O *badén que non sabía se
subía ou se baixaba
Usar unha mesma palabra
tanto para un obstáculo que sobe como para outro que baixa parece que se
correspondería moi ben coa imaxe tópica do galego indeciso no medio dunha
escaleira. Pero non, neste caso é o castelán o que define con esa ambigüidade "tan
gallega" a palabra badén, pois o Diccionario de la Real Academia Española,
explica que pode ser tanto unha 'depresión en la superficie de un camino o de
una carretera', como un 'obstáculo artificial alomado que se pone de través en
la calzada para limitar la velocidad de los vehículos'.
Para o primeiro deses dous
conceptos, o Dicionario castelán-galego da RAG recomenda
empregar focha, fochancaou foxo. Pero para o segundo deles non
atopamos nesa obra unha referencia clara, pois na entrada badén, a única
denominación galega que remite á idea de 'elevación' é rampla, pero non
parece acaída para darlle nome ao obxecto de
que estamos a falar, xa que unha rampla adoita unir puntos situados a
diferentes niveis, o que non acontece neste caso.
Mellor alternativa parece
o lombo que recomenda o Gran dicionario Xerais da lingua. Por
unha parte, un dos seus significados ('pequena elevación do terreo') encaixa
moi ben co concepto que se pretende nomear; e por outra é coherente coas formas
elixidas noutras linguas, como portugués (lomba en
Portugal e lombada no Brasil) e inglés (speed hump).
Evitemos, xa que logo, *badén para nomear a 'banda elevada máis ou menos ampla
e de forma arredondada que se sitúa transversalmente nunha calzada, co fin de
obrigar aos condutores a reducir a velocidade na zona en que se instala', e
optemos no seu canto por lombo ou a súa variante lomba.
Vía : Servizo de
normalización da USC
SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ ESTE MOMENTO FAI CLIC
NO SEGUINTE ENLACE :
NO SEGUINTE ENLACE :
Grazas, gran dicionario :)
ResponderEliminar