Mostrando entradas con la etiqueta INVESTIGANDO A TOPONIMIA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta INVESTIGANDO A TOPONIMIA. Mostrar todas las entradas

21/3/12

Que é a toponimia?

Durante este mes estivo desenvolvéndose o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polo Instituto de Estudo Miñoranos en colaboración coa Universidade de Vigo e os concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra.

        Neste vídeo o especialista en toponimia Gonzalo Navaza salientou o perigo de perder esta riqueza de Galicia ao renomear espazos, rúas ou pontes esquecendo os topónimos que en moitos casos os identificaron durante milenios. Unha advertencia que sen descoñecer a vitalidade da lingua e o xeito dinámico das sucesivas poboacións que van ocupando os lugares, a situou nunha estratexia política que á vella usanza intenta "expandir a Civilización" sobre o que considera unha "terra incógnita", sen nomes propios. E o que é peor, sobre todo no eido urbanístico, en moitos casos eses cambios de topónimos están motivados nun prexuízo anti-galego, disfrazado de anti-rural. 
Via Carta Xeométrica.

13/12/11

O COUTO


Como sucede con outros topónimos, encontramos no concello de Sada varios lugares que reciben o nome de Couto. Hai un Couto na parroquia de Sada e outro en Osedo, e isto non resulta moi raro se pensamos que este nome vén da palabra latina CAUTUM que significaba “cerrado”e que se utilizou moito na Galicia medieval para significar terreo limitado por causas diversas. Tanto no noso nomenclátor como no de Portugal hai moitos lugares que se chaman Couto e derivados : Coutadas, Coutiño ou Coutado. Couto e o verbo acoutar , expresan de forma evolucionada e coloquial o mesmo concepto que temos en cultismos como cauto, cautela.
Podemos atopar tamén este étimo na fraseoloxía :      
                                              Para o ladrón da casa non hai coutura

No nomenclátor galego tamén temos Coto, Cotelo, Cotón,Cotarelo … Estes Coto e derivados, xa significan outra cousa ( veñen dunha raíz prelatina “kotto”, co significado de “elevación”, que deu no galego “coto” )
No castelán o nosos COTO e COUTO unifícanse nunha única forma Coto.

8/12/11

SOÑEIRO

                                                              
                                                              Igrexa parroquial

San Xián de Soñeiro é unha parroquia localizada no sur do concello coruñés de Sada. Posiblemente o seu nome proceda dunha hipotética forma latina, *somnariu(m), "soño" "lugar de ensoño". Os paisanos, ao falarmos con eles, afirman que é unha terra para soñar.
Hai que salientar a Igrexa parroquial de San Xián, de mediados do século XIX, o seu cruceiro e a capela do Espírito Santo. Esta capela é antiga e destaca o seu retablo, hoxe en día restaurado.
Pero o que moitos descoñecerán é que no seu cemiterio, hai unha escultura en relevo duns corenta centrímetros, que é unha figura antropomórfica moi interesante da época romana. En épocas antigas facíase alí a romaría no Pentecostés.
Nun monte cercano, pódese apreciar unha pedra con forma de pisada. Disque esa pegada pertence ao Apóstolo Santiago.
Tamén hai que falar de personalidades importantes, como José Manuel Guitián, José Romero Pérez e Manuel Longueira Varela, presidentes do sindicato de Soñeiro, "La Defensa del Agricultor", dende o ano 1931 ao 1936.
Como Lugares interesantes de Soñeiro, salientaremos os seguintes:

- Campo de Sar: a repetida presencia das formacións sar, sor, e sarr no nome de moitos ríos fai pensar nunha antiga base *s`r, quizais expresiva ou onomatopeica, relacionada coa auga que pode ter orixe céltica (fluír, auga). Este hidrónimo adoita aparecer onde xorden pequenos efluvios ou mananciais.
- Coiro: topónimo que debe provir do prerromano *cor, "pedra altura, pedrosa", semellante á base preindoeuropea mediterránea *kar, "pedra", emprazado en lugar perfectamente pedroso.
- Costa: este topónimo metafórico preferido en superficies orográficas lembra algunha parte do corpo. É un apelativo de moitos lugares galegos situados en elevacións pequenas e redondeadas semellantes á curvatura da espalda, lombo, ou costas.
- Fonte Boa e Fonte da Vila: dan nome a lugares que teñen fontes e mesmo interesantes lavadoiros.

2/12/11

VEIGUE

                                VEIGUE
                                                                Praia de San Pedro

Segundo as pesquisas dos alumnos de 3º de ESO, que seguen a traballar na toponimia de Sada, Santa Comba de Veigue é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Sada. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 415 habitantes, distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999, cando contaba con 328 habitantes.
Veigue conta con dúas praias :
A praia de San Pedro, con 260 metros de longo e 57 de largura media. É unha praia que salienta pola súa beleza, e conta cunha pequena illa. Cando a marea está baixa, pódese andar por ela, aínda que só conta con algunha árbore dispersa. Así mesmo ten un cámping a poucos metros da area.
A praia de Cirro, é unha praia semiurbana cun grao de ocupación alto, moi próxima á anterior. As súas augas son tranquilas coa area fina e branca. Está conformada por dúas praias pequenas, separadas por rochas e dunha gran beleza.
Así mesmo, ten unha pequena igrexa antiga, e en fronte dela un cruceiro Os cruceiros son cruces de pedra que se colocan en lugares como son os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. Tamén se fala algunhas veces de cruceiros ó referirse ás cruces do viacrucis. Estas cruces adoitan alzarse sobre unha plataforma con banzos que é común en Galicia e Irlanda, se ben na nosa comunidade autónoma tamén existen exemplares de cruceiros sen eles. 


Doutra banda, citaremos os lugares máis salientados de Veigue: A Besta, O Chan da Agra, Chan da Aldea,Cirro, Creba o Carro, O Cruceiro, A Faramenga, A Fraga, Os Lagos, Lapa, A Ortiga, O Quintán, San Pedro, Soutilo e A Valexa. 
Finalmente hai que destacar un personaxe ilustre: Eugenio Pazos Pereiro, directivo de La Unión de Veigue, da Asociación Popular de Defensa de Sada, e presidente de La Unión Gremial Mercantil, da agrupación local do Partido Republicano Radical Socialista e da Izquierda Republicana, nos anos 30.




30/11/11

AGRA/ AGRELA/ AS AGRAS


No  Concello de Sada , son varios os lugares que levan este nome , Agra (Carnoedo), As Agras ( Meirás), Agra pequena ( Mondego), Agra das Arcas ( Osedo), A Grela ( Sada), Agra e As Agras ( Soñeiro) e Chan da Agra ( Veigue)
Se consultamos no dicionario da Real Academia Galega podemos atopar a seguinte definición:

Agra  s.f. Grande extensión de terra de cultivo, dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos.
Ex.”Todas as aldeas de Galicia teñen a súa agra”. CF. seara, senra.

Polo tanto, e como di o exemplo do dicionario, todas as aldeas teñen ou tiveron a súa agra, e de aí o nome que se mantén en moitas parroquias de Sada.
Máis curioso resulta o caso de A Grela , escrito con artigo .
Trátase dun topónimo cun falso artigo , é dicir da forma AGRA fíxose o diminutivo AGRELA, como en tantos outros substantivos  (de souto: soutelo, de porta: portela ) , posteriormente interpretouse o A inicial como un artigo  e empezouse a escribir A GRELA , separado, case como se tratase dunha grela femia.
Na actualidade temos en Galicia 26 Agrelas, 15 escritos separadamente e 11 escritos  xunto.
Unha lingua é sistemática , pero ten tamén as súas irregularidades, e cando esta anomalía se consolida na fala e na escrita, aparece un falso artigo e unha palabra transfórmase en dúas. Isto é o que aconteceu tamén noutros topónimos como  O GROVE ( > OGROVIU) , A BAÑA ( > AVANIA) ou O INCIO ( > ONITIU)
(Novas achegas sobre a toponimia de Sada , feitas polo alumnado de 3º ESO )

22/11/11

CARNOEDO


As pescudas do alumnado comezan a dar froitos. Velaquí as averiguacións feitas sobre o topónimo Carnoedo:

O nome desta parroquia é de orixe lingüística celta. Nas linguas gaélicas, a palabra “Carn” aplícase principalmente a xacementos megalíticos ou a milladoiros de pedras. O topónimo “Carnoedo” faría por tanto probable referencia a un dolmen, mámoa, ou morea de pedras con significación relixiosa conservadas antigamente na parroquia.
O seu territorio conta con, cando menos, tres castros galaicos:
• San Amede: un castro de pequenas dimensións emprazado nunha punta rochosa sobre o mar.
• Taibó: de tamaño mediano e forma circular, está bastante ben conservado.
• Espiñeiro ou Pazos: practicamente desaparecido pola acción urbanizadora dos últimos anos.
Ningún foi escavado, se ben foron catalogados por E. Monteagudo.
A igrexa parroquial de San Andrés foi construída no 1878 e sufragada polo párroco Baltasar Canle y Souto, coma reza unha inscrición. Tamén destaca un cruceiro do s. XVIII, así coma algunha mostra significativa da arquitectura popular.
Con todo, o seu patrimonio máis importante é o natural, especialmente a súa costa rochosa, na que se suceden as praias de Arnela, As Fontiñas, Os Lobos, Armenteiro, Pedralba, Lourido e Amoreiras e outros accidentes xeográficos como a Illa da Paz ou a punta de San Amede.

16/11/11

PARA SABERMOS MÁIS DE TOPONIMIA

Moitos nomes de lugar teñen un significado transparente , outros son escuros e resulta un enigma saber a que responden.
A Lei de normalización lingüística  establece que a única forma oficial dos topónimos de Galicia é a galega.

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.
Vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España,
esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola enorme repartición da terra (minifundismo); pola orografía irregular e dificultosa do terreo; pola secular explotación dos recursos agrícolas, gandeiros e mariñeiros; pola abundante e variada flora e fauna; e, ao cabo, pola vontade de querer nomear cada anaco de terra.
Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.
Pola necesidade de conservar e coñecer os nosos topónimos ,naceu a idea no EDLG da divulgación dos nomes de lugar do noso concello;  por iso o alumnado de 3º de ESO , anda a facer pescudas sobre a toponimia de SADA.
Quizais sexa útil para aqueles que estean facendo este traballo ter en conta as seguintes informacións:


Os topónimos adoitan clasificarse seguindo un criterio semántico, dependendo dos conceptos a que fagan referencia:

Orografía ou constitución do terreo (orotopónimos)


Montouto; A Lomba; Pedreira; Seixal (lat. SAXU, ‘pedra’); A Pena, Penela; A Laxe; Lousame (‘onde abunda a
lousa’); Barreiro; A Lamosa; Arousa (‘onde hai area’); O Covelo...

Hidrografía, auga
(hidrotopónimos)


Agolada (lat. AQUA LATA, ‘auga canalizada’); Augasmestas (lat. AQUAS MIXTAS, ‘onde converxen dous ríos’);
Fontenla, Fontán; Caldas, Caldelas (lat. AQUAS CALIDAS, ‘augas quentes’); Regueiro; Foz; Esteiro (‘estuario’);
Insua; Fervenza; Fontecada (lat. FONTE CANALATA)...

Flora(fitotopónimos)



Carballeda; Soutelo; Castiñeira; Freixedo; Biduedo; Caramiñal; Canido (lat. CANNA ‘cana’); Liñares; Maceira,
Maceda; Xestoso; Amieiro, Ameal; Toxeira; Cerdedo; Reboredo (lat. ROBUR ‘carballo’); Sobredo; Sabucedo;
Carrascal; Fenteira, Fental; Painzal, Painceiros...
Fauna
(zootopónimos)


Lobeira; Oseira; Gulpilleiras (lat. VULPECULA ‘raposa’); Cabral; Corveiras; Leboreiro (lat. LEPORE ‘lebre’);
Miñoteira; Curuxeiras; Raposeiras; Cervás; Teixugueiras; Garduñeira; Porto de Eguas; Campobecerros;
Fonte Cabalos; Voitureira (lat. VULTURE ‘voitre’); Cova da Serpe...

Nomes de persoa
(antropotopónimos)


Vilapedre (‘vila de Pedro’); Portomarín (< PORTU MARINI, ‘porto de Mariño’); Chorente (< FLORENTII, ‘de
Florentius’)...

Relixión e nomes de santos
(haxiotopónimos)


Eirexa; Irixoa, Grixó (do lat. ECCLESIOLA); Mosteiro, Mosteirón; Donas (do lat. DOMINAS ‘monxas’); Celanova
(do lat. CELLA); A Capela; A Ermida; San Fins; Seoane, Seivane, Saiáns (lat. SANCTI IOHANNIS); Santa Baia
(lat. SANCTA EULALIA); Santo André, Santo Adrao; O Adro; O Sino (‘campanario’); O Igrexario...

Asentamento humano, núcleos de
poboación, propiedade, edificacións
e establecementos industriais


Vilela, Vilar; Casal; O Burgo (‘vila fortificada’); Castro; Quintela; Vigo (do lat. VICUS); Reguengo; Pazo; Torre;
Paredes; Cabana; Adega; Celeiros; Muros; O Folón; Ferrería, Ferreira, Ferreiroa...

Vías de comunicación

A Estrada, Portela, A Ponte, Pontecaldelas, A Brea, Verea, A Calzada, A Congostra, Carralcova...

27/10/11

E POR QUE MOSTEIRÓN SE CHAMA MOSTEIRÓN?

Desde o EDLG lanzamos unha proposta de traballo sobre a toponimia do noso concello. Os nomes de lugar agochan moitos segredos sobre a orixe dos nosos eidos.
Quen sabe por que se chama Mosteirón o noso instituto?
Había quizais algún mosteiro na zona?
Ou foi por outro motivo que lle deron este nome?
Preguntástesvos algunha vez de onde veñen os nomes dos lugares nos que vivides?
Algúns grupos de alumado xa comezaron as súas pescudas. Se cadra alguén de vós quere colaborar co noso labor e nos achega informacións .
De momento ofrecemos unha listaxe cons nomes de lugar que aparecen no NOMENCLATOR .
Esperamos a vosa axuda.
Carnoedo: Agra - Brañas, As - Campo da Cruz - Campo das Mantas - Carballo, O - Carreira, A - Chan da Aldea, O - Espiñeiro - Fonte Grande - Fonte Nova, A - Fonterrota - Foxo, O - Gaiba - Lamela, A - Pedreira, A - Pega, A - Pereira, A - Pereiros, Os - Ríos - Salto - Seixo - Sobre da Vila - Souto - Taibó - Torres, As - Xesteira, A

Meirás: Agras, As - Cañota, A - Cimás - Cruceiro, O - Encrucillada, A - Muíño do Vento - Pé do Muíño, O - Peredo - Piñeiro - Redondo, O - Regueira, A - Senra - Souto da Igrexa - Tornos, Os - Torrón - Tumbadoiro - Valía, A - Valo, O - Vilar

Mondego: Agra Pequena - Ameixeiral - Capela, A - Carta - Fontoira - Fortiñón - Granxa, A - Illós, Os - Lácere - Lagoa, A - Lamela, A - Mazón - Pampillal, O - Quintán - Trasín - Valo, O - Vertín

Mosteirón: Cacharrete - Carballal, O - Catro Esquinas, As - Esperela, A - Machado - Mosteirón - Outeiro - Souto Vello - Vista Alegre

Osedo: Agra das Arcas, A - Caño - Carballal, O - Carballiño, O - Casteliño, O - Castelo - Castro, O - Couto, O - Fraga, A - Gateñas, As - Loureiro, O - Miñovedro - Osedo - Regas, As - Seixeda - Seixo, O - Senra, A - Torrente - Xan Amigo

Sada: Barros, Os - Beloi - Chaburra, A - Couto, O - Fontán - Grela, A - Pazos - Ramalleira, A - Riovao - Sada - Sada de Arriba - Samoedo - Serra - Tarabelo, O

Soñeiro: Agra - Agras, As - Alborelle - Cabidos, Os - Campo de Sar - Coiro - Costa - Cova, A - Espírito Santo, O - Fonte Boa - Fonte da Vila - Mandín - Valías, As - Vilabranca

Veigue: Besta, A - Chan da Agra, O - Chan da Aldea - Cirro - Creba o Carro - Cruceiro, O - Faramenga, A - Fraga, A - Lagos, Os - Lapa - Ortiga, A - Quintán, O - San Pedro - Soutilo - Valexa, A