10/10/12

Unha explicación

            A actividade de Édelingua quedou interrompida no verán , tras un proceso de adscrición no noso centro que desfixo e desmotivou o noso equipo. É por iso que o traballo  en común queda  temporalmente parado, e tamén as publicacións neste blog.
Oxalá que non tardemos en poder retomar o camiño comezado con Édelingua.
Grazas  a todos os que nos visitastes  no curso 2011-2012. 

30/6/12

A ÚLTIMA, QUE NON A DERRADEIRA

  Chegou a fin do curso e con ela a despedida, aproveito entón para facer unha aclaración lingüística que vén moito a conto, porque esta é a última entrada da temporada, pero non é a derradeira .
Moitas persoas por diferencialismo co castelán empregan a palabra "derradeiro" como sinónimo total de "último", mais non son totalmente equivalentes.
Vexamos o que di ao respecto o dicionario da RAG:
DERRADEIRO:  "Que remata definitivamente unha serie".
obs. Derradeiro pode equivaler a último, pero non todo o que é último é sempre o derradeiro.
Exemplo: Antes de morrer deixou escrita a súa derradeira vontade. sin. postremeiro, postremo(máis formais)
Outro  exemplo moi aclaratorio:
Gustoume moito o teu último libro, espero que non sexa o derradeiro.

Pois iso, que esta entrada é a última, pero non a derradeira .
Quedou claro?


FELIZ VERÁN A TODOS E TODAS

SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO PREME   NO SEGUINTE ENLACE :


Agustín Fernández Paz: Homenaxe e Premio

A Agustín Fernández Pazstalle reiterar, utilizando as palabras do escritor noruegués Jostein Gaarder, o seu empeño nunha loita explícita por acadar un status social digno para a literatura infantil e xuvenil. E ten como guía do seu labor as palabras que Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: «O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. Contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas. E se hai algo que estea claro nesta dieta, é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños.»
Non albiscamos a mellor palabra para definir a este enorme escritor e excelente persoa, que expón o seu propio discurso basado no pensamento de Cunqueiro. Parabéns, Agustín, xa estás entre os grandes da literatura, e iso non é pouco. Os que lemos as túas obras, nos recreamos nelas, de tal xeito, que xa non somos quen de fuxir do verbo preciso e da historia ben narrada. Grazas por mergullarnos nese mundo de soños irrepetibles ao longo de tantos anos. Seguiremos a túa senda con paixón e con orgullo coma ata agora. Estaremos moi atentos ás historias que saian do prelo.

PROPOSTO COMO DOUTOR HONORIS CAUSA 
O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo acordou onte por unanimidade propor o nomeamento de Agustín Fernández Paz como Doutor Honoris Causa por esta institución. A proposta deberá aínda ser aprobada polo Consello de Goberno da Universidade para ser efectiva. Este recoñecemento coincide coa convocatoria dunha homenaxe nacional ao escritor que promoveu a plataforma ProLingua e que se desenvolverá en Vigo o vindeiro día 30. A inscrición ao encontro está aberta.
 

«Fantasmas de luz», de Agustín Fernández Paz, Premio AELG ao mellor libro infantil e xuvenil

Desde hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles aos ollos das persoas que viven ao seu redor. Empregando recursos da novela fantástica e combinando o suspense cunha delicada melancolía, Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade. Fantasmas de luz tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón».

28/6/12

Leandro Lamas con poesía e música

A música de 2naFronteira cun poema de Manuel Rivas, serve como marco aos cadros do pintor Leandro Lamas. Un triángulo amoroso entre a arte, a literatura e a música.


27/6/12

Lectura de calidade

                    REXINA VEGA
BIOGRAFÍA
   
Vigo, 1966. Doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Sobre este autor ten publicados numerosos artigos e estudos, entre os que salienta Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, premio Carvalho Calero de investigación e Álvaro Cunqueiro e as amizades catalás, publicado en Edicións do Castro.
Este mesmo mes de decembro asina, xunto a César Morán, a edición da Fotobiografía sonora de Álvaro Cunqueiro, da editorial Ouvirmos.
Ven de publicar a novela Durk Butterfly, cuxo contido é a loucura como vivencia, a loucura como metáfora, como agudísima conciencia da dor de estar vivo. Esta é unha historia dura, triste, abrumadora, o relato da loita dunha corredora de marathon exhausta que procura o derradeiro alento para chegar á meta. Narrada nunha ambigua voz que camiña sobre o gume, que se amarra á linguaxe para non perderse, para exorcizar un mal que ameaza con esfarelar toda identidade, esta novela enfróntanos ao proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á escisión e a exclusión. Un literal descenso aos infernos ante o que a psiquiatría revela toda a súa impotencia. Dark butterfly é unha novela memorable, unha obra que deixa unha fonda pegada emotiva. A confirmación literaria dunha autora afouta que explora coa maior sutileza e profundidade unha das caras máis fráxiles e agochadas da condición humana.
Recomendamos esta excelente lectura para adultos
Vía: Axenda cultural AELGAxenda cultural AELG

24/6/12

LETRAS GALEGAS 2013

Roberto Vidal Bolaño será o autor homenaxeado 

      A Real Academia Galega decidiu, no plenario celebrado o 22 de xuño, dedicarlle as Letras Galegas no ano 2013 ao autor, director e actor teatral Roberto Vidal Bolaño (Compostela,1950-2002).
  O dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño foi un dos artífices da profesionalización do teatro galego, coa creación da primeira compañía, o Grupo Antroido. Ademais de con Antroido, tamén traballou co Centro Dramático Galego (CDG) e coa súa compañía propia, Teatro do aquí.
Vidal Bolaño foi actor, director e escritor de teatro, mais, en xeral, tamén un axitador cultural. Entre as súas obras teatrais escritas pódense sinalar, entre outras, Laudamuco, señor de Ningures (1976), Bailadela da morte ditosa (1980), Agasallo de sombras (1992), As actas escuras (1994), Doentes (1998), A ópera de a patacón (1998) ou Animaliños (2003), moitas delas, ademais de escritas, tamén dirixidas por el mesmo ou levadas aos escenarios por diversas compañías.

Declaracións de Vidal Bolaño:
[...Malia o recoñecemento do que son obxecto os nosos autores dentro da literatura dramática peninsular deste século, seguen a ser uns descoñecidos entre nós. Fóra dos libros do Centro Dramático Galego e da colección Teatro nas Aulas da ASPG, non existe ningunha editorial que manteña compromiso ningún co teatro. O ensino, de tanta importancia dinamizadora en canto á lectura e á existencia mesma doutros xéneros e ó coñecemento da obra dos nosos escritores, ignora case absolutamente o teatro en canto feito literario, e só tanxencialmente se achega a el en canto feito escénico. Non existen axudas á creación, nin estímulos para que cheguen ós escenarios con regularidade as obras dos nosos autores vivos. A mesma realidade que permite que sobrevivan con máis ou menos dignidade arredor de douscentos profesionais da interpretación, da dirección, da escenografía ou de oficios auxiliares como eléctricos, técnicos de escena, de son, etc., non permite que un só autor viva do seu traballo como tal, malia que estree con relativa frecuencia e exitosamente...] En Perspectivas do teatro galego actual,  Editorial eDixital,2002, A Coruña.

A noite máxica


Cachela de San Xoán (Castelao)
                    Galicia prepárase para pasar a noite de San Xoán con cacharelas, sardiñas e viño
Cacheira, cachela, fogueira, lumarada, lumeirada, lumieira, cachaza, cacharela, lumazo sexa cal sexa o nome que se lle dea, esta noite todos estaremos pendentes de ir ás fogueiras de san Xoán. E mentres miramos ao ceo para ver se a chuvia tampouco se perde a festa, ofrecemos unha listaxe de cousas que debes facer para non perder detalle na fogueira.
O costume de reunirse, comer, beber e danzar ao redor das fogueiras no solsticio de verán remóntase aos tempos nos que os celtas celebraban a festa de "Beltaine" ou "Beldán", a festa do Sol que festexaba cando este está no seu punto máis álxido. O que dá paso do solsticio de verán ao de inverno.
Esta noite máxica desde os tempos máis remotos, e que coincide coa celebración do solsticio de verán (a noite máis curta do ano), ten na nosa terra unhas características moi especiais. É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas; da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo; e tamén do mundo vexetal.
Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañá tódolos membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.
Algunhas herbas varían segundo a zona, pero hai moitas que aparecen en todas elas. A estas imos dedicar un pequeno espazo da nosa páxina.
As rosas son as primeiras: (Aínda que hai que hai que salientar que sete son as herbas imprescindibles: Herba de San Xoán, Fento Macho, Fiuncho, Malva, Herba Luisa, Romeu e Codeso).

Fiuncho
Herba de San Xoán
Coas herbas recollidas na noite de San Xoán facíanse os 'cachos', mellor con auga de setefontes.
As herbas, atadas nun feixe, deixábanse nun caldeiro con auga, toda a noite, ó sereno (para a bendición do San Xoán).
Á mañá seguinte, lavábanse coa auga e gardaban as herbas que secaban ó sol, para logo usar como menciñas.
Curábanse tamén os nenos do enganido, fendendo en dous un carballo e pasando o neno pola fenda. Interviñan dous Marías ou unha e un Xoán, dicindo: "Toma María. Daca Xoán. Doucho crebado. Darásmo sán". Atan de novo á árbore e  sóldase; o neno cura.
Tamén hai a crenza de que se as mozas meten as herbas baixo da almofada, coñecerán quen vai selo seu home. Pendurando do leito as herbas de San Xoán, pódese saber a  sorte dos ausentes.
Tamén saltando as fogueiras, feitas con leña verde para afumar ás bruxas, pódese saber o futuro. As mozas que salten ou 'salven' a fogueira un número impar de veces, sen tocar o lume, casarán dentro dun ano. Terán que facer a invocación:
"Salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cobra nin can".
"Dios te dou, Dios te criou, Dios che saque esta ollada se alguén cha botou. Antes que o mal sexa visto, naceu Cristo. Morra este mal e viva Cristo"
A borralla da fogueira tirámola cara á un río dicindo: "Demo maldito vaite de aí. Aí vai a borralla de San Xoán atrás de ti. Dios te leve ó mar onde non cantou galiña nin galo. E a que cantou, levouna o diaño".

Pepe Carreiro lanza A noite das cacharelas un novo álbum de Os Barbanzóns. 


Os máis famosos habitantes do castro de Baroña, Os Barbanzóns, teñen unha nova aventura nas librarías. Toxosoutos acaba de publicar, logo de cinco anos, a cuarta entrega desta serie de BD guionizada e debuxada por Pepe Carreiro. A noite das cacharelas explica a humorística visión deste autor sobre o xeito no que se celebraba o solsticio de verán na época castrexa. O álbum de 48 páxinas ea toda cor, está dispoñible  nas librarías.
 

22/6/12

Concurso de Relatos

   I Certame de Relatos de Verán

O verán xa está aquí! Unha época perfecta para descansar, relaxarse e deixar voar a creatividade. E como diso sabemos que abunda na rede, aquí vai a nosa proposta estival:
Redelibros
convoca o 
I Certame de Relatos de Verán

BASES

Requisitos. Poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos, de calquera nacionalidade. Cada autor poderá presentar un máximo de dous relatos, sempre que sexan orixinais e inéditos. As obras poden estar escritas en galego ou castelán e en forma narrativa. A extensión mínima dos relatos é de 4.000 matrices (caracteres con espazos) e máxima de 10.000 (entre 2 e 6 páxinas estándar).

Temática. Evidentemente, o verán. As historias que saen á luz coa calor, as vacacións, o tempo de lecer. O verán urbano, o verán de praia, o verán na naturaleza. A vida despexada (ou non) da estación da calor.

Presentación das obras. Para participar no certame, o/a autor/a deberá rexistrarse como usuario na Redelibros. Para presentar os relatos, deberá publicalos na sección "Textos" da rede social e seleccionar, no momento de facelo, a categoría "Relatos de verán" creada ao efecto.

Votacións. Concordando coa filosofía participativa da rede, os relatos subidos serán votados e comentados por todos os usuarios de Redelibros que así o desexen mediante o sistema de valoración por estrelas que aparece na parte inferior de cada texto subido. Só entrarán na selección final os relatos que teñan un mínimo de cinco valoracións de usuarios. Por este método elixiranse os dez primeiros clasificados. Paralelamente, un xurado elixido por Redelibros seleccionará dous relatos máis (que poden coincidir ou non cos máis votados). O anuncio definitivo dos seleccionados farase 21 de setembro de 2012.

Prazo de admisión. O prazo de admisión dos relatos comprenderá dos días 21 de xuño ao 31 de agosto de 2012. O prazo de votación comprenderá dende o mesmo 21 de xuño ata o xoves 20 de setembro.

Premios. Os relatos seleccionados serán publicados por Redelibros nun volume en formato epub e distribuídos de balde na rede. O autor do relato que obteña a valoración máis alta por parte dos redelibreiros recibirá ademais un ereader (libro electrónico).

Propiedade. Redelibros resérvase o dereito de edición e publicación da edición do volume seleccionado. Non obstante, os autores conservarán todos os dereitos sobre os seus traballos e serán libres de editar ou publicar os seus relatos de calquera outra forma ou con calquera outra editorial. No caso de que as obras premiadas sexan obxecto de posteriores publicacións, deberán levar en lugar visible a reseña de que foron Premio do I Certame de Relatos de Verán convocado por Redelibros.

Organización. A organización resérvase o dereito de tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que considere que poden contribuír a un maior éxito do certame.

En Galiza, a 20 de xuño de 2012

Anímate a participar!


21/6/12

Día europeo da música

Iniciada en Francia en 1982 como "Festa da Música" e asumida como celebración europea en 1985 (Ano Europeo da Música),no solsticio de verán (21 de xuño) celébrase na Unión Europea unha xornada destinada a promover o intercambio cultural entre os pobos a través da música baseado nos seguintes principios: aberto a todos os tipos de música, aberto a músicos profesionais e afeccionado de calquera idade, a celebración, a ser posible, en espazos abertos, e con eventos gratuítos.
Aproveitamos esta conmemoración para difundir dous dos traballos de música máis recentes en Galicia:


O último traballo de Luar na Lubre, Mar Maior, inicia o seu percurso cunha boas cifras de vendas. Na mesma semana do seu lanzamento, o pasado 5 de xuño, o disco acadaba situarse como o 31 disco máis vendido do Estado. O álbum que supón a estrea de Paula Rey como vocalista do grupo, está editado por Warner Music e inspírase no coñecidoLibro das invasións que fala sobre os mitos e a historia antiga de Irlanda. Música medieval mestúrase coa tradición galego portuguesa e composicións propias neste proxecto.


PELDENOZ 
Temas da tradición galega pasados polo filtro de estilos coma jazz, swing, blues, soul, contemporánea, tango ou rock. Esta é a proposta que fai o dúo Peldenoz ( Alonso Caxade ao acordeón e Alberto Rodríguez ao contrabaixo )en jazz & trad, o seu primeiro disco autoeditado, que está a chegar estes días ás tendas e que se pode escoitar tamén na rede. 
uPELDENOZ - jazz & trad (2012) | FUSIóN || MeGA || música en galicia

19/6/12

Medra lendo

Esta entrada de Trafegando Ronseis é unha despedida tan fermosa que non nos resistimos a poñela aquí. Grazas polo traballo constante deste blog e polo labor dinamizador dos seus autores.
LER NON É CLANDESTINO
Á hora de comezar esta entrada, un nó na gorxa atenázame. Non sei o que vou escribir, aínda que si sei todo o que vou obviar porque o espazo é o que é. Esta é a miña despedida de Forcarei, volvo para o próximo curso á miña praza de Silleda. Estar en Forcarei estes dous cursos foi un luxo. Dous equipos directivos diferentes que confiaron en min plenamente para dinamizar a biblioteca, que me apoiaron constantemente en todas as actividades, que me sorriron... canto vale un sorriso para non sentirse só! Con compañeiras que levo no corazón para sempre...
A isto súmase unha circunstancia especial que me fai agradecerlle á vida a súa xenerosidade. Coñecer a Anxo en Silleda e traballar con el cóbado con cóbado aqueles tantos anos fixo que a nosa amizade superara  calquera expectativa. Non crin que fósemos coincidir nunca máis. E aquí estamos, un curso máis. Non sei se é moi arriscado dicir que Anxo é o meu complemento perfecto: como explicar esta interacción laboral? Son  moitos os recordos que nos unen, teño que admitir que ten a capacidade de comprenderme perfectamente e de facerme poñer os pés na terra cando chego coas miñas ideas. Realmente, a Consellería non debería permitir que se desfaga este tándem!
Para despedirme de Forcarei quería facer algo especial: un vídeo de Fomento da Lectura. Penseino hai moitos meses: mesmo elixira unha canción de fondo para facelo. Pero o decorrer dos días foi atrasando a iniciativa e un día chegou Anxo: "sei a canción ideal para o vídeo". E puxémonos a redactar. Claro que contar co oído de Anxo para escribir unha canción sobre un tema determinado é indispensable. Pretendía eu  reflectir todo o que a lectura nos ofrece e quedaron palabras esparexidas nos folios empregados. Pero aquí está. E creo que o resultado é ben positivo!
O resto é froito do seu labor e da súa infinita paciencia. El pon esa voz de luxo que vai envexar Manu Chao. El manexa a cámara e fai a composición. Así despídese calquera! Estou emocionada co resultado: agardo que vos guste tanto como a min.
Como despedirme da dinamización da biblioteca? Por que un vídeo de fomento da lectura?
Fomentamos a lectura porque cremos nela como un Valor. Ese Valor ausente na nosa sociedade de consumo sen reparos en ser deshonestos cunha soa relixión: o diñeiro.
Cremos na lectura como solución.
Cremos na lectura como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría.
Cremos na lectura como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do horizonte sen fin.
Cremos na lectura como CULTURA.
E sobre todo cremos na lectura no noso idioma, na nosa lingua. Porque só defendendo ambas cousas, LINGUA E CULTURA, o noso país terá futuro de seu.

Este vídeo é froito do meu amor polos libros, do meu amor pola biblioteca, da crenza básica de que as actividades son indispensables nos centros de ensino e de que, sobre todo no rural, o labor profesional docente ten que ir máis alá dunha simple clase de lingua ou de matemáticas. Tanto Anxo coma min cremos na nosa profesión e sentímonos orgullosos dela. Dámoslle moitas máis horas das nosas vidas das que ninguén pode supoñer. Pero somos conscientes de que o noso alumnado é o futuro. E o futuro está nas nosas mans.

18/6/12

Eu tamén o falo

          Katja Bode é alumna do máster de Tradución en Leipzig (Alemaña) e estuda galego dende hai nove meses. Estivo de Erasmus en Santiago de Compostela e quedou namorada de Galicia e da cultura galega. Neste vídeo, gravado no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig, cóntanos o gran potencial que lle ve á lingua galega.


17/6/12

Marcos Calveiro gañador do Premio Merlín

        Marcos Calveiro , ao que tivemos a sorte de ter connosco en Mosteirón o curso pasado , acaba de recibir este mes o Premio Merlín de literatura infantil pola obra Palabras de auga que narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. 
       Segundo os membros do xurado «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia».
       Explica o autor que o xerme da novela é unha nova nun xornal na que se falaba das chamadas “termitières”, mulleres que no Chad para alimentar aos seus fillos recollen o gran nos formigueiros. "Esa imaxe, a dunha nai roubándolles o alimento ás formigas, impresionoume de tal xeito que me me empurrou a escribir esta novela". Unha homenaxe a esas mulleres africanas que malia a súa discriminación social son os verdadeiros alicerces das súas familias e tribos.

15/6/12

Recoñecemento a un excelente escritor

HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ 
      O acto, que se celebrará na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia  de Vigo e  irá seguido dun xantar, está organizado pola plataforma cidadá ProLingua e será conducido por Rosa Aneiros.Os promotores salientan que a homenaxe quere ser un "acto de afecto á persoa" e tamén de "recoñecemento ao traballo que realiza Agustín". Os seus libros gozan do aprecio dos lectores, e moitos deles coñecen numerosas edicións. Algúns, como Cartas de inverno, Trece anos de Branca ou As fadas verdes, superaron a fronteira dos cen mil exemplares vendidos. A Agustín Fernández Paz gústalle reiterar, utilizando as palabras do escritor noruegués Jostein Gaarder, o seu empeño nunha loita explícita por acadar un status social digno para a literatura infantil e xuvenil. E ten como guía do seu labor as palabras que Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: “O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. Contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas. E se hai algo que estea claro nesta dieta, é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños.

14/6/12

A Filla da Ría de Prata (documental)

É un documental que nos ofrece unha visión moi persoal do concello de Sada. Forma parte do proxecto didáctico do ámbito lingüístico e social deseñado e desenvolvido por Xosé Anxo Seoane Cao co alumnado de 4º de PDC no IES O Mosteirón no curso 2011/2012. Complementa a guía do concello de Sada editada tamén dentro deste proxecto. Javier González Garrido encargouse da cámara e da montaxe; Katherine, Pamela, Adrián, Marcela, Anna, Héctor, Álex, Nerea, Lucía e Thiago da documentación. Foi producida por Édelingua.

13/6/12

A Filla da Ría de Prata ( Guía de Sada)

        A guía de Sada que mostramos a continuación, é o resultado dun proxecto de traballo dentro do programa  Galicia: para vivírmola deseñado e desenvolvido no noso centro para o alumnado de PDC ( Programa de diversificación curricular)   baixo a coordinación do profesor Xosé Seoane Cao . 
           Este documento , resultado da suma de traballos escolares  nun longo proceso, recolle  a información máis relevante do concello de Sada e compleméntase cun folleto turístico , unha presentación audiovisual , unha exposición de hórreos , cruceiros , fontes e lavadoiros e un documental ( que tamén publicaremos neste blog en breve). Dedícase o traballo a Isaac Díaz Pardo , galeguista histórico e exemplo a seguir, no ano do seu pasamento.




12/6/12

A expedición dos libros


         Os alumnos de 3º de ESO/PDC, fixeron unha breve escenificación libre da obra de lectura, A expedición dos libros, de Vicente Muñoz Puelles. A historia trata sobre unha morea de libros que levan xa un tempo nos andeis da biblioteca situada no soto dunha casa de aldea. Alí, un bo día, falan entre eles xa que están angustiados por non ser lidos, porque os amos da casa marcharon e eles se senten “presos” e faltos de liberdade. Un día calquera entran uns ladróns na casa; entón, encabezados polo Sabuxo de Baskerville e O Quinto Tomo de Xullo Verne, deciden facer unha expedición por esta; pero os ladróns fuxiron ao non atopar nada interesante. Mais non conformes con isto, e á proposta da República, deciden saír á Gran Cidade na procura dos seus amos.

11/6/12

Fotos da presentación de Édelingua

Trasladamos ao noso blog as fotografías da presentación de Édelingua. Foron  feitas por Inés de Nieves para o blog da Esperela, pero creo que non lle importará que llas copiemos aquí.
Grazas Inés , creo que proximamente teremos tamén un vídeo que recolla os mellores momentos .

9/6/12

VISITA AO CENTRO DE ABRAHAM CARREIRO



O pasado xoves, 7 de maio, tivemos a sorte de contar no noso centro con Abraham Carreiro,autor de Xoeliki, aventuras dun ciberpirata . A actividade foi organizada polo departamento de Lingua galega e literatura , que incluíu na súa programación a lectura do seu libro neste trimestre, e que resultou ter un grande éxito entre o alumnado. Abraham presentou os seus piratas cibernéticos  mentres facía debuxos dos personaxes do libro. Os rapaces permaneceron  interesados e atentos  e formularon moitísimas preguntas ao final da súa charla. Incluso, Xosé Píriz de 1º de ESO, tivo tempo de facerlle unha caricatura coa que o agasallou  ao remate . Poñémola  aquí para que vexades o grande potencial deste rapaz que case lle fai a competencia a Abraham. Aos que desfrutastes con esta lectura, deixámosvos o enlace á páxina oficial do libro e anunciámosvos a aparición próxima da segunda parte (" Xoeliki 2, novas aventuras" )


7/6/12

O noso Deporte, na nosa Lingua


O Celta co galego
Balaídos fala galego dende hai décadas. O serán do ascenso foi outra manifestación da lealtade e respecto do Celta co noso idioma, xa que a lingua galega foi a vehicular na festa do ascenso. A cartelaría e sinalética, as intervencións do animador, dos membros de «A Roda» e do resto dos grupos musicais, todo en galego. Outrosí sucedeu coas entrevistas da maioría dos xogadores galegos na TVG ou a presenza de bandeiras galegas no campo, mostras de que o noso equipo ten raíces moi ben chantadas na terra. Este Celta galego é unha fachenda para todos.


Vía   BRÉTEMAS

3/6/12

PRESENTACIÓN DE ÉDELINGUA



                         

A FILLA DA RÍA DE PRATA. MÁIS QUE UN DOCUMENTAL

       A Filla da Ría de Prata é o título dun documental producido por Édelingua, pero tamén é o título da guía básica do concello de Sada que editaron os alumnos e alumnas de 4º de PDC do noso instituto baixo a coordinación do profesor do ámbito lingüístico e social, Xosé Seoane.
Esta guía inclúe ademais o traballo de campo realizado para a exposición de hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada e tamén dípticos turísticos de Sada en galego, castelán e inglés. 


     O proxecto parte dunha selección cultural de datos realizada con criterios de relevancia pedagóxica. Esta relevancia vén dada, non pola cantidade de información ateigada, senón polo desenvolvemento da capacidade de analizar e comprender globalmente a realidade.  Por outra banda, esquecer quen somos e de onde vimos é perder a memoria histórica, é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva,do entorno máis inmediato, da humilde beleza do noso é outro dos obxectivos que se pretenden conseguir con este proxecto. Por iso este enfoque non pretende a memorización dos contidos, nin tampouco a súa reprodución. Pretende crear situacións e experiencias de aprendizaxe nas que, a través da análise da información, a discusión, a indagación e o punto de vista compartido, os alumnos e alumnas sexan quen de construír os seus propios coñecementos. Isto ademais contribuirá a crear as condicións necesarias para que sigan interesándose pola cultura social e sigan aprendendo no futuro. En definitiva, preténdese capacitalos para a súa realización persoal, para o exercicio da cidadanía activa, para a incorporación satisfactoria á vida adulta e para o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da súa vida.
    Esta guía é a suma dos traballos individuais elaborados polo alumnado baixo a coordinación do profesor. É o resultado final dun longo proceso. Este proceso de elaboración partiu da busca e selección da información máis relevante do concello de Sada, consultando as máis diversas fontes, e remata coa edición desta guía práctica e sinxela que recolle todos aqueles aspectos importantes que todos os sadenses deben saber do entorno no que viven. 
    Con este e outros proxectos de traballo similares,  os nosos alumnos e as nosas alumnas acadarán o obxectivo fundamental da educación: convertérense en cidadáns informados que sexan quen de interpretar a realidade social de xeito reflexivo e crítico, e que saiban comunicarse e relacionarse cos demais empregando correctamente os códigos da cultura social e así dese xeito poder levar a cabo o seu proxecto persoal de vida.