Mostrando entradas con la etiqueta EXPOSICIÓNS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta EXPOSICIÓNS. Mostrar todas las entradas

26/4/12

EXPOSICIÓN NO INSTITUTO SOBRE PAZ-ANDRADE

             O Instituto O Mosteirón de Sada  foi un dos escollidos para ubicar unha exposición itinerante que nas vindeiras semanas percorrerá distintos centros de toda Galicia. A mostra , que estará no centro desde o 4 ao 11 de maio, pretende achegar á mocidade a figura de Valentín Paz Andrade, escritor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
          Esta exposición componse de cinco paneis con pantallas integradas e unha videoproxección de gran formato que permiten un achegamento á súa produción literaria, ao seu compromiso político, á súa tarefa empresarial e á súa obra ensaística e xornalística.Asemade tamén contaremos con diversos materiais didácticos para que toda a comunidade educativa faga uso dos mesmos. 
Un propósito de Édelingua é propiciar que os centros da zona teñan a oportunidade de visitar esta exposición de grande aproveitamento didáctico, polo que todos serán convidados a asistir ao noso instituto. 

25/4/12

EXPOSICIÓN NA CASA DA CULTURA PINTOR LLORÉNS DE SADA

Do día 1 ao 20 de maio, na Casa da Cultura Pintor Lloréns, de Sada, permanecerá a exposición "Hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada" preparada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón, baixo a coordinación de Xosé Seoane e a documentación do alumnado de 4º de PDC.


HÓRREOS:
O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o que necesitan certas condicións específicas que podemos concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores.

Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país ou curva. Son os característicos de toda a zona das Mariñas.
A agricultura neste concello é fundamentalmente de autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia. A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra ou mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos ornamentais que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran. Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés, ou o da casa dos Barbeito, en Souto Vello, parroquia de Mosteirón.



CRUCEIROS:
Un dos elementos máis significativos da iconografía galega é o cruceiro, a cruz de pedra que marca as encrucilladas de camiños e os adros das igrexas. Son máis de 10.000 os catalogados en Galicia. Segundo algunhas tradicións, servían para bendicir os camiños; outras vincúlanos a rituais de curación para eliminar os males do corpo e/ou do espírito. Nalgunhas comarcas eran lugar de enterramento dos nenos non bautizados e os familiares deixaban pegadas, cruces ou iniciais gravadas no varal. Hai quen considera que a súa orixe se remonta á época prehistórica en lugares nos que existían pedras fitas (menhires), e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas e colocáronse tamén en lugares como os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. O cruceiro é polo tanto un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espazo tamén sagrado. O cruceiro é obxecto de devoción e respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou concellos.A súa tipoloxía é variada, dende a extrema sinxeleza dunha cruz ata un prodixio de escultura; con capeliña (nicho) ou representando un calvario coas tres cruces. Polo regular todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión, Cristo crucificado en soidade; mentres que no reverso aparece a figura da Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe, do sufrimento na cruz e da súa morte.


FONTES E LAVADOIROS:
As persoas temos necesidade de harmonizar os ambientes nos que vivimos para así conseguir unha vida máis feliz. A auga e con ela as fontes son, sen lugar a dúbidas, elementos imprescindibles nesta configuración harmónica da paisaxe urbana. A auga das fontes, a auga pura, cristalina, cantareira e milagreira convértese en parte integrante do noso vivir cotiá e convídanos ao descanso, ao sosego, á tranquilidade do corpo e do espírito.
As fontes incítannos a facer un alto no noso camiño. A súa auga fresca calma a nosa sede e o seu abeiro permítenos contemplar a fermosa paisaxe que encadra. Non somos quen de concibir unha aldea, vila ou cidade sen fontes. Ai daquel camiño que non conduza cando menos a unha fontela! Antes eran o punto central das aldeas, dos barrios. Eran lugar de encontro. Ao seu carón xurdían os lavadoiros, lugares onde non só se lavaban as roupas, senón tamén as conciencias. Con elas naceron mil e unha historias, de amor, de desamor, de traizón, de soidade e ausencias...
Os lugares coñécense tamén polas súas fontes. Sada, como calquera outra vila, está chea delas. Moitas pasan desapercibidas para os cidadáns. Soamente as máis grandes son recoñecidas. Pero hai moitas máis. Hai fontes moi humildes,  fontelas descoñecidas das que flúe unha auga pura e moitas veces milagreira que só os máis vellos coñecen.
Esquecer as fontes, os seus nomes, as historias que aconteceron ao seu redor e deixalas morrer é como perder a memoria histórica; é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva, da humilde beleza do noso é un dos obxectivos que pretendemos conseguir con esta exposición. 




26/3/12

Exposición de banda deseñada

Este mes o EDLG incorpora unha nova exposición  para dar a coñecer 
  algunhas das máis importantes publicacións  de banda deseñada en galego . 
Trátase de 66 láminas   nas que  se recollen mostras  de CÓMIC, TEBEO, HISTORIETA
VIÑETA, ILUSTRACIÓN, MANGA  , HUMOR GRÁFICO, FANZINE, TIRA DEBUXADA etc
Non deixedes de velas, paga a pena.

9/2/12

Máis poemas de amor para a nosa exposición .

Dun poema de Rosalía de Castro, Roi Casal fixo esta versión incluída no seu disco Lendas Douradas

Meniña, ti a máis fermosa
que a luz do sol alumbrara;
ti a estrela da mañanciña 
que en puras tintas se baña;
ti a frol das froridas cumbres,
ti a ninfa das frescas augas,
ti como folla do lirio 
branca, pura e contristada
¿Quen eres, fada sin nome
de tan dormentes miradas,
de tan dorida sonrisa
de feituriña tan cándida?
¿Quisais de muller naceches
sendo tan limpia e tan casta?
¿Quisais das brisas da tarde,
quisais das brétemas vagas
das burbulliñas dun río,
quisais dunha nube branca?
¿Ou as espumas do mare
a un raio de sol xuntadas
pousáronte ó ser de aurora
nunha cunchiña de nacra?
Mais, de onde queira que sexas,
tristísima pasionaria,
por ti sinto un amor puro
que pouco a pouco me mata.
Por ti, de noite e de día,
cal vaga sombra encantada,
preto do teu vivir ximo,
ximo cos ventos que pasan
facendo vibrar sonoras
sentidas cordas dun harpa,
que con ecos tembradores
dos meus amores che falan.
Mais dime: ¿por que estás muda,
di por que estás solitaria,
di por que vives nos montes 
cos paxariños que cantan,
mentras ti choras e choras
ó pé dun olmo sentada,
toda de loito cuberta,
toda cuberta de lágrimas.


Rosalía de Castro . Cantares Gallegos .

6/2/12

EXPOSICIÓN DE POESÍA AMOROSA

         Como todas e todos sabedes o día 14 deste mes é San Valentín, e para facerlle os honores a Cupido, temos organizado no instituto  un concurso de microrrelatos de amor.
         Ademais o EDLG vai facer unha mostra de poesía amorosa escrita na nosa lingua.  Nos próximos días iremos subindo a este blog algúns dos poemas expostos no recibidor, para que lles sirvan de inspiración aos que aínda non se animaron a escribir o seu microrrelato.
Aquí queda o primeiro dos poemas , de Avilés de Taramancos , un dos nosos grandes .


                      PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

Todo canto eu amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.
 
Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.
 
De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.

ANTÓN AVILES DE TARAMANCOS
De «Poemas a Fina Barrios. Pequeno Canto» (1960),
recollido en «O tempo no espello» (1982) 

10/12/11

ALFONSO ABELENDA

O venres 9 de decembro, ás 20:00 horas, no Hotel Hesperia (Rúa Juan Flórez, 16) da Coruña, no marco da inauguración da IV Feira de Arte Galega, tivo lugar unha homenaxe poética a Alfonso Abelenda, na que participan Pablo Bouza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores Tembrás, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela e Eva Veiga. A Exposición seguirá en días vindeiros.




ALFONSO ABELENDA
    En 1959 trasládase a Santiago para estudar Ciencias Exactas. Comeza a colaborar co Biografía
    Nado no seo dunha familia de tradición artística, asiste na Coruña ás clases de Antón García Patiño ata 1949, ano no que se matricula na Escuela de Arquitectura de Madrid. Alí comeza os seus primeiros pasos como pintor, asistindo ás clases de Gutiérrez Navas e estudando estatua e lavado no Casón del Buen Retiro.
   En 1954 realiza a súa primeira exposición na libraría de "Lino Pérez" da súa cidade natal, ao tempo que forma grupo cos pintores Labra, Lago Rivera e Tenreiro; colaboradores habituais de Atlántida,  revista que supón unha tentativa pioneira de afirmación vangardista nun contexto opresivamente provinciano. Cumpre o servizo militar en Marrocos, e expón en Tetuán, Tánxer e Rabat.
    En 1959 trasládase a Santiago para estudar Ciencias Exactas. Comeza a colaborar como debuxante en La Codorniz, formando grupo con Ballesta e Puig Rosado, entre outros. Viaxa por Europa, expoñendo en Londres e París a principios dos 60 e participa na histórica colectiva de artistas galegos promovida por "O Galo" en Santiago de Compostela. Establécese despois en Madrid dedicándose á decoración e montaxe de exposicións. Participou nas feiras mundiais de Bruxelas e Nova York, e traballou para a fábrica de porcelanas Bidasoa, entre outros.
    A súa incursión no humor gráfico, actividade que lle reportou enorme prestixio, é cada vez maior. En 1968 recibe a primeira medalla do Salón Nacional de Humoristas.
    Retorna a Galicia a mediados dos 70, onde ao pouco tempo comezan a rendirlle tributos e homenaxes.
    A súa obra, nun principio, de marcada tendencia expresionista, de imaxes deformadas e violento colorido, segue os rumbos dunha evolución na que é moi importante a súa actividade como debuxante humorístico e satírico. Esta visión deformante, distorsionada e agridoce da realidade vaina aplicar aos seus óleos e aos seus relatos de forte expresividade cromática e formal. Nestes últimos anos, a paisaxe, con predilección polos recantos urbanos achegados ao mar, converteuse nun tema habitual. Cunha linguaxe formal sintética dunha pincelada rápida e chea de materia, constrúe os seus obxectos e edificios, os seus barcos e xentes.
o debuxante en La Codorniz, formando grupo con Ballesta e Puig Rosado, entre outros. Viaxa por Europa, expoñendo en Londres e París a principios dos 60 e participa na histórica colectiva de artistas galegos promovida por "O Galo" en Santiago de Compostela. Establécese despois en Madrid dedicándose á decoración e montaxe de exposicións. Participou nas feiras mundiais de Bruxelas e Nova York, e traballou para a fábrica de porcelanas Bidasoa, entre outros.
    A súa incursión no humor gráfico, actividade que lle reportou enorme prestixio, é cada vez maior. En 1968 recibe a primeira medalla do Salón Nacional de Humoristas.
    Retorna a Galicia a mediados dos 70, onde ao pouco tempo comezan a rendirlle tributos e homenaxes.
    A súa obra, nun principio, de marcada tendencia expresionista, de imaxes deformadas e violento colorido, segue os rumbos dunha evolución na que é moi importante a súa actividade como debuxante humorístico e satírico. Esta visión deformante, distorsionada e agridoce da realidade vaina aplicar aos seus óleos e aos seus relatos de forte expresividade cromática e formal. Nestes últimos anos, a paisaxe, con predilección polos recantos urbanos achegados ao mar, converteuse nun tema habitual. Cunha linguaxe formal sintética dunha pincelada rápida e chea de materia, constrúe os seus obxectos e edificios, os seus barcos e xentes.