25/4/12

EXPOSICIÓN NA CASA DA CULTURA PINTOR LLORÉNS DE SADA

Do día 1 ao 20 de maio, na Casa da Cultura Pintor Lloréns, de Sada, permanecerá a exposición "Hórreos, cruceiros, fontes e lavadoiros do concello de Sada" preparada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón, baixo a coordinación de Xosé Seoane e a documentación do alumnado de 4º de PDC.


HÓRREOS:
O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o que necesitan certas condicións específicas que podemos concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores.

Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país ou curva. Son os característicos de toda a zona das Mariñas.
A agricultura neste concello é fundamentalmente de autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia. A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra ou mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos ornamentais que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran. Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés, ou o da casa dos Barbeito, en Souto Vello, parroquia de Mosteirón.



CRUCEIROS:
Un dos elementos máis significativos da iconografía galega é o cruceiro, a cruz de pedra que marca as encrucilladas de camiños e os adros das igrexas. Son máis de 10.000 os catalogados en Galicia. Segundo algunhas tradicións, servían para bendicir os camiños; outras vincúlanos a rituais de curación para eliminar os males do corpo e/ou do espírito. Nalgunhas comarcas eran lugar de enterramento dos nenos non bautizados e os familiares deixaban pegadas, cruces ou iniciais gravadas no varal. Hai quen considera que a súa orixe se remonta á época prehistórica en lugares nos que existían pedras fitas (menhires), e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas e colocáronse tamén en lugares como os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. O cruceiro é polo tanto un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espazo tamén sagrado. O cruceiro é obxecto de devoción e respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou concellos.A súa tipoloxía é variada, dende a extrema sinxeleza dunha cruz ata un prodixio de escultura; con capeliña (nicho) ou representando un calvario coas tres cruces. Polo regular todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión, Cristo crucificado en soidade; mentres que no reverso aparece a figura da Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe, do sufrimento na cruz e da súa morte.


FONTES E LAVADOIROS:
As persoas temos necesidade de harmonizar os ambientes nos que vivimos para así conseguir unha vida máis feliz. A auga e con ela as fontes son, sen lugar a dúbidas, elementos imprescindibles nesta configuración harmónica da paisaxe urbana. A auga das fontes, a auga pura, cristalina, cantareira e milagreira convértese en parte integrante do noso vivir cotiá e convídanos ao descanso, ao sosego, á tranquilidade do corpo e do espírito.
As fontes incítannos a facer un alto no noso camiño. A súa auga fresca calma a nosa sede e o seu abeiro permítenos contemplar a fermosa paisaxe que encadra. Non somos quen de concibir unha aldea, vila ou cidade sen fontes. Ai daquel camiño que non conduza cando menos a unha fontela! Antes eran o punto central das aldeas, dos barrios. Eran lugar de encontro. Ao seu carón xurdían os lavadoiros, lugares onde non só se lavaban as roupas, senón tamén as conciencias. Con elas naceron mil e unha historias, de amor, de desamor, de traizón, de soidade e ausencias...
Os lugares coñécense tamén polas súas fontes. Sada, como calquera outra vila, está chea delas. Moitas pasan desapercibidas para os cidadáns. Soamente as máis grandes son recoñecidas. Pero hai moitas máis. Hai fontes moi humildes,  fontelas descoñecidas das que flúe unha auga pura e moitas veces milagreira que só os máis vellos coñecen.
Esquecer as fontes, os seus nomes, as historias que aconteceron ao seu redor e deixalas morrer é como perder a memoria histórica; é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva, da humilde beleza do noso é un dos obxectivos que pretendemos conseguir con esta exposición. 




2 comentarios:

  1. Unha exposición ben recomendable!
    Por certo, que ben está o gif dos vídeos sobre Valentín Paz Andrade!

    ResponderEliminar
  2. Exposición excelente!Un sinte ter conciencia de país ao ver eses hórreos, ou lavadoiros, que forman parte de nós dende sempre. Parabéns, Xosé.

    ResponderEliminar