As pescudas do alumnado comezan a dar froitos. Velaquí as averiguacións feitas sobre o topónimo Carnoedo:
O nome desta parroquia é de orixe lingüística celta. Nas linguas gaélicas, a palabra “Carn” aplícase principalmente a xacementos megalíticos ou a milladoiros de pedras. O topónimo “Carnoedo” faría por tanto probable referencia a un dolmen, mámoa, ou morea de pedras con significación relixiosa conservadas antigamente na parroquia.
O seu territorio conta con, cando menos, tres castros galaicos:
• San Amede: un castro de pequenas dimensións emprazado nunha punta rochosa sobre o mar.
• Taibó: de tamaño mediano e forma circular, está bastante ben conservado.
• Espiñeiro ou Pazos: practicamente desaparecido pola acción urbanizadora dos últimos anos.
Ningún foi escavado, se ben foron catalogados por E. Monteagudo.
A igrexa parroquial de San Andrés foi construída no 1878 e sufragada polo párroco Baltasar Canle y Souto, coma reza unha inscrición. Tamén destaca un cruceiro do s. XVIII, así coma algunha mostra significativa da arquitectura popular.
Con todo, o seu patrimonio máis importante é o natural, especialmente a súa costa rochosa, na que se suceden as praias de Arnela, As Fontiñas, Os Lobos, Armenteiro, Pedralba, Lourido e Amoreiras e outros accidentes xeográficos como a Illa da Paz ou a punta de San Amede.
Tomamos nota da referencia do cruceiro para a catalogación de cruceiros, fontes, lavadoiros e hórreos iniciado por outro grupo de traballo do EDLG.
ResponderEliminarParabéns.