Mostrando entradas con la etiqueta DEFENDENDO O IDIOMA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta DEFENDENDO O IDIOMA. Mostrar todas las entradas

19/6/12

Medra lendo

Esta entrada de Trafegando Ronseis é unha despedida tan fermosa que non nos resistimos a poñela aquí. Grazas polo traballo constante deste blog e polo labor dinamizador dos seus autores.
LER NON É CLANDESTINO
Á hora de comezar esta entrada, un nó na gorxa atenázame. Non sei o que vou escribir, aínda que si sei todo o que vou obviar porque o espazo é o que é. Esta é a miña despedida de Forcarei, volvo para o próximo curso á miña praza de Silleda. Estar en Forcarei estes dous cursos foi un luxo. Dous equipos directivos diferentes que confiaron en min plenamente para dinamizar a biblioteca, que me apoiaron constantemente en todas as actividades, que me sorriron... canto vale un sorriso para non sentirse só! Con compañeiras que levo no corazón para sempre...
A isto súmase unha circunstancia especial que me fai agradecerlle á vida a súa xenerosidade. Coñecer a Anxo en Silleda e traballar con el cóbado con cóbado aqueles tantos anos fixo que a nosa amizade superara  calquera expectativa. Non crin que fósemos coincidir nunca máis. E aquí estamos, un curso máis. Non sei se é moi arriscado dicir que Anxo é o meu complemento perfecto: como explicar esta interacción laboral? Son  moitos os recordos que nos unen, teño que admitir que ten a capacidade de comprenderme perfectamente e de facerme poñer os pés na terra cando chego coas miñas ideas. Realmente, a Consellería non debería permitir que se desfaga este tándem!
Para despedirme de Forcarei quería facer algo especial: un vídeo de Fomento da Lectura. Penseino hai moitos meses: mesmo elixira unha canción de fondo para facelo. Pero o decorrer dos días foi atrasando a iniciativa e un día chegou Anxo: "sei a canción ideal para o vídeo". E puxémonos a redactar. Claro que contar co oído de Anxo para escribir unha canción sobre un tema determinado é indispensable. Pretendía eu  reflectir todo o que a lectura nos ofrece e quedaron palabras esparexidas nos folios empregados. Pero aquí está. E creo que o resultado é ben positivo!
O resto é froito do seu labor e da súa infinita paciencia. El pon esa voz de luxo que vai envexar Manu Chao. El manexa a cámara e fai a composición. Así despídese calquera! Estou emocionada co resultado: agardo que vos guste tanto como a min.
Como despedirme da dinamización da biblioteca? Por que un vídeo de fomento da lectura?
Fomentamos a lectura porque cremos nela como un Valor. Ese Valor ausente na nosa sociedade de consumo sen reparos en ser deshonestos cunha soa relixión: o diñeiro.
Cremos na lectura como solución.
Cremos na lectura como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría.
Cremos na lectura como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do horizonte sen fin.
Cremos na lectura como CULTURA.
E sobre todo cremos na lectura no noso idioma, na nosa lingua. Porque só defendendo ambas cousas, LINGUA E CULTURA, o noso país terá futuro de seu.

Este vídeo é froito do meu amor polos libros, do meu amor pola biblioteca, da crenza básica de que as actividades son indispensables nos centros de ensino e de que, sobre todo no rural, o labor profesional docente ten que ir máis alá dunha simple clase de lingua ou de matemáticas. Tanto Anxo coma min cremos na nosa profesión e sentímonos orgullosos dela. Dámoslle moitas máis horas das nosas vidas das que ninguén pode supoñer. Pero somos conscientes de que o noso alumnado é o futuro. E o futuro está nas nosas mans.

7/6/12

O noso Deporte, na nosa Lingua


O Celta co galego
Balaídos fala galego dende hai décadas. O serán do ascenso foi outra manifestación da lealtade e respecto do Celta co noso idioma, xa que a lingua galega foi a vehicular na festa do ascenso. A cartelaría e sinalética, as intervencións do animador, dos membros de «A Roda» e do resto dos grupos musicais, todo en galego. Outrosí sucedeu coas entrevistas da maioría dos xogadores galegos na TVG ou a presenza de bandeiras galegas no campo, mostras de que o noso equipo ten raíces moi ben chantadas na terra. Este Celta galego é unha fachenda para todos.


Vía   BRÉTEMAS

29/5/12

O noso músculo máis forte...

         Hai tres días  Francisco Castro , escritor ao que admiramos polo seu labor literario, regalounos este artigo en SERMOS GALIZA ( novo medio en galego tan necesario para nós e tamén tan necesitado de nós para sobrevivir).
    Francisco Castro pon unha pinga de optimismo nestes tempos duros para o idioma ( e para tantas cousas imprescindibles ). Aínda que esa pinga sexa unha bágoa de desalento ás veces ou chuvia de treboada outras, o bando dos bos  ,como di o autor, fará que o idioma non esmoreza.
Grazas polo alento necesario.


O músculo máis forte do corpo humano é a lingua
Hai unhas semanas chegoume un curioso libro no que atopei ese dato, arrebatador, co que titulo este artigo. Que dos moitos músculos que hai no corpo humano, o máis forte é a lingua. O dato é sorprendente pois un tende a pensar nos bíceps, ou algo así, se pensamos no máis poderoso músculo da nosa anatomía. E se dicimos músculo pois iso, pensamos en chicha da dura, desa que medra a base de esforzo e traballo ximnástico ou mesmo anabolizantes, chegado o caso. Sen embargo é a lingua quen detenta o título máximo da afouteza corporal. A lingua, a saber, esa parte de nós coa que falamos, coa que saboreamos, coa que beixamos, coa que facemos bulra, coa que amamos, coa que damos pracer... a lingua dura puntiaguda frecha estilete branda mol húmida seca longa curta penetrante tímida ou como sexa que sexa a lingual forma e uso...

A lingua...

Saber iso pareceume todo un alento, e dos mellores e máis positivos para a nosa causa. Porque se hai un asunto que nos ocupa, preocupa e agobia, é o da lingua, como preservala, como saír da longa noite de pedra que, dende o século XV, nos botaron por enriba e que, agora coa escusa da crise, golpea sen piedade deixándoa morrer sen apoios de case que ningunha clase. A lingua. Esa que os encargados polo Estatuto teñen obriga de coidar e que non coidan coa enerxía que deberan.

Levamos séculos falando de que o galego morre. Que se acaba. Que a perda de falantes é tan estrepitosa que calquera día desaparecerá a nosa fala e, con ela, a historia completa deste país que, por suposto, deixará de ser país para ser nada. Xusto o que moitos galegos e galegas, por incrible que pareza e duro que sexa escribilo, desexan: o suicidio, a extinción, a amputación total ata a desaparición absoluta.

Sen embargo, non van poder. Porque a lingua é o músculo máis forte que hai. E somos moitos os que a lingua a levamos non na boca, que tamén, senón no corazón, no adn vital, na alma, no sentido. Algúns querémola tanto, pero tanto tantísimo, que teimamos en transmitirlla aos fillos e fillas, como quen outorga un agasallo de amor, vida e fe no futuro.

Que traballen contra a lingua.

Ela vai gañar a batalla.

Por fortaleza e, sobre todo, porque nós somos o bando dos bos (e xenerosos).

Por Francisco Castro en Sermos Galiza

24/5/12

TI ES DOS MEUS

Baixo o nome de AGASALLO SINCRONIZADO PARA O MUNDO o seguinte tema foi feito para compartir no día das Letras galegas. Existen numerosas versións que podedes escoitar, interpretadas por diferentes persoas . Esta é unha das que máis me gustaron a min ,pero hai outras tamén moi chulas . Aínda que o día das letras xa pasou, a mensaxe segue chea de forza.


Pódense ver moitas máis versións  AQUÍ

19/5/12

Galego os 365 días do ano.

Spot publicitario feito   polo IES Val do Asma e a biblioteca do IES Lama das Quendas de Chantada para  promocionar o uso do galego.


.

17/5/12

Festa reivindicativa no Día das Letras galegas

                           

            Hoxe milleiros de persoas acudiron a Compostela para alzar a súa voz en favor do galego,reivindicando o dereito a vivirmos plenamente no noso idioma.
A popa da manifestación aínda andaba pola Rúa do Hórreo e xa a Praza da Quintana estaba medio chea. As chamadas da organización desde o palco eran constantes a ir deixando espazos libres na entrada para @s que estaban por chegar. E moitos, finalmente, non puideron acceder por falla de espazo.

            A música de Zurrumalla e Os Carunchos animaba desde o palco a entrada das persoas. Seguían entrando de forma constante (novos e maiores, familias ao completo e grupos de amigos, parellas, veciños que acudían no mesmo carro, persoas a xeito individual mais que na Quintana formaron a gran familia polo galego…) cando Agustín Fernández Paz deu lectura ao manifesto “Voares de Esperanza”, foi escoitado, entendido e aplaudido a cachón.    

O plurilingüísmo no sistema educativo

No seguinte documento dirixido aos pais e nais , a CGENDL explica as deficiencias do actual sistema educativo no referente ao "plurilingüismo":

VÍDEO PARA AS LETRAS GALEGAS

Curta en vídeo realizada por alumnas de 6º C do CEIP Rosalía de Castro para o concurso "Receitas para a lingua" convocado co gallo das Letras Galegas 2012, adicadas a Valentín Paz Andrade.

8/5/12

Todo depende do interese

              Aprender galego é doado e falalo con soltura en calquera situación é cuestión de práctica , incluso para os non galegos. Non hai pois razón, fóra da falta de vontade ou o exceso de prexuízos para non facelo. A seguir transcribimos o artigo de Manuel Núñez Singala publicado no diario dixital Sermos Galiza, sobre "a dificultade de aprender o galego".Como moi ben di Singala, todo depende do interese .

                 "É moi común escoitar que hai linguas fáciles e linguas difíciles. Trátase dunha afirmación que cómpre matizar. En realidade non existen idiomas dotados dunhas características que os fagan máis fáciles ou máis difíciles que outros. O que si hai son diferentes distancias entre as diversas linguas.
Partindo do noso, o galego, seranos en xeral máis fácil aprender o italiano que o inglés, xa que o primeiro é máis próximo, no sentido de que, o mesmo que o galego, procede do latín; e o inglés é un pouco máisdistante. Pero o inglés será máis fácil de aprender que o éuscaro, xa que inglés e galego proceden dun tronco común, o indoeuropeo, que os fai máis próximos, e a lingua dos vascos é un idioma preindoeuropeo, máis distante. E entre éuscaro e chinés, será máis fácil aprender o primeiro, co que compartimos o alfabeto e ao que nos une unha maior proximidade.
Quere isto dicir que o chinés é unha lingua difícil? Depende de para quen, depende da distancia. Para un falante de birmano o chinés resultará máis fácil de aprender que o galego, xa que birmano e chinés son linguas relativamente próximas, pertencentes á mesma familia sino-tibetana, e para eles o galego será un idioma máis distante.
Pero a proximidade ou distancia non son os únicos factores que entran e xogo. As ganas de aprender, o interese en facelo e a aproximación sen prexuízos a unha lingua pode facilitar moito a súa adquisición e acabar resultando un factor determinante, de moito maior peso que a distancia.
Na Universidade de Santiago hai moitos anos que lles aprendemos galego a estudantes non galegofalantes. E sempre me sorprende comprobar como ese criterio de distancia e proximidade pode superarse co interese, o esforzo e a falta de prexuízos. Só iso explica un fenómeno recorrente e curioso: que un estudante romanés ou checo ou turco ou nixeriano sexa quen de falar un galego case perfecto en moi pouco tempo e que, pola contra, algún estudante asturiano, ou leonés, ou mesmo galego que realiza idéntico curso, insista en que a nosa lingua lle resulta tan difícil que no la da aprendido"

             Unha proba máis do que nos di Singala no seu artigo podemos atopala nestoutro documento " A Viaxe de Hércules", unha curtametraxe documental ( producida no IES Perdouro de Burela e vinculada co modelo Burela de planificación lingüística)que recolle o testemuño dun profesor de Química andaluz que fala sen problema ningún no noso idioma.

13/4/12

VOARES DE ESPERANZA, por Agustín Fernández Paz


Esta mañá presentouse en Vigo o manifesto co que a plataforma cidadá unitaria Queremos Galego chamará durante as próximas semanas a unha “participación masiva” de toda a sociedade na manifestación que convoca para o próximo 17 de maio en Santiago de Compostela. 
Reprodúcese, a seguir, o texto íntegro do manifesto da autoría  do escritor Agustín Fernández Paz:
VOARES DE ESPERANZA
Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
            Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

22/2/12

175 Anos de Rosalía na nosa literatura

Imaxe de aquí.





 
Rosalía na nosa literatura
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.



27/12/11

A lingua propia de Galicia é o galego

Sumámonos á denuncia da Coordinadora Galega de Equipos das recentes actuacións do Valedor do Pobo e reproducimos o texto consensuado pola Coordinadora.







O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) desexa facer pública a súa total desconformidade coa resolución oficial do Valedor do Pobo que insta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria á corrección ou retirada do libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º curso de Educación Primaria da editorial Vicens Vives, por recoller de forma literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1: “A lingua propia de Galicia é o galego”; petición que foi acollida de forma inmediata pola propia Consellería, que instou á editorial á rectificación do texto neste punto específico, por non facer alusión explícita ao castelán como lingua oficial da nosa comunidade.
Desde a CGENDL, consideramos esta resolución como improcedente, tendo en conta que:
a) fai obxecto de polémica innecesaria un material didáctico que se axusta totalmente á legalidade e que reproduce, de forma literal, textos aprobados polo mesmo Parlamento de Galicia.
b) adopta un punto de vista parcial e erróneo, pois o informe do Valedor restrínxese á análise dunha única páxina do manual escolar, sen ter en conta a mención explícita que, na páxina anterior á que resultou denunciada, se fai do castelán como lingua oficial de acordo co establecido pola Constitución española. Literalmente di: “A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España”, a continuación fai referencia a que é a lingua oficial “única” en 11 comunidades... e nas demais existe “outra” lingua oficial. O libro da editorial Vicens Vives ofrece, polo tanto, unha visión obxectiva do estatus lexislativo vixente na nosa comunidade, distinguindo perfectamente os conceptos de lingua oficial e lingua propia. Daquela, o devandito informe non se axusta á verdade cando di que o libro “carece do rigor científico imprescindible”.
c) pon en cuestión a mesma realidade sociolingüística de Galicia, posto que fomenta un debate estéril, pero intereseiro, sobre un feito irrebatible desde un punto de vista histórico e científico, como é a afirmación de que o galego constitúe a lingua propia de Galicia, algo que non constitúe obxecto de discusión en ningún ámbito académico minimamente rigoroso.
Neste sentido, a CGENDL considera que os organismos públicos de Galicia non deberían actuar en contra dos principios éticos e legais que xustifican a súa propia existencia, e entre os cales figura, como recolle o propio Estatuto de Autonomía, a promoción e defensa da lingua propia de Galicia. Entendemos, pois, esta resolución do Valedor do Pobo como intervencionista no ámbito pedagóxico, pois semella que pretende ocultar ao noso alumnado unha visión positiva e enriquecedora da pluralidade lingüística do Estado español, e o dereito legal (e tamén ético) que nos asiste, tanto desde o ámbito institucional como desde o educativo, a favorecer unha visión positiva das linguas minorizadas, para desterrarmos prexuízos e desigualdades históricas.
Así mesmo, esta actuación do Valedor suxírenos unha falta absoluta de sensibilidade de certas autoridades políticas e educativas co labor cotián que desempeñamos os docentes nas aulas, pois un dos nosos obxectivos didácticos prioritarios segue a ser a promoción e dinamización da lingua galega, en canto patrimonio cultural común a todas as galegas e galegos, sempre desde o respecto absoluto aos dereitos lingüísticos individuais de todos os membros da comunidade escolar.
Por todo o dito, a CGENDL convida ao Valedor do Pobo e ao Conselleiro de Educación a que atendan con máis rigor e sentido institucional as obrigas que se derivan do seu cargo, de modo que adiquen todos os seus esforzos a unha promoción real e efectiva do coñecemento e uso da lingua galega, sen que das súas accións se deriven iniciativas que semellan favorecer unha liña política e ideolóxica restritiva co verdadeiro plurilingüismo, que debería comezar sempre polo idioma de noso.

20/12/11

Se cambias de lingua...

Neste vídeo , Sechu Sende , o autor de Made in Galiza ,explica como se pasou ao galego. É moi interesante, non o perdades.

22/11/11

Belén Regueira

O aplauso ás palabras de Belén non foron unánimes, iso mesmo xustifica a necesidade da súa intervención. O meu máis entusiasta aplauso en primeiro lugar polo premio, ben merecido. E a miña admiración por dicir contracorrente aquilo que pensamos tantos galegos e galegas e facelo dunha forma tan sinxela e amable.
E parabéns a Días Estranhos por difundilo.


Escribiuno A profa

27/10/11

FALAMOS GALEGO, PORQUE SI.

 Estes versos de Celso Emilio Ferreiro, serven moi ben para mostrar o sentir dos membros do EDLG. Compárteo connosco.Únete a nós.