Polos camiños de Cangas
a voz do vento
xemía:
ai, que soliña
quedache,
María Soliña.
Nos areales de
Cangas,
Muros de noite se
erguían:
Ai, que soliña
quedache,
María Soliña.
As ondas do mar de
Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña
quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre
Cangas
soños de medo
tecían:
ai, que soliña
quedache,
María Soliña.
Baixo os tellados
de Cangas
anda un terror de
agua fría:
ai, que soliña
quedache,
María Soliña.
En Longa noite de
pedra
|
Un tribunal Inquisitorial condenouna e converteuse no símbolo do sufrimento do pobo
Desta muller, que aparece reflectida na
literatura poética e tamén musicada en numerosas ocasións, temos poucos datos
persoais para reconstruír a súa vida. A fonte máis fidedigna é o
"Memorial al Rei" (enviado en 1617 por Jerónimo Núñez, procurador
de Cangas).
Tanto nos arquivos notariais como no arquivo
da Inquisición non se atopan documentos que permitan ter datos con respecto
ao xuízo inquisitorial que a condenou nin das súas riquezas e propiedades,
que se estenderían polas freguesías de Aldán e Moaña. Os datos históricos
sinalan que entre os anos 1599 e 1639 os corsarios, que reciben este nome por
teren licencia real, e os piratas, que normalmente traballan pola súa conta
pero que poden repartir beneficios coa coroa, tanto de orixe holandesa coma
francesa, atacan, asaltan, rouban as costas de Vigo e a península do Morrazo.
No ano 1617 Vigo foi atacada por naves turcas berberiscas; a península do
Morrazo sufrirá tamén estes ataques. As mulleres, igual que ocorrera na
Coruña con María Pita, defenden as costas dos ataques piratas e moitas veces
son violadas e torturadas, ademais de roubadas, nestes ataques.
Posteriormente a estes feitos varias das mulleres que organizaron a
resistencia nas costas do Morrazo foron acusadas de bruxería ante o Tribunal
da Inquisición. Unha delas sería María Soliño, apelido seguramente moito máis
real que Soliña, derivación daquel. A Inquisición confiscaba, previamente aos
xuízos, os bens das persoas procesadas e partía sempre da base da
culpabilidade, tendo que ser a acusada a que demostrase a súa inocencia.
Ademais, a denuncia ante a Inquisición podía ser anónima.
María Soliña, xunto con outras compañeiras,
foi encarcerada, torturada; os seus bens foron confiscados polo Santo Oficio
e ela condenada por bruxería. Malia que é certo que non foi queimada viva,
como moitas outras mulleres desa época, a loucura, a fame e a miseria foron
as que remataron coa súa vida; pasou a converterse no símbolo do sufrimento
do pobo, e moi especialmente das mulleres, perante o poder e o despotismo.
Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero
Cepeda
|
Vía :Album de mulleres
Unha triste historia...
ResponderEliminar