25/10/11

Proxecto de actividades de dinamización lingüística

1. BREVE ESTUDO SOCIOLINGÜÍSTICO
O IES Mosteirón, como tal, iniciou a súa andaina no curso escolar
2007/2008, logo da desagregación do CPI O Mosteirón, desvinculado no
curso 2006/2007 do Instituto Social da Mariña. Esta transformación de
Colexio O Mosteirón, dependente do ISM, con residencia de alumnado
incluída, en instituto de educación secundaria dentro da rede pública,
motivou un cambio significativo ao longo destes últimos anos en canto á
procedencia do alumnado. Antes, procedentes das distintas vilas mariñeiras
de Galicia cunha presenza notoria de alumnado galegofalante e, agora,
maioritariamente da área de influencia do concello de Sada,
maioritariamente castelanfalante.
Está demostrado que o galego ten máis presenza no rural e menos nas
cidades e que os valores de bilingüismo están máis presentes en vilas como
Sada, aínda que a súa proximidade á cidade determina claramente o seu
carácter urbano e a progresiva castelanización do seu entorno, sobre todo
nos máis novos. Esta circunstancia depende claramente da configuración
social do territorio que está a vertebrar un novo modelo do espazo no que o
trazo característico é a aparición das áreas metropolitanas.
Por outra banda, os usos na familia tenden a castelanizarse nestes
últimos anos, algo que tamén resulta evidente no noso contorno.
A escolarización en galego influíu positivamente na competencia
lingüística, sobre todo nos tramos de idade que recibiron o ensino do
galego, sen embargo esta maior competencia non se traslada aos niveis de
uso agardados.
Entendemos por lingua inicial ou materna aquela que o individuo
aprende a falar. É a que os pais lles transmiten aos seus fillos cando estes
aprenden a falar.
Un dos factores determinantes no descenso do uso da lingua galega
está precisamente na perda do galego como lingua materna. Os pais, a
pesar de que en casos son galegofalantes habituais, mudan a súa lingua
para se dirixiren aos seus fillos.
Soamente o 4 % do alumnado do noso centro ten o galego como lingua
inicial ou materna.
A lingua habitual é a lingua que se emprega a cotío nas diferentes
relacións comunicativas e nos distintos ámbitos.
O castelán é a lingua habitual na gran maioría do alumnado en todos
os ámbitos comunicativos. A presenza do valor "só en galego" percíbese nas
relacións familiares, nunhas porcentaxes moi similares a aqueles que teñen
o galego como lingua materna. Destaca neste sentido a maior porcentaxe de
alumnos que usan o galego nas relacións cos avós, porcentaxe que diminúe
significativamente no caso dos pais e dos compañeiros e amigos. Esta
circunstancia está en relación coa perda de galegofalantes conforme a idade
dos individuos é menor. Por outra banda, é moi significativo o feito da
pouca presenza do galego nas relacións cos compañeiros e cos profesores, é
dicir, no ámbito escolar, a pesar do seu uso nas materias de obrigado
cumprimento.
Tendo en conta as catro destrezas básicas (entender, falar, ler,
escribir) que determinan o nivel de competencia lingüística, o alumnado
considérase máis competente no uso do castelán que no uso do galego.
Obviamente o nivel de competencia diminúe na escrita e na lectura. Todos e
todas manifestan entender e saber falar en galego, sen embargo esa
competencia lingüística non se traduce en galegofalantes habituais.
En galego a media situaría as súas destrezas básicas no nivel
“bastante”. En castelán en “moito”. A percepción que os alumnos e alumnas
teñen é de que acadan máis competencia lingüística en castelán ca en
galego. Nunha cualificación numérica de 0 a 10 as notas medias que eles se
outorgarían serían: castelán:9,25; galego:8.
É lóxica esta percepción xa que está relacionada directamente coas
porcentaxes evidenciadas pola lingua habitual, claramente favorábeis para
o castelán. A competencia lingüística en calquera lingua acádase polo seu
uso nos diferentes ámbitos e situacións comunicativas. Deberemos ter en
conta ademais cales son as razóns polas que un individuo, aínda tendo
competencia nunha lingua, non a usa.
As actitudes cara a unha lingua son fundamentais á hora de utilizala
ou non. No caso da lingua galega a existencia de prexuízos individuais e
sociais determina que moitos posíbeis falantes non cheguen a facer efectiva
a súa competencia. Calquera plan de actuación para a normalización
lingüística que leve consigo o medre progresivo do uso da lingua propia ten
que incluír necesariamente estratexias para vencer e superar vellos e novos
prexuízos lingüísticos. As linguas están por riba dos argumentos prácticos
e mesmamente do número de falantes que posúan ou da súa utilidade para
se relacionar comercial ou persoalmente con falantes doutros lugares do
mundo. Á marxe deses aspectos está a identidade dun pobo, a
peculiaridade que nos pode definir, nunca para arredarnos do mundo,
senón todo o contrario, para que dende a nosa orixinalidade poidamos
ofrecerlles aos demais o mellor de nós mesmos, e connosco, a nosa lingua
propia, o galego.
Estes datos poñen en evidencia, entre outros aspectos, que o proceso
de dinamización e de fomento do uso da lingua galega no ensino resúltalle
indiferente a unha grande porcentaxe de alumnos. Tamén é moi
significativo que máis da cuarta parte do alumnado entrevistado amose
unha actitude desfavorable ao proceso de normalización do galego, tanto a
nivel educativo como a nivel social.
A xeito de conclusións, no referente ao alumnado, o castelán é a
lingua inicial ou materna do 69% do alumnado e soamente un 4% teñen o
galego como lingua inicial. Aínda no caso de pais galegofalantes, o castelán
é a lingua maioritaria de transmisión e de relación pais/fillos.
Conforme os rapaces e rapazas se van socializando, a presenza do
galego en situacións comunicativas á marxe das puramente académicas
vaise reducindo progresivamente.
Consideran os alumnos e alumnas que teñen maior competencia
lingüística en castelán ca en galego.
Para aumentar o número de galegofalantes cómpre levar a cabo
estratexias para vencer os prexuízos lingüísticos existentes en contra da
lingua galega.
A competencia lingüística en lingua galega dos alumnos e alumnas
non se traslada ao seu uso real. Os usos da lingua galega como lingua
habitual redúcense a aqueles ámbitos académicos nos que o seu uso é
obrigatorio.
Con respecto ao profesorado, vinte e un empregan o castelán como
lingua habitual fóra do ámbito escolar, cinco alternan castelán e galego e
sete empregan soamente o galego.
No ámbito escolar, vinte empregan o castelán, nove o galego e catro
galego e castelán.

Proxecto 2011/2012.
14
3.5. Organización da II Mostra Intercultural.
No centro temos alumnado e profesorado de distintas procedencias. Co
esforzo de todos elaboramos a I Mostra Intercultural, con presenza de 12
países. Degustación de produtos típicos, música popular e exposición de
murais foron as actividades que forneceron a Mostra. Organizaremos a II
Mostra coa intención de implicar a todos os membros da comunidade
educativa para que transcenda máis alá do centro. Consideramos esta unha
actividade fundamental para vencer prexuízos lingüísticos, culturais e
sociais. Pretendemos fomentar a cultura dende a tolerancia, o respecto
mutuo e o coñecemento.
Imaxes correspondentes á I Mostra Intercultural.
Proxecto 2011/2012.
15
3.6. Edición trimestral do boletín informativo do Equipo de
Dinamización da Lingua Galega.
Este é un proxecto que non acabou de callar o pasado curso escolar,
en parte porque empregamos a páxina web do propio centro para dar conta
de todas as actividades desenvolvidas. Por outra banda, o traballo realizado
por cada clase para o taboleiro de dinamización do galego converteuse nun
xornal mural que eclipsou o intento de editar unha publicación estable.
Porén, con pulo renovado, tanto a edición dixital como en papel do boletín
Édelingua, serán dúas liñas de actuación prioritarias para o vindeiro curso.
Édelingua
Revista trimestral editada polo EDLG do IES O Mosteirón de Sada. Outubro-decembro 2011
3.7. Creación do caderno de bitácora do Equipo de
Dinamización da Lingua Galega.
édelingua
Caderno de bitácora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O
Mosteirón, de Sada, para compartir inquedanzas, experiencias, reflexións e
materiais sobre calquera aspecto relacionado coa lingua galega.
http://edelingua.blogspot.com/
Proxecto 2011/2012.
16
3.8. Organización e posta en marcha do proxecto EDLG:
obradoiros creativos.
Trátase de crear dentro do EDLG dúas grandes seccións creativas:
unha literaria e outra audiovisual. Ambas as dúas seccións estarán
integradas por profesorado e alumnado fundamentalmente, pero estarán
abertas á participación de calquera membro da comunidade educativa. O
obxectivo básico será a produción audiovisual e literaria.
Os tres primeiros proxectos da sección audiovisual serán a produción
das seguintes cintas:
 Vídeo de promoción da lingua galega. Duración, 3 min.
 Documental de promoción do concello de Sada. Duración 10
min.
 Curtametraxe de ficción. Duración 18 min.
A sección literaria terá como obxectivo fundamental o
desenvolvemento de técnicas de creación literaria entre o alumnado e a
posterior publicación dos traballos realizados a través do boletín trimestral
e do caderno de bitácora “édelingua”.
3.9. Organización de encontros con autores, charlas e
obradoiros.
Colaboraremos cos distintos departamentos didácticos e coa biblioteca
na organización de encontros con autores, charlas e obradoiros.
3.10. Certames e concursos:
Trátase de motivar e fomentar a participación do alumnado nos
distintos certames e concursos que se veñen desenvolvendo no noso centro
e na súa área de influencia. Son certames organizados no centro, nalgún
caso nunha primeira fase, e tamén organizados por outras institucións.
3.10.1. Concurso de tarxetas de Nadal:
A organización deste concurso estará coordinada co concello de Sada e
posibilitaremos a participación do alumnado no concurso a nivel municipal.
Proxecto 2011/2012.
17
3.10.2. Certame literario Amor… en cen palabras.
Amor… en cen palabras (microrrelatos de amor), poemas e cartas de
amor.
Cartel de entrega de premios da pasada edición.
3.10.3. Concursos de recitado de poesía e de narración oral de contos.
Desenvolverase durante os recreos das dúas semanas das Letras
Galegas.
3.10.4. Concurso de poesía e de relato curto.
Desenvolverase previamente ao desenvolvemento de todas as
actividades programadas dentro das Letras Galegas.
3.10.5. Concurso de fotografía.
O tema central das fotografías debe servir de base para a ilustración
de textos literarios previamente seleccionados polo EDLG e que figurarán
nas bases do concurso.
3.10.6. Cartel e lema sobre a lingua galega.
Concurso no que os participantes deberán elaborar alusivo ao uso da
lingua galega a través dun lema e unha ilustración.
Proxecto 2011/2012.
18
3.11. Conmemoración de datas sinaladas.
3.11.1. Día da muller traballadora.
Elaboración dunha exposición sobre a muller galega. Mulleres galegas
cuxa vida ss poida destacar como paradigma de dignidade para as novas
xeracións.
Vista parcial da exposición elaborada o pasado curso.
3.11.2. Día do libro.
Maratón de lectura en lingua galega e mostra das novidades editoriais
máis significativas.
Imaxe dos actos do pasado curso.
3.11.3. Entroido.
Recreación da celebración tradicional. Gala de Entroido. Degustación
de produtos típicos de Entroido e Concurso de disfraces.
Proxecto 2011/2012.
19
Este ano como novidade introduciremos a figura do “Meco”, elaborado
nas aulas de Plástica, e faremos un concurso de testamentos por aula.
Fotografía do concurso de disfraces do ano 2011.
3.12. Semana das Letras Galegas
Exposición sobre as Letras Galegas e sobre Valentín Paz Andrade.
Desenvolvemento dos certames de recitado de poemas e narración
oral de contos.
Ciclo de curtametraxes galegas.
Presentacións audiovisuais elaboradas polo EDLG.
Colocación na Galería das Letras Galegas da fotografía de Valentín
Paz Andrade.
Galería das Letras Galegas.
Proxecto 2011/2012.
20
3.13. A mocidade coa lingua.
Fomentaremos a participación dun grupo no XII Certame musical “A
Mocidade coa nosa lingua”.
3.14. Participación no Correlingua.
O Equipo participará na edición anual do Correlingua, tanto nos
concursos de manifesto e pancarta, como na carreira a desenvolver na
cidade da Coruña.
3.15. Taboleiro de dinamización lingüística.
Basicamente consiste nun taboleiro dedicado exclusivamente para
actividades de dinamización lingüística. Énchese con recortes de prensa
relacionados coa lingua, ou simplemente novas escritas en galego. Acolle o
periódico mural que elaboran distintos grupos de traballo. Repártense as
semanas do curso entre as distintas clases e encargánse periodicamente de
mantelo ao día.
Imaxe do taboleiro de dinamización lingüística.
Este ano crearemos un novo taboleiro de dinamización lingüística que
contará con tres seccións:
a) Flores: Sección dedicada aos parabéns, ás felicitación a persoas ou
accións positivas a prol da lingua e cultura galegas.
Proxecto 2011/2012.
21
b) Apadriña unha palabra: Presentación das palabras máis fermosas
da nosa lingua.
c) Recantos da lingua: Resolución das dúbidas e os erros máis
frecuentes da lingua galega.
3.16. Édelingua.
II edición do premio “édelingua”, un premio con carácter anual que
quere facer visible aínda máis o labor desenvolvido polo EDLG ao longo do
ano ao premiar a aquel alumno ou alumna que máis se tivese significado na
promoción e dinamización da nosa lingua e cultura. O premio consiste
nunha peza de Sargadelos sobre peaña.
Sada, 3 de outubro de 2011.
conforme, a directora O coordinador
Asdo.: Concepción Pazos Pita Asdo.: Xosé Anxo Seoane Cao
Profesoras do EDLG
Asdo.: Natalia Veira Pol Asdo.: Ánxeles Lesta Ramallo Asdo.: Belén Iglesias Gómez

No hay comentarios:

Publicar un comentario