8/12/11

SOÑEIRO

                                                              
                                                              Igrexa parroquial

San Xián de Soñeiro é unha parroquia localizada no sur do concello coruñés de Sada. Posiblemente o seu nome proceda dunha hipotética forma latina, *somnariu(m), "soño" "lugar de ensoño". Os paisanos, ao falarmos con eles, afirman que é unha terra para soñar.
Hai que salientar a Igrexa parroquial de San Xián, de mediados do século XIX, o seu cruceiro e a capela do Espírito Santo. Esta capela é antiga e destaca o seu retablo, hoxe en día restaurado.
Pero o que moitos descoñecerán é que no seu cemiterio, hai unha escultura en relevo duns corenta centrímetros, que é unha figura antropomórfica moi interesante da época romana. En épocas antigas facíase alí a romaría no Pentecostés.
Nun monte cercano, pódese apreciar unha pedra con forma de pisada. Disque esa pegada pertence ao Apóstolo Santiago.
Tamén hai que falar de personalidades importantes, como José Manuel Guitián, José Romero Pérez e Manuel Longueira Varela, presidentes do sindicato de Soñeiro, "La Defensa del Agricultor", dende o ano 1931 ao 1936.
Como Lugares interesantes de Soñeiro, salientaremos os seguintes:

- Campo de Sar: a repetida presencia das formacións sar, sor, e sarr no nome de moitos ríos fai pensar nunha antiga base *s`r, quizais expresiva ou onomatopeica, relacionada coa auga que pode ter orixe céltica (fluír, auga). Este hidrónimo adoita aparecer onde xorden pequenos efluvios ou mananciais.
- Coiro: topónimo que debe provir do prerromano *cor, "pedra altura, pedrosa", semellante á base preindoeuropea mediterránea *kar, "pedra", emprazado en lugar perfectamente pedroso.
- Costa: este topónimo metafórico preferido en superficies orográficas lembra algunha parte do corpo. É un apelativo de moitos lugares galegos situados en elevacións pequenas e redondeadas semellantes á curvatura da espalda, lombo, ou costas.
- Fonte Boa e Fonte da Vila: dan nome a lugares que teñen fontes e mesmo interesantes lavadoiros.

4 comentarios:

  1. Que ben, xa imos tendo máis información sobre os nomes de lugar.

    ResponderEliminar
  2. E máis que teremos....Penso que á noitiña aparecerá outro.

    ResponderEliminar
  3. Ola a todos,
    En primeiro lugar, parabéns ao EDLG e aos alumnos de Mosteirón polo traballo que estades a desenvolver e que podemos percibir a través deste blogue tan interersante. Son moi de valorar todas as iniciativas que persigan un mellor coñecemento da realidade local.
    Chámmome Manuel Pérez Lorenzo. Estudei historia na USC e levo algúns anos traballando na Historia de Sada, ben a título individual, ben como integrante da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Non sei se coñecedes as nosas publicacións, senón podemos facilitárvolas.
    Contade coa miña colaboración en todo o que estimedes en relación coa historia de Sada. O meu correo é lito-samoedo-galiza@hotmail.com.
    Vexo que encabeza o voso blogue unha fotografía de Francisco Varela Posse. Recentemente, desde a asociación, organizamos unha exposición de fotografías súas na Capela de San Roque. Se vos interesa, tédela á vosa disposición para expoñela en Mosteirón ou para traballar con ela en formato dixital.
    Por último, déixovos un enlace ao noso blogue da Asociación. Como veredes, na sección de ligazóns incluimos o voso blogue para darlle a maior difusión posible.
    http://www.blogoteca.com/acsuarezpicallo/
    Saúdos,
    Manuel Pérez Lorenzo

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas, Manuel, polo teu interese no noso blog. Coñecemos a Asociación Suárez Picallo e parécenos que fai unha labor moi meritoria. Polo tanto, estaremos en contacto convosco, xa que así nolo ofrecedes. E como non, sería interesantísimo contar con esa exposición de Varela Posse no noso instituto. Estaremos en contacto e, de novo, grazas.

    ResponderEliminar