17/11/11

Desenvolver ≠ Desenrolar

4. Desenvolver ≠ Desenrolar

É frecuente que se confundan as seguintes acepcións destes verbos:

Desenrolar:
1. Estirar [algo que estaba dobrado ou encollido en forma de rolo].
Desenrolouse o fío do carrete. SIN. desenroscar(se), desenvolver(se).
O equivalente EN CASTELÁN É DESENROLLAR

Desenvolver:

1. Pasar [algo] dun estado a outro máis perfecto, ter maior actividade, adquirir
maior importancia.
As plantas nacen, desenvólvense e morren. As nacións pobres tardan en
desenvolverse.
O equivalente EN CASTELÁN É DESARROLLAR

OBS. Ten dous participios: desenvolvido e desenvolto

Non é correcto por tanto dicir  “ Vou desenrolar o seguinte tema”* ou “Países desenrolados”

TESTEMUÑA e TESTEMUÑO

3. Testemuña  ≠  Testemuño

A testemuña (  FEMININO)
1. Persoa que ten coñecemento dun feito por telo comprobado cos seus sentidos, e do que dá fe.
2. Persoa que viu ou sentiu algunha cousa

O testemuño (  MASCULINO)
1.Declaración de alguén para certificar unha cousa que viu ou sentiu, para
establecer ou probar un feito.
Ex. Co testemuño que ofreceu a testemuña o inculpado foi declarado
inocente

2. Obxecto que un corredor entrega para dar fe da remuda.

Polo tanto será Carreira de remudas ou carreira de revezamentos.



Non á violencia de xénero

Para que serve o galego?

ESPAZO CINEMA

ESPAZO CINEMA é un proxecto do IES O Mosteirón que xorde pola iniciativa do EDLG ao crear édelingua producións audiovisuais.



ESPAZO CINEMA quere converterse nun foro alternativo á indiferenza, á preguiza, ao vandalismo, á intolerancia…
ESPAZO CINEMA ofrece cine, música, imaxe, palabras…
ESPAZO CINEMA defende os ideais de xustiza, solidariedade, educación, respecto, liberdade…
ESPAZO CINEMA quere darlle saída ás túas iniciativas culturais e artísticas.
ESPAZO CINEMA SOMOS TODOS.



O vindeiro luns, día 21 de novembro, ESPAZO CINEMA inicia a súa programación coa proxección do filme O ente. Despois, durante toda a semana, unha programación variada para loitar contra o maltrato ás mulleres.



16/11/11

PARA SABERMOS MÁIS DE TOPONIMIA

Moitos nomes de lugar teñen un significado transparente , outros son escuros e resulta un enigma saber a que responden.
A Lei de normalización lingüística  establece que a única forma oficial dos topónimos de Galicia é a galega.

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.
Vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España,
esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola enorme repartición da terra (minifundismo); pola orografía irregular e dificultosa do terreo; pola secular explotación dos recursos agrícolas, gandeiros e mariñeiros; pola abundante e variada flora e fauna; e, ao cabo, pola vontade de querer nomear cada anaco de terra.
Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.
Pola necesidade de conservar e coñecer os nosos topónimos ,naceu a idea no EDLG da divulgación dos nomes de lugar do noso concello;  por iso o alumnado de 3º de ESO , anda a facer pescudas sobre a toponimia de SADA.
Quizais sexa útil para aqueles que estean facendo este traballo ter en conta as seguintes informacións:


Os topónimos adoitan clasificarse seguindo un criterio semántico, dependendo dos conceptos a que fagan referencia:

Orografía ou constitución do terreo (orotopónimos)


Montouto; A Lomba; Pedreira; Seixal (lat. SAXU, ‘pedra’); A Pena, Penela; A Laxe; Lousame (‘onde abunda a
lousa’); Barreiro; A Lamosa; Arousa (‘onde hai area’); O Covelo...

Hidrografía, auga
(hidrotopónimos)


Agolada (lat. AQUA LATA, ‘auga canalizada’); Augasmestas (lat. AQUAS MIXTAS, ‘onde converxen dous ríos’);
Fontenla, Fontán; Caldas, Caldelas (lat. AQUAS CALIDAS, ‘augas quentes’); Regueiro; Foz; Esteiro (‘estuario’);
Insua; Fervenza; Fontecada (lat. FONTE CANALATA)...

Flora(fitotopónimos)



Carballeda; Soutelo; Castiñeira; Freixedo; Biduedo; Caramiñal; Canido (lat. CANNA ‘cana’); Liñares; Maceira,
Maceda; Xestoso; Amieiro, Ameal; Toxeira; Cerdedo; Reboredo (lat. ROBUR ‘carballo’); Sobredo; Sabucedo;
Carrascal; Fenteira, Fental; Painzal, Painceiros...
Fauna
(zootopónimos)


Lobeira; Oseira; Gulpilleiras (lat. VULPECULA ‘raposa’); Cabral; Corveiras; Leboreiro (lat. LEPORE ‘lebre’);
Miñoteira; Curuxeiras; Raposeiras; Cervás; Teixugueiras; Garduñeira; Porto de Eguas; Campobecerros;
Fonte Cabalos; Voitureira (lat. VULTURE ‘voitre’); Cova da Serpe...

Nomes de persoa
(antropotopónimos)


Vilapedre (‘vila de Pedro’); Portomarín (< PORTU MARINI, ‘porto de Mariño’); Chorente (< FLORENTII, ‘de
Florentius’)...

Relixión e nomes de santos
(haxiotopónimos)


Eirexa; Irixoa, Grixó (do lat. ECCLESIOLA); Mosteiro, Mosteirón; Donas (do lat. DOMINAS ‘monxas’); Celanova
(do lat. CELLA); A Capela; A Ermida; San Fins; Seoane, Seivane, Saiáns (lat. SANCTI IOHANNIS); Santa Baia
(lat. SANCTA EULALIA); Santo André, Santo Adrao; O Adro; O Sino (‘campanario’); O Igrexario...

Asentamento humano, núcleos de
poboación, propiedade, edificacións
e establecementos industriais


Vilela, Vilar; Casal; O Burgo (‘vila fortificada’); Castro; Quintela; Vigo (do lat. VICUS); Reguengo; Pazo; Torre;
Paredes; Cabana; Adega; Celeiros; Muros; O Folón; Ferrería, Ferreira, Ferreiroa...

Vías de comunicación

A Estrada, Portela, A Ponte, Pontecaldelas, A Brea, Verea, A Calzada, A Congostra, Carralcova...

15/11/11

XOVE* non significa “mozo”


Xove* 
O adxectivo xove para referirse ás persoas de pouca idade é incorrecto. No seu lugar cómpre dicir “novo”, “mozo”  ou “ rapaz”  ; cando se quere empregar o colectivo as formas máis frecuentes son mocidade, xuventude , rapazada…
EXEMPLO:
Uso incorrecto                            Uso correcto
Cando o meu avó era xove…. * → Cando o meu avó era novo
                                                Cando o meu avó era mozo
SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :

14/11/11

Lingua minoritaria?

ROTEIRO POR BETANZOS , CIDADE MEDIEVAL

 

 1º ROTEIRO : BETANZOS , CAPITAL DO ANTIGO REINO DE GALICIA:

Iniciamos os roteiros didácticos coa visita a Betanzos, capital do Antigo Reino de Galicia.

O historiador e arquiveiro Xosé María Veiga Ferreira serviunos de guía no Museo das Mariñas. Tivo a paciencia necesaria para nos instruír durante hora e media sobre os aspectos máis destacables do museo. Aras votivas, estelas funerarias, ánforas romanas, sartegos medievais...
Tamén nos amosou o arquivo (o submarino, como el lle chama) e os pergamiños máis antigos que posúen. Accedemos aos documentos que os historiadores consultan para escribir a historia.
  
Despois iniciamos o percorrido pola cidade medieval. Iniciamos o noso itinerario no palco da música, lembrando a Manuel Lugris Freire (sadense galeguista e académico) quen no ano 1907, nese mesmo lugar deu o primeiro discurso en lingua galega, dentro dun acto de corte agrarista.
Pasamos por todas as portas de entrada, visitamos as igrexas de Santa María, San Francisco e Santiago e as escolas García Naveira. Logo, subimos a costa dos Ferreiros e os rapaces e rapazas entenderon o que é o cume dun outeiro. A praza da constitución coa súa torre do reloxo, o pazo de Bendaña e o magnífico edificio do actual Museo da estampa e o gravado.

Xa por último, saíndo pola Porta da Vila, dirixímonos ao Carregal e paseamos polo que queda das "Hortas de don Xoán", o peculiar "Pasatempo" creado na última década do século XIX e nas primeiras do XX por un indiano, Xoán María García Naveira.
Xa cansos voltamos para o instituto. Dende Bela Vista unha última ollada á cidade dos cabaleiros e o recordo do seu dicir: "Betanceiros que queredes? Que suba o pan e baixe a caña".

ROTEIROS DIDÁCTICOS

ROTEIROS DIDÁCTICOS.
Os roteiros didácticos configúranse como unha das actividades máis importantes do departamento de Lingua Galega e Literatura e tamén do EDLG . Establécense por nivel e compleméntanse durante os catro anos de Secundaria Obrigatoria e os dous de Bacharelato. Son roteiros interdisciplinares nos que interveñen tamén outros  departamentos didácticos como os de Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Educación Física. Todo o alumnado que cursa os seus estudos no noso centro contará cunha experiencia en canto ao valor da cultura e da tradición literaria . Pero ademais os roteiros teñen tamén para nós un valor como dinamización lingüística. Todos van acompañados de actividades que implican interactuación en galego, a investigación lingüística en diferentes ámbitos, a comprensión do noso peculiar xeito de entender o mundo.
...............................................................................................................................................................

13/11/11

Calendario de novembro.

Calendario de novembro

O EDLG retoma a tradicional actividade de edición de calendarios. Este curso teremos un calendario lingüístico - literario  de 2012 para cada aula. Ademais  neste blog e na páxina web do centro, publicaremos calendarios mensuais nos que incluiremos explicacións e referencias relacionadas coa lingua e a literatura galegas ,( refráns, aclaracións lingüísticas, novas sobre a lingua, actividades do noso instituto...).
O noso desexo é que gusten e teñan utilidade para toda a comunidade escolar, así que podedes copialos ou imprimilos se queredes usalos.

Tamén podedes ver aquí algunhas mostras dos cursos pasados:

10/11/11

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O  25 deste mes é o día contra a violencia de xénero. Están programadas varias actividades no instituto en relación co tema. O EDLG ten expostas no recibidor do centro unhas fotografías  que amosan os efectos da violencia contra a muller. Convídasevos a que lles poñades vós o pé de foto , evidentemente en galego!!!

Por certo, o noso gran Castelao, sempre tan lúcido e do lado dos desfavorecidos, xa deu conta cos seus debuxos da violencia contra a muller  ( este é de Cousas da vida )

                                                          Ela  non me quería e mateina.

9/11/11

NOVA ENTREGA DE ACLARACIÓNS LINGÜÍSTICAS

Aportar  ≠  Achegar

Aportar: Chegar a porto
Achegar: (entre outros moitos significados). Proporcionar algo novo ou
distinto a unha determinada cousa.
NON É CORRECTO empregar a forma aportar en frases como:
Tiven que *aportar datos para demostrar a súa inocencia.
Fixo unha *aportación de 100€ para a excursión.
O CORRECTO é:
Tiven que achegar datos para demostrar a súa inocencia.
Fixo unha achega/ contribución  de 100€ para a excursión.

8/11/11

Édelingua producións audiovisuais

O vindeiro xoves, día 10 de novembro, comezaremos a rodaxe da nova curtametraxe de Édelingua producións audiovisuais do EDLG do IES O Mosteirón, Na oficina de obxectos perdidos, baseada nun texto de Séchu Sende. A nova produción estará realizada por Javier González (Genetic Films), coordinada por Xosé Seoane e protagonizada por Miriam Gudiña e Damián España.
Axiña comezaremos outra nova produción co título As laranxas celestinas, protagonizada por Miguel Rodríguez, Alejandra Sánchez, Jéssica Cajigal e Luci Pérez.
Se tes algún proxecto audiovisual e queres levalo a cabo, ponte en contacto co Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG).

6/11/11

A LINGUA SABE A PAN

Non perdades este lipdub do CPI Virxe da Saleta . É unha delicia.
 Lipdub do CPI Virxe da Saleta sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.

ACLARACIÓNS LINGÜÍSTICAS

Con este nome abrimos un espazo neste blog que pretende ser útil a toda a comunidade escolar. Nel recolleremos algunhas explicacións sobre equivocacións lingüísticas que se producen con frecuencia ao usarmos o galego. Iremos incrementando fichas de cando en vez como complemento do taboleiro de dúbidas que está exposto no Instituto.
Vai a primeira aclaración: OLLO, non é o mesmo POBO  que VILA


Pobo
 s.m..Conxunto de persoas que viven nun lugar determinado e teñen en común a lingua, as tradicións ou as institucións.
 Exemplo : O pobo galego emigrou masivamente no século XIX
Vila
s.f. Entidade de poboación máis pequena cá cidade e máis grande cá aldea, que en Galicia adoita ter un núcleo urbano e se-lo centro económico e administrativo dun concello ou dunha comarca.

NON É CORRECTO usar o termo pobo para referirse a lugar
Por exemplo: Vivo nun pobo moi bonito*→ Vivo nunha vila moi bonita

1/11/11

Fotografías de hai 30 anos ou máis




Buscamos fotografías de hai 30 anos ou máis para editar un libro.



Por exemplo, esta fotografía foi sacada en Sada hai unha chea de anos. Non sabemos quen son os seus protagonistas, pero de sabelo, fariamos esa mesma fotografía, cos mesmos protagonistas e no mesmo lugar. Serviríanos para apreciar os cambios que se produciron nestes anos.



Colabora co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e tráenos fotografías deste tipo. O único requisito é que deben ser fotografías de hai 30 ou máis anos e ter como fondo algunha paisaxe do concello de Sada.



Ponte en contacto co profesorado do EDLG.

VIDEOMATÓN DA LINGUA

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación presentou o mércores 5 de outubro na Aula 1 o "Videomatón da lingua", unha peza audiovisual breve realizada por alumnos e alumnas do centro na que distintos membros da comunidade universitaria falan da súa relación coa lingua galega. Seguro que te sentirás identificado/a con algún dos entrevistados.