14/11/11

ROTEIRO POR BETANZOS , CIDADE MEDIEVAL

 

 1º ROTEIRO : BETANZOS , CAPITAL DO ANTIGO REINO DE GALICIA:

Iniciamos os roteiros didácticos coa visita a Betanzos, capital do Antigo Reino de Galicia.

O historiador e arquiveiro Xosé María Veiga Ferreira serviunos de guía no Museo das Mariñas. Tivo a paciencia necesaria para nos instruír durante hora e media sobre os aspectos máis destacables do museo. Aras votivas, estelas funerarias, ánforas romanas, sartegos medievais...
Tamén nos amosou o arquivo (o submarino, como el lle chama) e os pergamiños máis antigos que posúen. Accedemos aos documentos que os historiadores consultan para escribir a historia.
  
Despois iniciamos o percorrido pola cidade medieval. Iniciamos o noso itinerario no palco da música, lembrando a Manuel Lugris Freire (sadense galeguista e académico) quen no ano 1907, nese mesmo lugar deu o primeiro discurso en lingua galega, dentro dun acto de corte agrarista.
Pasamos por todas as portas de entrada, visitamos as igrexas de Santa María, San Francisco e Santiago e as escolas García Naveira. Logo, subimos a costa dos Ferreiros e os rapaces e rapazas entenderon o que é o cume dun outeiro. A praza da constitución coa súa torre do reloxo, o pazo de Bendaña e o magnífico edificio do actual Museo da estampa e o gravado.

Xa por último, saíndo pola Porta da Vila, dirixímonos ao Carregal e paseamos polo que queda das "Hortas de don Xoán", o peculiar "Pasatempo" creado na última década do século XIX e nas primeiras do XX por un indiano, Xoán María García Naveira.
Xa cansos voltamos para o instituto. Dende Bela Vista unha última ollada á cidade dos cabaleiros e o recordo do seu dicir: "Betanceiros que queredes? Que suba o pan e baixe a caña".

No hay comentarios:

Publicar un comentario