa número 16 do Cantón Grande, a casa do comerciante Xenaro Fontela. Sobre as dez e media da noite morreu. Foi enterrado no baluarte de San Carlos. No ano 1830 instalouse a arca que contén os seus restos e en 1864 o enreixado que a protexe.
O xardín está dividido en oito cuarteiróns ao redor da tumba do xeneral que se atopa na posición central. Estes cuarteiróns forman sete camiños aliñados con sebes de buxo. A tumba está encadrada por catro olmos, a árbore simbólica da revolución francesa. Tamén se atopan azaleas, camelias, roseiras e outros arbustos e flores. Nos seus inicios servía o lugar de xardín botánico. Na porta de entrada ao xardín atópase a representación das armas do marqués de Croix. Nada máis entrar, á esquerda, no muro, hai unha lápida que reproduce as palabras que Wellington lles dirixiu aos soldados galegos que aliados cos ingleses derrotaron aos exércitos napoleónicos en Arapiles e San Marcial o 31 de agosto de 1813:
Guerreros del mundo civilizado, aprended a serlo de los individuos del 4º ejército que tengo la dicha de mandar: cada soldado de él merece con más justo motivo que yo el bastón de mando que empuño. Todos somos testigos de un valor desconocido hasta ahora. Españoles: Dedicaos todos a imitar a los inimitables gallegos.
Ao seu carón hai outra lápida escrita en inglés que lembra o naufraxio do buque escola Serpent, preto da praia do Trece na Costa da Morte, o 10 de novembro de 1890 (nesa zona da Costa da Morte atópase o denominado cemiterio dos ingleses).
Xunto ao miradoiro do xardín, que nos ofrece unha vista panorámica sobre o porto e o castelo de San Antón, hai unha lápida na que se atopa reproducido un anaco do poema Na tomba do xeneral Sir John Moore de Rosalía de Castro. Tamén se reproducen fragmentos do poeta inglés Charles Wolfe. Entre ambas as dúas, outra que nos informa sobre a data de construción do miradoiro e das placas, feito acontecido en 1927, sendo alcalde da cidade Manuel Casás.
En 1994 inaugurouse unha rúa en honra de Moore, O paseo do Xeneral Sir John Moore, que bordea as murallas do Xardín de San Carlos e o antigo Hospital Militar; é o camiño que as tropas inglesas seguiron para embarcar rumbo ao seu país, logo da Batalla de Elviña ou da Coruña. No ano 2000 plantouse un pequeno gallo dun carballo que Sir John Moore plantara na súa terra, antes de vir a España a loitar contra os franceses.

O 16 de xaneiro de 2004 foi inaugurado no xardín de San Carlos un busto en bronce do xeneral, da autoría do escultor Fernando Groeiro. O xardín de San Carlos segue a ser para os coruñeses e coruñesas o contorno máis romántico da cidade.
Dende o Xardín podemos observar o edificio que acolle a Fundación Luís Seoane. Luís Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires no seo dunha familia de emigrantes galegos. Como pintor expuxo con éxito internacional unha produción moi diversa: gravados, litografías, deseños, óleos, murais, cerámicas, etc. Tamén encontrou oco para o cultivo da literatura, que iniciou en 1952 coa publicación do poemario Fardel de eisilado. En 1979 o intelectual galego-arxentino, membro da Academia de Belas Artes arxentina, morreu na Coruña. Dedicáronselle as Letras Galegas do ano 1994.
A fundación foi creada en agosto de 1996 polo concello da Coruña e Maruxa Seoane, viúva do ilustre poeta e pintor. Conserva esta fundación o grande legado de Seoane: obra gráfica, libros e demais documentos. Nas súas salas tamén se amosan exposicións temporais. O moderno edificio está situado na antiga horta do convento de San Francisco, entre o antigo Hospital MIlitar e o Museo Militar, xusto a carón dos xardíns da Maestranza.
O castelo que alberga o Museo Arqueolóxico construíuse no ano 1528 no lazareto de San Antón. Xunto cos castelos de Santa Cruz e San Diego (hoxe desaparecido) formaba o triángulo defensivo da cidade. A casa do gobernador foi construída en 1776/77. Durante os séculos XVIII e XIX foi utilizado como presidio e en 1960 foi declarado sede do museo arqueolóxico. A casa do boteiro foi restaurada en 1994 e alberga a biblioteca e as salas de investigación do museo.
O Museo Militar Rexional atópase situado xusto enfronte do Xardín de San Carlos. Foi inaugurado o día 1 de decembro de 1986. É un dos poucos que hai en España e conserva armas, escudos, gravados, canóns e pezas de artillería. Ten algunhas pezas curiosas coma o mosquetón do guerrilleiro Foucellas.
Se nos queda tempo podemos ir á igrexa de Santo Domingo. Existiu extramuros da cidade unha igrexa de Santo Domingo de estilo románico que foi destruída no ataque de Drake á cidade en 1589. A actual iniciouse en 1762. Foi proxectada polo dominico Frei Manuel dos Mártires. É de estilo barroco e ten unha torre de aparencia un pouco rara xa que non está situada a pano coa fachada. No interior atopamos o retablo churrigueresco da capela da Virxe do Rosario, patroa da cidade.
Na Praza de Santo Domingo, praciña de singular engado situada fronte á igrexa onde se venera a patroa da cidade, a Virxe do Rosario,o son que produce a súa fonte cantareira dálle un aire de paz e tranquilidade a este recuncho moi apreciado polos veciños.


Camiñando un pouco máis, logo de pasar pola casa museo de María Pita, chegamos á igrexa de Santa María do Campo, templo de orixe románica que se construíu na segunda metade do século XII. Sufriu varias reformas ao longo dos séculos. A última no ano 1945.Orixinariamente era un templo dunha soa nave e ábisda semicircular. No ano 1302 iniciáronse as obras de ampliación construíndose as tres naves actuais. Sobre o muro da fachada principal había dúas torres, a carraca (sen rematar) e a das campás. É coñecida popularmente co nome de “Colexiata”, por ser sede do máis alto cargo eclesiástico da cidade.Xusto enfronte da igrexa de Santa María está o Pazo de Xosé Cornide, este nobre caserón onde naceu en 1734 o xeógrafo e historiador José Cornide Saavedra. Neste edificio barroco de comezos do século XVIII destaca o brasón nobre da familia que sobresae do aleiro da fachada principal.

28/11/11

DECEMBRO

DECEMBRO

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS



O vindeiro venres, día 2 de decembro, no 1º recreo, estrea mundial do filme Na oficina de obxectos perdidos, de Édelingua producións audiovisuais, realizada por Javier González Garrido e interpretada por Miriam Gudiña Esmorís e Damián España Vieito. Non faltes. Debido á pouca capacidade do Espazo cinema (60 butacas) farase un segundo pase no 2º recreo.

Á PARTE e APARTE

8. Á PARTE   #    APARTE

Á parte:  é unha locución adverbial equivalente a  "agás" e "excepto"
Tamén pode facer referencia á situación apartada ou separada.

 As taxas esixidas aos alumnos,  á parte das taxas de matrícula fixadas con carácter xeral, poderán experimentar en cada curso académico un incremento.

Aparte: Substantivo que fai referencia ao que se fai á parte especialmente
na representación teatral.

O actor fixo un aparte para dirixirse ao público

O SUFIXO - MENTO


7. O SUFIXO - MENTO

É un sufixo que serve para formar substantivos a partir de verbos. Estes substantivos manteñen sempre a vogal temática do verbo de que proceden:
• Se proceden dun verbo da primeira conxugación: a vogal temática é a
trasvasar > trasvasamento regular > regulamento  pagar > pagamento
• Se proceden dun verbo da segunda conxugación: a vogal temática é e 
coñecer > coñecemento esquecer > esquecemento  crecer > crecemento
• Se proceden de verbos da terceira conxugación: a vogal temática  é i 
investir > investimento revestir > revestimento

Non son correctos, xa que logo, substantivos do tipo *movimento (movemento); *atrevimento (atrevemento) ou *padecimento (padecemento)


25/11/11

O LUNS, NO 2º RECREO, NON FALTEDES.

O luns, día 28 de novembro de 2011, no segundo recreo, no "espazo cinema", non faltedes. "Rap contra a violencia de xénero". Asistirá un equipo de cámaras de édelingua producións audiovisuais do EDLG que gravará o evento.

Aproveitamos a ocasión para anunciar que o mércores 30, haberá dous pases, no 1º e no 2º recreos, da curtametraxe Día de pesadilla, realizada por Javier González (2º Bacharelato) e protagonizada por Jorge González (3º ESO).

Debedes estar "ao loro". Axiña estrearemos Na oficina de obxectos perdidos, a última produción de édelingua, protagonizada por Miriam e Damián (2º de bacharelato).

24/11/11

UN RAP CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Como parte das actividades realizadas no centro para conmemorar o día contra a violencia de xénero, o EDLG está proxectando varias curtametraxes nos recreos  ao longo desta semana . O alumnado de Bacharelato puido asistir á proxección da película Te doy mis ojos coa posterior participación nunha mesa redonda, na que compartimos necesarias reflexións sobre un mal tan serio na nosa sociedade.
Parabéns e grazas a todo o alumnado que dedicou parte do seu tempo de recreo á colaboración nestas actividades .
Está  previsto que o luns, varios compañeiros e compañeiras fagan unha pequena representación (performance) tamén sobre a violencia de xénero. Para isto previamente o alumnado de 4º de ESO compuxo o seguinte rap:

Hoxe el tamén o fixo,
el nunca pode parar,
bate nela sen prexuízo
e ela chora sen cesar.

Ela dille BAS   TA
el non pode PA   RAR

El nunca lle dá importancia,
sempre a ignora , que máis dá
bate nela , malla e malla
e ela chora sen cesar.

Ela dille BAS   TA,
El non pode PA   RAR.


Pero hoxe todo cambia
hoxe todo vai cambiar,
Imos todos axudala,
a súa vida  ha mellorar.

Ela dille BAS    TA
el non pode PA    RAR


Cando el volva buscala
Boa sorpresa vai levar,
Deixará a vida pasada,
Ela xa non vai estar.

Ela dixo BAS    TA!
Ela puxo FI     NAL.


22/11/11

Belén Regueira

O aplauso ás palabras de Belén non foron unánimes, iso mesmo xustifica a necesidade da súa intervención. O meu máis entusiasta aplauso en primeiro lugar polo premio, ben merecido. E a miña admiración por dicir contracorrente aquilo que pensamos tantos galegos e galegas e facelo dunha forma tan sinxela e amable.
E parabéns a Días Estranhos por difundilo.


Escribiuno A profa

VIÑETAS POLA LINGUA

Na seguinte presentación recollemos algunhas viñetas en defensa do galego feitas por algúns dos nosos grandes debuxantes como Xosé Lois ou o Xaquín Marín .
O tema musical que acompaña titúlase Lelo ( de Fuxan os ventos) , e fala dos nenos galegofalantes que acudían a unha escola que ignoraba o seu idioma.


CARNOEDO


As pescudas do alumnado comezan a dar froitos. Velaquí as averiguacións feitas sobre o topónimo Carnoedo:

O nome desta parroquia é de orixe lingüística celta. Nas linguas gaélicas, a palabra “Carn” aplícase principalmente a xacementos megalíticos ou a milladoiros de pedras. O topónimo “Carnoedo” faría por tanto probable referencia a un dolmen, mámoa, ou morea de pedras con significación relixiosa conservadas antigamente na parroquia.
O seu territorio conta con, cando menos, tres castros galaicos:
• San Amede: un castro de pequenas dimensións emprazado nunha punta rochosa sobre o mar.
• Taibó: de tamaño mediano e forma circular, está bastante ben conservado.
• Espiñeiro ou Pazos: practicamente desaparecido pola acción urbanizadora dos últimos anos.
Ningún foi escavado, se ben foron catalogados por E. Monteagudo.
A igrexa parroquial de San Andrés foi construída no 1878 e sufragada polo párroco Baltasar Canle y Souto, coma reza unha inscrición. Tamén destaca un cruceiro do s. XVIII, así coma algunha mostra significativa da arquitectura popular.
Con todo, o seu patrimonio máis importante é o natural, especialmente a súa costa rochosa, na que se suceden as praias de Arnela, As Fontiñas, Os Lobos, Armenteiro, Pedralba, Lourido e Amoreiras e outros accidentes xeográficos como a Illa da Paz ou a punta de San Amede.

21/11/11

Día Universal dos Dereitos do neno

Nesta data sinalada do 20 de novembro manifestamos o noso rexeitamento ante a violación reiterada dos Dereitos dos neno, ante unha inxustiza manifesta de bágoas contidas.
E eu que digo?
Digo NON á fame sostida. Digo NON á palabra deturpada. Digo NON á palabra prostituída. Digo non á escravitude consentida. Digo NON á violencia reiterada.

20/11/11

HÓRREOS NO CONCELLO DE SADA

O sábado 19 de novembro, Katherine, Pamela e Héctor, estudantes de 4ºPDC, xunto co seu profesor Xosé Seoane, iniciaron o traballo de campo Hórreos no concello de Sada. Nesta primeira saída localizaron os primeiros hórreos nos lugares de Samoedo, O Tarabelo, Mosteirón e Meirás. Velaquí tedes unha mostra.



HÓRREO DA CASA DOS BARBEITO




Hórreo de corpo de madeira sobre tres pares de pés graníticos, con cuberta de tella do país e sen remates. Está situado na casa dos Barbeito, no lugar de Souto Vello, parroquia de Mosteirón.

Quizais un dos máis antigos e peculiares hórreos do concello. Probablemente fora construído no século XIX (en torno ao 1810-1812). Soamente o tellado foi reformado na actualidade.

A súa peculiaridade está nos seus pés graníticos, xa que non son característicos nos hórreos mariñáns. Os pés, chantados directamente sobre o chan, teñen tornarratos en forma de disco. Accédese á súa única cámara por unha porta situada no centro dun dos seus laterais.

A casa actual dos Barbeito conserva a porta de entrada orixinal, rematada nunha sinxela cruz, e un reloxo de sol coa inscrición “1810”. Foi posiblemente a casa grande do lugar e a que lle deu nome á parroquia, pois semella que puido ser en tempos da Inquisición española (séculos XV-XIX) un pequeno mosteiro.

18/11/11

CAMPOSANTO DE SAN AMARO. A CORUÑA.




Hoxe, 18 de novembro, visitamos o cemiterio de San Amaro cos alumnos e alumnas de 2º de bacharelato.
Os cemiterios son moito máis que as cidades dos mortos. Podemos aprender moitas cousas nos camposantos. Os seus interiores están cheos de referencias, de historias, de éxitos e tamén de fracasos. Neles xacen os homes e as mulleres que foron facendo a historia das nosas cidades, do noso país. Cada morto é unha vida, e foi outra. É unha obriga dos que aínda estamos aquí facer que os que xa marcharon sigan na nosa memoria. Nos nosos devanceiros atesóuranse moitas ensinanzas que poden axudarnos na resolución dos problemas da sociedade actual.
O termo morte oponse a vida, e tamén significa a separación do corpo e da alma, ou a chegada a un novo estado, ou o renacer... Na morte a persoa atópase baleira de cargas e de posesións, atópase soamente cos seus valores e coa súa dignidade. A partir da morte cada quen ocupa o lugar que en xustiza lle corresponde.
Todas as sociedades, tanto primitivas como modernas, establecen algún tipo de ritual sobre este acontecemento. Os homes prehistóricos construían grandes dolmens para enterrar os defuntos no seu interior. Dábanlle máis valor á vida de ultratumba que á terreal. Os celtas incineraban os cadáveres e gardaban sinxelamente as súas cinzas en olas de barro que enterraban preto das vivendas. Hai pouco máis de douscentos anos os mortos eran enterrados nas igrexas ou nos seus adros, nas mesmas entrañas da cidade. Sen embargo, a partir de 1787 unha Real Orde do rei Carlos III obrigou a trasladar os cemiterios fóra das cidades, cada vez máis lonxe.
O de San Amaro comezouse a construír en 1812, o mesmo ano das Cortes de Cádiz, o primeiro texto constitucional español. Foi proxectado polo arquitecto Fernando Domínguez y Romay. Prestaba servizo ás catro parroquias da cidade: Santiago, Santa María, San Nicolás e San Xurxo.
Aquí conviven ricos e pobres, católicos e protestantes, republicanos e non republicanos... A pesar de que hai quen tamén na morte quere establecer diferenzas, as grandes persoas non o son pola grandiosidade da súa sepultura, como ben podemos observar en San Amaro.
No actual cemiterio municipal de San Amaro distínguense en realidade tres cemiterios: o cemiterio católico ou xeral, o británico e o civil. O cemiterio civil recibiu esa denominación por significar o oposto a relixioso. O cemiterio británico é de propiedade británica, legalmente construído no 1867 e que recibía tamén o nome de protestante. Fóra das denominacións, o certo é que hai católicos enterrados no civil e non católicos enterrados no católico; así como xente non británica no protestante e británica, no xeral. Hoxe en día podemos dicir sen medo a equivocarnos que o cemiterio é aconfesional, sobre todo pensando en que estamos ante un camposanto municipal. Precisamente esta idea é a que levou nos anos oitenta á corporación municipal a derrubar o muro que illaba o antigo cemiterio civil do xeral.
Á parte do innegábel valor artístico das moitas esculturas que decoran os panteóns, do engado das frases e epitafios nas lápidas, a refrescante brisa mareira..., un paseo polo recinto sacro permitiranos lembrar a unha chea de persoeiros que nos explicarán parte dos momentos históricos máis significativos da nosa cidade da Coruña e tamén de Galicia. Realmente podemos afirmar que estamos ante o verdadeiro Panteón de Galegos Ilustres.

17/11/11

ESTOUPAR ≠ EXPLOTAR

5. Estoupar  ≠ Explotar

estoupar:  Romper [unha cousa] violentamente con ou sen ruído ó sufrir unha forte presión. Estoupou unha bombona de gas butano. As castañas comezaron a estoupar no lume. SIN. esbourar, estourar. CF. estalar.
explotar :Sacar proveito de [unha fonte de recursos naturais]. Explotar unha mina de ouro. 2. fig. Utilizar [unha cousa] ata sacar dela o máximo proveito.
OBS. É castelanismo que cómpre rexeitar, o uso de explotar por estalar, estoupar, estourar.

Desenvolver ≠ Desenrolar

4. Desenvolver Desenrolar

É frecuente que se confundan as seguintes acepcións destes verbos:

Desenrolar:
1. Estirar [algo que estaba dobrado ou encollido en forma de rolo].
Desenrolouse o fío do carrete. SIN. desenroscar(se), desenvolver(se).
O equivalente EN CASTELÁN É DESENROLLAR

Desenvolver:

1. Pasar [algo] dun estado a outro máis perfecto, ter maior actividade, adquirir
maior importancia.
As plantas nacen, desenvólvense e morren. As nacións pobres tardan en
desenvolverse.
O equivalente EN CASTELÁN É DESARROLLAR

OBS. Ten dous participios: desenvolvido e desenvolto

Non é correcto por tanto dicir  “ Vou desenrolar o seguinte tema”* ou “Países desenrolados”

TESTEMUÑA e TESTEMUÑO

3. Testemuña    Testemuño

A testemuña (  FEMININO)
1. Persoa que ten coñecemento dun feito por telo comprobado cos seus sentidos, e do que dá fe.
2. Persoa que viu ou sentiu algunha cousa

O testemuño (  MASCULINO)
1.Declaración de alguén para certificar unha cousa que viu ou sentiu, para
establecer ou probar un feito.
Ex. Co testemuño que ofreceu a testemuña o inculpado foi declarado
inocente

2. Obxecto que un corredor entrega para dar fe da remuda.

Polo tanto será Carreira de remudas ou carreira de revezamentos.



Non á violencia de xénero

Para que serve o galego?

ESPAZO CINEMA

ESPAZO CINEMA é un proxecto do IES O Mosteirón que xorde pola iniciativa do EDLG ao crear édelingua producións audiovisuais.



ESPAZO CINEMA quere converterse nun foro alternativo á indiferenza, á preguiza, ao vandalismo, á intolerancia…
ESPAZO CINEMA ofrece cine, música, imaxe, palabras…
ESPAZO CINEMA defende os ideais de xustiza, solidariedade, educación, respecto, liberdade…
ESPAZO CINEMA quere darlle saída ás túas iniciativas culturais e artísticas.
ESPAZO CINEMA SOMOS TODOS.



O vindeiro luns, día 21 de novembro, ESPAZO CINEMA inicia a súa programación coa proxección do filme O ente. Despois, durante toda a semana, unha programación variada para loitar contra o maltrato ás mulleres.



16/11/11

PARA SABERMOS MÁIS DE TOPONIMIA

Moitos nomes de lugar teñen un significado transparente , outros son escuros e resulta un enigma saber a que responden.
A Lei de normalización lingüística  establece que a única forma oficial dos topónimos de Galicia é a galega.

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.
Vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España,
esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola enorme repartición da terra (minifundismo); pola orografía irregular e dificultosa do terreo; pola secular explotación dos recursos agrícolas, gandeiros e mariñeiros; pola abundante e variada flora e fauna; e, ao cabo, pola vontade de querer nomear cada anaco de terra.
Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.
Pola necesidade de conservar e coñecer os nosos topónimos ,naceu a idea no EDLG da divulgación dos nomes de lugar do noso concello;  por iso o alumnado de 3º de ESO , anda a facer pescudas sobre a toponimia de SADA.
Quizais sexa útil para aqueles que estean facendo este traballo ter en conta as seguintes informacións:


Os topónimos adoitan clasificarse seguindo un criterio semántico, dependendo dos conceptos a que fagan referencia:

Orografía ou constitución do terreo (orotopónimos)


Montouto; A Lomba; Pedreira; Seixal (lat. SAXU, ‘pedra’); A Pena, Penela; A Laxe; Lousame (‘onde abunda a
lousa’); Barreiro; A Lamosa; Arousa (‘onde hai area’); O Covelo...

Hidrografía, auga
(hidrotopónimos)


Agolada (lat. AQUA LATA, ‘auga canalizada’); Augasmestas (lat. AQUAS MIXTAS, ‘onde converxen dous ríos’);
Fontenla, Fontán; Caldas, Caldelas (lat. AQUAS CALIDAS, ‘augas quentes’); Regueiro; Foz; Esteiro (‘estuario’);
Insua; Fervenza; Fontecada (lat. FONTE CANALATA)...

Flora(fitotopónimos)



Carballeda; Soutelo; Castiñeira; Freixedo; Biduedo; Caramiñal; Canido (lat. CANNA ‘cana’); Liñares; Maceira,
Maceda; Xestoso; Amieiro, Ameal; Toxeira; Cerdedo; Reboredo (lat. ROBUR ‘carballo’); Sobredo; Sabucedo;
Carrascal; Fenteira, Fental; Painzal, Painceiros...
Fauna
(zootopónimos)


Lobeira; Oseira; Gulpilleiras (lat. VULPECULA ‘raposa’); Cabral; Corveiras; Leboreiro (lat. LEPORE ‘lebre’);
Miñoteira; Curuxeiras; Raposeiras; Cervás; Teixugueiras; Garduñeira; Porto de Eguas; Campobecerros;
Fonte Cabalos; Voitureira (lat. VULTURE ‘voitre’); Cova da Serpe...

Nomes de persoa
(antropotopónimos)


Vilapedre (‘vila de Pedro’); Portomarín (< PORTU MARINI, ‘porto de Mariño’); Chorente (< FLORENTII, ‘de
Florentius’)...

Relixión e nomes de santos
(haxiotopónimos)


Eirexa; Irixoa, Grixó (do lat. ECCLESIOLA); Mosteiro, Mosteirón; Donas (do lat. DOMINAS ‘monxas’); Celanova
(do lat. CELLA); A Capela; A Ermida; San Fins; Seoane, Seivane, Saiáns (lat. SANCTI IOHANNIS); Santa Baia
(lat. SANCTA EULALIA); Santo André, Santo Adrao; O Adro; O Sino (‘campanario’); O Igrexario...

Asentamento humano, núcleos de
poboación, propiedade, edificacións
e establecementos industriais


Vilela, Vilar; Casal; O Burgo (‘vila fortificada’); Castro; Quintela; Vigo (do lat. VICUS); Reguengo; Pazo; Torre;
Paredes; Cabana; Adega; Celeiros; Muros; O Folón; Ferrería, Ferreira, Ferreiroa...

Vías de comunicación

A Estrada, Portela, A Ponte, Pontecaldelas, A Brea, Verea, A Calzada, A Congostra, Carralcova...