15/3/12

A banda deseñada chora a Moebius


Homenaxe a Moebius de Santy Gutiérrez

A REDE RECOLLE HOMENAXES DOS NOSOS CREADORES DE BANDA DESEÑADA AO XENIO RECENTEMENTE FALECIDO
Os debuxantes galegos lembran a Moebius
MOEBIUS
Moebius feito en Galicia
O falecemento de Jean Giroud Moebius figura indiscutible da banda deseñada a nivel mundial, está a ecoar, com non, entre os creadores galegos. Deste xeito, son xa varios os autores, como Santy Gutiérrez, José Domingo e Kike Benlloch ou Miguel Porto, que contribuíron cos seus particulares homenaxes na forma de debuxos a través do web Luggage for the long journey of Moebius. O espazo foi promovido polo muradán Akeno Omokoto, e recolle contribucións deste tipo de todo o mundo. Canda a eles, o web Zona Negativa recolle as lembranzas de como entraron en contacto co falecido autores como Emma Ríos, Tirso Cons, Roque Romero ou o propio Akeno, entre outros. Inside Moebius é a obra máis persoal do grande xenio francés. Nela, Moebius  ofrécenos a viaxe interior que realiza cando decide abandonar a marihuana. Ao través dos seus diferentes álter egos e os seus personaxes máis queridos, Blueberry, Arzak, el Mayor Fatal... Jean Giraud Moebius  libérase de calquera atadura que puido ter tido e convídanos a mergullarnos no seu rico e particular universo creativo
Para lle render unha homenaxe a Moebius, e a proposta dalgúns alumnos afeccionados á banda deseñada, faremos algunha actividade na aula que daremos a coñecer cando estea realizada.
Ilustración de Miguel Porto en homenaxe a Moebius. 


13/3/12

Noticias sobre Valentín Paz Andrade

Mirade que estupendo traballo sobre Valentín Paz Andrade fixeron no CPI dos Dices en Rois.Trátase dun telexornal que repasa a vida do autor ao que se lle dedica o día  das Letras galegas este ano.
Moitos parabéns para os autores!

9/3/12

Roteiro rosaliano

O pasado mércores , 7 de marzo, o alumnado de 3º de ESO e 1º Bacharelato fixo este roteiro ,un itinerario que segue parte da vida de Rosalía de Castro, aínda que de xeito desordenado, dende o seu nacemento en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837, ata o 15 de xullo de 1885 en que se produce a súa morte en Padrón. Unha sinxela ruta que percorre os camiños que ela percorreu, que fai meditar nos recantos nos que meditou. Un camiño que nos permite identificarnos intimamente con Rosalía e con Galicia, aínda que nos limitemos á cidade de Santiago de Compostela e á vila de Padrón. Aquí podedes ver algunha das fotos desta actividade.



PERCORRIDO

 1. SANTIAGO DE COMPOSTELA 
Iniciamos a andaina no antigo convento de San Domingos de Bonaval, situado nun outeiro extramuros da cidade histórica, ao pé do camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. A igrexa data da época da fundación. É de estilo gótico, e sufriu diversas reformas e adicións ata o século XVI. Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poeta Rosalía de Castro e outros persoeiros galegos. 


MUSEO DO POBO GALEGO O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela. No museo visitaremos as exposicións permanentes dedicadas ao mar, aos oficios, ao campo, ao traxe, á música, ao hábitat e a arquitectura, á sociedade, aos oficios urbanos e á prensa e a imprenta. Ttamén as seccións de arqueoloxía e de arte. 

PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES No antigo convento de Bonaval , fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán e reconstruído en estiso Barroco nos séculos XVII e XVIII. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple. A igrexa é de Estilo Gótico e sufriu diversas reformas ata o século XVI. Nela está situado o Panteón dos galegos ilustres no que repousan os restos de Rosalía de Castro e doutros ilustres. 
A CATEDRAL DE SANTIAGO Concibida como unha pequena cidade de pedra en torno a unhas reliquias e dotada de vida propia, evolucionou con vitalidade ao longo dos anos, amosándose hoxe como un conxunto heteroxéneo de estilos e tendencias de diferente signo e cronoloxía que se foron superpoñendo sucesivamente. A Catedral románica, trazada seguindo o modelo francés das igrexas da peregrinación, ergueuse (1075-1211) sobre os restos das primitivas igrexas construídas no lugar onde apareceran as cinzas do Apóstolo, a última destruída por Almanzor no verán do ano 997. A auxe das peregrinacións e as riquezas dun dos señoríos feudais máis grandes da Península Ibérica permitiron o inicio da construción da Catedral baixo o episcopado de Diego Peláez. Organízase o espazo sobre a tradicional planta de cruz latina e tres naves. 

MONUMENTO A ROSALÍA No paseo da Ferradura atopámonos con este monumento homenaxe a Rosalía de Castro onde varios alumnos recitaron poemas da autora logo de observar as inscricións e características desta obra. 

2. PADRÓN

MONUMENTO A ROSALÍA 
 Realizaremos un paseo pola fermosa vila, para visitar os sitios de interese: o convento dos Dominicos, a Igrexa parroquial co Pedrón, o Xardín Botánico e pasear paseniñamente polo Esporón até chegar ao monumento a Rosalía no Esporón.. 

CASA MUSEO DE ROSALÍA DE CASTRO situada na aldea de A Matanza. Dende 1971 sede da Fundación Rosalía de Castro. 

COLEXIATA DE IRIA FLAVIA E CEMITERIO DE ADINA Desde a Casa Museo da Matanza iremos a Iria Flavia.A Colexiata, que segundo a tradición foi a primeira catedral de España, está rodeada por un fermoso adro. É o cemiterio de Adina que canta Rosalía e onde estivo soterrada de 1885 a 1891. A tumba está sinalizada. Fronte á colexiata está a Fundación Camilo José Cela. 
TEMPLO DE BASTAVALES Na aldea de Soigrexa tivo residencia esporádica Rosalía. O templo parroquial de Bastavales posúe unhas das campás máis fermosas de toda Galicia, instaladas en 1828. Rosalía podía escoitalas desde a casa do Castro de Ortoño.

8/3/12

Cine de mulleres

Mufest consolídase como 1 dos 3 festivais de cine de muller no Estado.  
O MUFEST é un festival audiovisual que promove o crecemento cultural e artístico e o impulso das futuras directoras, produtoras e guionistas, onde teñen cabida curtametraxes de animación, de ficción e documentais. Apoia a creación de novas obras audiovisuais que amosen novas perspectivas, tanto sociais como culturais, fomentando a diversidade e a visibilidade. "En relación ó público do Mufest , nunca pensamos en que fose distinto a outro tipo de festivais. A única diferenza é que só exhibimos e premiamos filmes dirixidos, producidos e/ou guionizados por mulleres. O que se pretende é visibilizar , apoiar e promocionar o traballo das mulleres neste eido. Mais, sobra dicir que disto tamén lle poden sacar rendemento os homes. Un filme inscrito no Mufest pode estar dirixido por unha muller pero, por exemplo, producido por un home. Este produtor tamén se beneficia, pois dase a coñecer o seu traballo". Por Rosabel Candal.Vía Dioivo

4/3/12

Fotografía inédita de Rosalía de Castro

 Hai uns sesenta días máis ou menos, volvín a unhas fotocopias que tiña gardadas da época da investigación rosaliana porque quería facer un vídeo sobre os fillos de Rosalía para YouTube. Empecei a gravar co teléfono móbil a Gala, a Aura, a Alejandra, a Ovidio e, de súpeto, ó facer un dos primeiros planos que tanto me gustan, reparei na ptose ou caída de pálpebra no retrato que se supoñía que era de Gala. Co corazón a cen por hora, só no meu cuarto, sentín moi emocionado que ésta era Rosalía, a miña amada Rosalía.
Autor: Ramón Torrado
Vía certo.posterpous.com/

2/3/12

ROSALÍA SEMPRE

Como xa sabedes, aproxímase a data da realización do noso roteiro rosaliano.No centro xa hai varios murais sobre a escritora e está sendo obxecto de estudo nas aulas de 3º de ESO e 1º de Bacharelato. Como complemento do traballado e como anticipo do roteiro, queda este glog para que poidades ver información básica sobre Rosalía.

IMAXE GIF

Bloggif montaje

25/2/12

AS MAZÁS CASAMENTEIRAS

O venres 24 de febreiro, no 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, estreamos en Espazo Cinema As mazás casamenteiras, última produción cinematográfica de Édelingua, a produtora de audiovisuais do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón de Sada.
A curtametraxe está baseada novamente nun texto de Séchu Sende. Está protagonizada por Alejandra e Miguel, de primeiro de ESO, e por Anna e Lucía, de 4º de ESO. Javier González Garrido (Genetic films), de 2º de Bacharelato, gravou, dirixiu e montou este filme no que a casualidade e o feito de valorar a esencia das cousas e non a súa aparencia provocan o encontro de dúas persoas moi especiais, un mozo e unha moza moi tenros, amantes da lectura e tamén das mazás do país, as máis saborosas, aínda que non teñan boa "pinta".

22/2/12

175 Anos de Rosalía na nosa literatura

Imaxe de aquí.





 
Rosalía na nosa literatura
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.



Día de Rosalía




A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro, do que este ano se cumpre o 175 aniversario.
A AELG convida a centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
No seguinte blog pódense consultar   todas as iniciativas, actos e celebracións que terán lugar ese día.

17/2/12

Entroido en Mosteirón



Hoxe celebramos o Entroido e o vindeiro venres no segundo recreo faremos a entrega de premios ás mellores comparsas. Ese día haberá tamén a estrea dunha nova curta. Non a perdades.




E a semana vindeira a seguir correndo o entroido e
a desfrutar moito rapazada !

Aquí quedan algúns dos ditos tradicionais para estas datas: 
* O entroido ao tizón, a Páscoa ao sol. 
 * Día de entroido ou de Páscoa, cada papón na súa casa. 
 * O antroido coas súas artes, botou a San Matías fóra do martes. 
 * Martes de entroido, cando has de vir; 
    casquiñas de ovos, case habedes de ruxir. 
 * Entroido larafuzán, coméchesme a carne e deixáchesme o pan.
 Cantiga de entroido: 
"Adiós" martes de Entroido, 
"adiós", meu amiguiño, 
hasta Domingo de Pascua 
non comerei máis touciño".

14/2/12

14 de febreiro por Xosé Lois


Alternativas ao castelanismo badén*


O *badén que non sabía se subía ou se baixaba
     Usar unha mesma palabra tanto para un obstáculo que sobe como para outro que baixa parece que se correspondería moi ben coa imaxe tópica do galego indeciso no medio dunha escaleira. Pero non, neste caso é o castelán o que define con esa ambigüidade "tan gallega" a palabra badén, pois o Diccionario de la Real Academia Española, explica que pode ser tanto unha 'depresión en la superficie de un camino o de una carretera', como un 'obstáculo artificial alomado que se pone de través en la calzada para limitar la velocidad de los vehículos'. 
     Para o primeiro deses dous conceptos, o Dicionario castelán-galego da RAG recomenda empregar focha, fochancaou foxo. Pero para o segundo deles non atopamos nesa obra unha referencia clara, pois na entrada badén, a única denominación galega que remite á idea de 'elevación' é rampla, pero non parece acaída para darlle nome ao obxecto de que estamos a falar, xa que unha rampla adoita unir puntos situados a diferentes niveis, o que non acontece neste caso.
Mellor alternativa parece o lombo que recomenda o Gran dicionario Xerais da lingua. Por unha parte, un dos seus significados ('pequena elevación do terreo') encaixa moi ben co concepto que se pretende nomear; e por outra é coherente coas formas elixidas noutras linguas, como portugués (lomba en Portugal e lombada no Brasil) e inglés (speed hump).


Evitemos, xa que logo, *badén para nomear a 'banda elevada máis ou menos ampla e de forma arredondada que se sitúa transversalmente nunha calzada, co fin de obrigar aos condutores a reducir a velocidade na zona en que se instala', e optemos no seu canto por lombo ou a súa variante lomba.


Vía : Servizo de normalización da USC



SE QUERES VER TODAS AS ACLARACIÓNS QUE FORON EDITADAS ATÉ  ESTE MOMENTO FAI CLIC 
NO SEGUINTE ENLACE :

13/2/12

Un novo xornal dixital en galego.


Naceu Praza Pública, novo xornal electrónico en galego
              Para os que non o saiban aínda  o día un deste mes comezou a súa andaina o novo xornal dixital en galego PRAZA PÚBLICA co obxectivo de ocupar o grande baleiro deixado co cerre doutros medios tan importantes como o Portal Vieiros , o diario A Nosa Terra ou o diario en papel Galicia Hoxe . Queda o seu enlace no noso blog .

9/2/12

Máis poemas de amor para a nosa exposición .

Dun poema de Rosalía de Castro, Roi Casal fixo esta versión incluída no seu disco Lendas Douradas

Meniña, ti a máis fermosa
que a luz do sol alumbrara;
ti a estrela da mañanciña 
que en puras tintas se baña;
ti a frol das froridas cumbres,
ti a ninfa das frescas augas,
ti como folla do lirio 
branca, pura e contristada
¿Quen eres, fada sin nome
de tan dormentes miradas,
de tan dorida sonrisa
de feituriña tan cándida?
¿Quisais de muller naceches
sendo tan limpia e tan casta?
¿Quisais das brisas da tarde,
quisais das brétemas vagas
das burbulliñas dun río,
quisais dunha nube branca?
¿Ou as espumas do mare
a un raio de sol xuntadas
pousáronte ó ser de aurora
nunha cunchiña de nacra?
Mais, de onde queira que sexas,
tristísima pasionaria,
por ti sinto un amor puro
que pouco a pouco me mata.
Por ti, de noite e de día,
cal vaga sombra encantada,
preto do teu vivir ximo,
ximo cos ventos que pasan
facendo vibrar sonoras
sentidas cordas dun harpa,
que con ecos tembradores
dos meus amores che falan.
Mais dime: ¿por que estás muda,
di por que estás solitaria,
di por que vives nos montes 
cos paxariños que cantan,
mentras ti choras e choras
ó pé dun olmo sentada,
toda de loito cuberta,
toda cuberta de lágrimas.


Rosalía de Castro . Cantares Gallegos .

6/2/12

EXPOSICIÓN DE POESÍA AMOROSA

         Como todas e todos sabedes o día 14 deste mes é San Valentín, e para facerlle os honores a Cupido, temos organizado no instituto  un concurso de microrrelatos de amor.
         Ademais o EDLG vai facer unha mostra de poesía amorosa escrita na nosa lingua.  Nos próximos días iremos subindo a este blog algúns dos poemas expostos no recibidor, para que lles sirvan de inspiración aos que aínda non se animaron a escribir o seu microrrelato.
Aquí queda o primeiro dos poemas , de Avilés de Taramancos , un dos nosos grandes .


                      PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

Todo canto eu amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.
 
Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.
 
De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.

ANTÓN AVILES DE TARAMANCOS
De «Poemas a Fina Barrios. Pequeno Canto» (1960),
recollido en «O tempo no espello» (1982)